Presupostos municipais: as razóns do noso voto en contra

Share Button

No pleno do pasado venres, 3 de febreiro, sometéronse a aprobación os presupostos municipais para o exercicio de 2012. Os presupostos resultaron aprobados cos únicos votos favorables d@s catro concelleir@s do BNG. O Grupo Municipal Socialista votou en contra, mentres que @s catro concelleir@s PP abstivéronse.

O noso grupo xustifica o seu voto en contra en dous argumentos principais. En primeiro lugar, cremos que o actual goberno municipal fixo unha mala negociación coa empresa Corsán Corvián para o pago da débeda contraída polo goberno municipal do PP, durante o mandato de Tallón Cabana, en concepto de obras realizadas no edificio da Casa do Concello sen expediente administrativo nin consignación presupostaria.

O acordo resultante desa mala negociación implica o pago da débeda en catro anos, un prazo excesivamente curto, o que supón que, na práctica, tanto a vida municipal como o presuposto xiren en torno a ese pago, impedindo ou condicionando o normal funcionamento de servizos que o Concello viña prestando á cidadanía con total normalidade, pagando por eles unhas taxas e impostos razoables e adaptados ó poder adquisitivo da maioría d@s contribuíntes.

En segundo lugar, para o noso grupo resulta moi criticable que a única vía para incrementar os ingresos municipais sexa a suba de taxas e impostos á cidadanía, así como o citado recurte de servizos. A Alcaldesa e o seu goberno optan pola vía máis fácil, amosando unha falta clamorosa de sensibilidade social –impropia dun partido de esquerdas- e unha nula capacidade de xestión. En plenos pasados incrementáronse diversas taxas e impostos. Na sesión plenaria do pasado venres subíuse a auga e a recollida do lixo. O noso grupo votou en contra, mentres que o PP, aínda que manifestou as súas reservas, facilitou coa súa abstención que esta suba de taxas saíse adiante. O goberno do BNG pretendía subir tamén as taxas da piscina e do servizo de axuda a domicilio, pero finalmente retirou estes dous puntos da orde do día ante a previsión de falta de apoios para sacalos adiante. O Grupo Municipal Socialista discrepa completamente destas políticas. O momento actual, nun contexto de forte crise e elevado desemprego, non semella o máis propicio para subir taxas e impostos.

Voltando ós presupostos, e a modo de exemplo, no capítulo 6 (Inversións Reais) do estado de gastos aparece unha cantidade de 590.136,68 euros polo total deste concepto, cando na práctica, desglosando esa cantidade total, e aplicando os conceptos como son na realidade, o que lle poderíamos atribuir ó presuposto deste exercicio 2012 serían 204.186 euros, que corresponden á cantidade real que queda. Os 300.000 euros que destinan neste capítulo para pagar a Corsán non son investimentos reais e outros 85.950 corresponden ó  Plan de Obras e Servizos (POS) do 2011; contabilizan  neste capítulo 6 de Inversións Reais o POS de 2011 e tamén o de 2012.

Outro feito relevante neste pleno foi a retirada da Orde do Día do Informe de Morosidade do 4º trimestre de 2011 a petición do noso grupo, debido ós graves erros que o listado reflexaba. Nel figuraban importantes candidades de diñeiro como pendentes de pago, cando en realidade xa estaban pagadas. Polo tanto, ademais de correxir os importantes fallos detectados polo noso grupo, antes de dar conta e presentalo novamente a pleno deberán tamén anular o listado do 3º trimestre, dado que están interrelacionados e este si que foi levado a pleno. Convén lembrar que estes Informes de Morosidade foron utilizados con relativa frecuencia pola Alcaldesa para desprestixiar a xestión económica do anterior goberno municipal.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.