Coñecer o noso: Lino Novás Calvo, un escritor universal nado na comarca

Share Button

altHai tempo que queremos relanzar esta sección da nosa web, adicada ó coñecemento de temas locais, e imos facelo lembrando a un escritor nado na comarca que nos vindeiros días vai a estar de actualidade.

Referímonos a Lino Novás Calvo, un ortegalés universal que naceu nas Grañas do Sor, no veciño concello de Mañón, no ano 1903. Novás Calvo marchou a Cuba ós 16 anos, acompañando á súa familia nunha emigración que naqueles tempos era o destino de moitos galegos. Alí traballou dende a súa chegada, para subsistir, en oficios moi diversos (libreiro, dependente, taxista e parece que até boxeador). Mais tamén aproveitou o tempo estudando idiomas e cultivando as súas inquedanzas literarias. Estes coñecementos permitíronlle adentrarse no ámbito da tradución (ocupándose de autores como Faulkner, Hemingway ou Huxley), do xornalismo, da literatura e máis tarde do ensino universitario.

Voltou a España en 1931 e visitou a súa aldea natal, mais semella que despois dos anos trinta nunca voltou á súa terra, se ben mantivo contacto cos seus familiares. En 1960, tralo triunfo da revolución cubana, marchou ós Estados Unidos coa súa muller e a súa filla, país no que faleceu ós oitenta anos de idade.

Os libros máis importantes de Novás Calvo pertencen á súa etapa cubana e algúns deles foron publicados en España na mítica colección Austral da editorial Espasa-Calpe. Cabe citar entre os seus títulos La luna nona y otros cuentos (1942) ou Cayo Canas (1946). Sen embargo, a súa obra máis recoñecida é seguramente a novela Pedro Blanco, el negrero (1933), unha obra fascinante que ten como trasfondo a trata de escravos. Foi publicada inicialmente en España na colección Austral e reeditada por Tusquets en 1999. Nestes tempos críticos, nos que desgraciadamente a explotación do ser humano recobra intensidade en Occidente, paga a pena ler esta excelente novela que achega unha das manifestacións históricas do fenómeno.

O noso amigo Antonio Rivera Losada, escritor e xornalista de Mera finado en 2002, foi a persoa que máis traballou na comarca pola recuperación da figura deste noso coterráneo. Convidado polo desaparecido colectivo cariñés Grupo Arrotreba, a mediados dos anos 90 Rivera pronunciou unha magnífica conferencia no Auditorio Municipal de Cariño, titulada Del Ortegal al mundo negro a través de Novás Calvo. Coa brillante oratoria que o caracterizaba, o escritor de Mera destacaba en Novás Calvo a súa capacidade para captar e novelar a psique do mundo negro, unha cualidade que Rivera entroncaba coa súa infancia en Grañas do Sor, con todas esas historias e lendas que o pequeño Lino tería escoitado ó pé da lareira.

Duns anos para aquí a obra de Novás Calvo vén sendo reeditada e estudada coa profundidade que a súa calidade merece. O ano pasado a Universidad de Sevilla publicou o estudo El negrero de Lino Novás Calvo y la biografía moderna, do profesor Manuel Jesús Gómez de Tejada Fuentes, que é asemade autor doutros traballos sobre a obra do escritor galego-cubano, a quen considera unha das figuras fundacionais da literatura cubana do século XX.

A filla de Novás Calvo, Himilce Novás, quixo que o legado do seu pai voltase a Galicia, a terra onde naceu, polo que donou recentemente ó Consello da Cultura Galega o que conversaba del: textos orixinais, documentos, libros e outras publicacións e incluso os seus propios lentes. A primeira iniciativa da institución que preside Ramón Villares foi dixitalizar o material recibido. A segunda son as xornadas que terán lugar en Santiago de Compostela os vindeiros 19 e 20 de xuño, e que contarán coa participación de escritores e investigadores como Emilio Grandío, o xa citado Jesús Gómez de Tejada, Pilar Cagiao, Bernardo Penabade, Xosé Neira Vilas ou a propia Himilce Novás. Non dubidamos que o Consello da Cultura Galega, co seu bo facer habitual, tentará publicar as actas deste encontro, ó que animamos a asistir a todas aquelas persoas que podan facelo. Aquí podes atopar o programa e outros datos de interese:

http://www.consellodacultura.org/evento.php?id=200196

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.