Día Mundial do Medio Ambiente. Cando a Xunta aproba un inxusto Plan Director da Rede Natura 2000

Share Button

altCase que dende a súa fundación, a Unión Europea vén amosando especial sensibilidade por todo aquilo que atinxe á preservación dos valores naturais, facendo especial fincapé naqueles ecosistemas do noso continente que pola súa singularidade paisaxística, morfolóxica ou biolóxica merecen ser protexidos como nichos de biodiversidade. Baixo esa premisa naceu no ano 1992 a Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE), precursora da Rede Natura 2000, e coa que se pretendía cumprir o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica nado na Cumbre da Terra de Rio de Janeiro dese mesmo ano.

A citada Directiva Hábitats obrigaba a cada estado membro da UE ó desenrolo dunha rede de espazos –coñecidos como LICs (Lugares de Interese Comunitario)- que haberían de ser protexidos en función dos seus valores botánicos e faunísticos.

O asentamento desta malla territorial sempre foi deficiente no noso Estado, e de xeito especial en Galicia, xa que logo a nosa terra continúa na cola das dezasete autonomías españolas en termos de porcentaxe de superficie protexida. As recentes verbas do conselleiro Agustín Hernández nas que sinalaba que no que atinxe á Rede Natura “non se prevé unha ampliación a curto prazo, non é unha das nosas prioridades” constitúen toda unha declaración de intencións, e contradín de forma inequívoca o programa electoral co que o propio PP se presentaba ós comicios galegos de 2012 e no que se avogaba por engrosar a lista de espazos medioambientalmente sensibles. Dende logo é unha particular forma de anticiparse á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.

Con todo, o territorio do concello de Cariño pode entenderse como unha rara e privilexiada excepción ó formar parte de dous LICs diferentes, unha ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e un Espazo Ramsar (humidal de importancia internacional) a un tempo.

Pero de volta a esta nefasta tesitura xeralizada, a Xunta vén de aprobar o Plan Director -previa seria ameaza de sanción por parte da Comisión Europea pola súa reiterada demora (tiña que ser efectivo no ano 2010)- que debe servir de guía para calibrar os usos que se fan destes hábitats vulnerables. Como era de agardar nun proxecto que emerxe a desgana, o documento elaborado amosa enormes eivas e chega acompañado de medidas controvertidas como, por exemplo, o é a redución de máis de 840 hectáreas de hábitats prioritarios na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais “Miño-Neira”.

Ademais, Bruxelas instou ó goberno galego a que amplíe a cobertura de certos hábitats prioritarios, como o son as turbeiras altas activas, e mesmo hábitats de interese como os bosques fluviais de bidueiros e freixos ou os prados de sega a baixa altitude.

Polo tanto o equipo do presidente Núñez Feijóo ponnos –unha vez máis- nun serio risco de sanción por infrinxir a lexislación comunitaria; a Comisión Europea esixe unha resposta.

Plan Director controvertido

A norma publicada no Diario Oficial de Galicia (DOGA) do 31 de marzo de 2014 mesmo podería vulnerar a Directiva Hábitats da Unión Europea. Apróbase un documento aberto á discrecionalidade e excesivamente permisivo con actividades lesivas, prácticas que haberían de requerir dunha fonda análise antes de ser definitivamente permitidas nestas áreas de alto valor ambiental. Deste xeito contémplase a posibilidade dunha maior edificabilidade (de ata un 50% superior á actual en zonas de alto nivel de protección), a apertura de explotacións mineiras a ceo aberto, a plantación de monocultivos forestais (por exemplo eucaliptais), o desenrolo de infraestruturas públicas, a ordenación de concentracións parcelarias e mesmo a implantación de plantas de produción acuícola en calquera punto da Rede Natura 2000.

Convén deterse un intre neste último aspecto para facer memoria dunha impopular medida que no seu día optou por tomar o daquela goberno galego bipartito, integrado polo PSdeG e o BNG, cando denegou o permiso para que unha coñecida multinacional galega –hoxe en quebra económica- construíse unha megapiscifactoría para a crianza de rodaballo na contorna do cabo Touriñán, posicionándose firmemente en prol da protección deste espazo incluído na propia Rede Natura; finalmente o affaire rematou cando a entidade privada optou por trasladar a factoría a Portugal entre fortes críticas por parte do Partido Popular e dalgúns sectores empresariais.

Hoxe os galegos podemos seguir gozando dos valores naturais deste privilexiado ecosistema mentres a planta acuícola lusa corre serio risco de ser pechada, como vimos de ler na prensa en datas recentes:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2014/05/31/bancos-portugueses-piden-venta-macroplanta-acuicola-pescanova-mira/0003_201405G31P41991.htm

Outro déficit básico que acompaña ó Plan Director da Rede Natura é que nace sen partidas orzamentarias asignadas, o que limita non só o desenrolo dunhas axeitadas políticas conservacionistas –cruciais para un óptimo mantemento dos hábitats- senón que afoga o desexable desenvolvemento económico sostible das poboacións que albergan estes territorios.

Por se fose pouco, non se teñen en conta outros aspectos tan relevantes como o son os valores xeolóxicos, cruciais en concellos como Cariño.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos denunciar os problemas que este Plan vai carrexar en concellos semellantes ó noso, cunha boa parte do seu territorio ó abeiro dalgunha figura de protección. Pensamos que a citada regra poderá provocar unha notable merma na riqueza natural e paisaxística, hipotecando o futuro dos territorios e, por extensión, tamén dos cidadáns que os habitan.

Consideramos polo tanto que é fundamental a redacción de plans de xestión específicos, adaptados á idiosincrasia propia de cada zona, buscando sempre un perfecto equilibrio entre dous intereses que, lonxe de estar pelexados, haberían de ser sempre complementarios: os económicos e os medioambientais. Só desde este prisma será posible albiscar o futuro con certas garantías.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.