Eleccións autonómicas 2020: breve análise dos resultados

Share Button

Este domingo, 12 de xullo, tiveron lugar as eleccións autonómicas en Galicia e Euskadi. Nestes comicios inicialmente previstos para o 5 de abril e marcados polas excepcionais circunstancias derivadas da Covid-19 a cidadanía de ambos territorios apostou claramente pola continuidade, aínda que o taboleiro político rexistrou movementos importantes. En Galicia, como é ben sabido, o PP de Feijóo revalidou os seus 41 escanos da anterior lexislatura, sendo Ana Pontón, á fronte do BNG, a outra trunfadora da noite ó medrar dos 6 ós 19 escanos e converterse en segunda forza. O PSdeG-PSOE obtén un modesto crecemento en porcentaxe de votos e incrementa tamén un escano, acadando os 15. Desaparecen do hemiciclo as dúas forzas herdeiras de En Marea (Galicia en Común e Marea Galeguista) e tampouco non obteñen representación, como xa estaba previsto, Ciudadanos nin Vox.

Cómpre, polo tanto, felicitar ó Partido Popular por revalidar a súa maioría absoluta e tamén ó BNG polo seu forte crecemento, recuperando a condición de segunda forza que xa tivera noutras etapas da política autonómica (en 1997 e 2001, aínda que na segunda destas datas empatando co PSdeG-PSOE en 17 escanos). O modesto avance do noso partido non debe levar a eludir a necesaria reflexión, tendo en conta os favorables resultados obtidos nas xerais e municipais de 2019.

En Cariño a forza máis votada foi tamén o PP, partido que no noso concello adoita acadar os seus mellores resultados en Autonómicas. A opción liderada por Feijóo obtivo 770 votos (45,43 %), o noso partido 395 (23,3 %), o BNG 389 (22,95 %), Galicia en Común 74 (4,37 %) e Vox 35 (2,06 %). Ningunha das outras opcións superou os 10 votos.

Confírmase, pois, no noso concello a tendencia extendida en toda Galicia dun descenso relevante con respecto a anteriores eleccións xerais e municipais. Sen embargo, cómpre salientar, tal como amosa a gráfica que acompaña a esta entrada, que o noso partido obtén en Cariño a segunda mellor porcentaxe de voto dos 19 concellos de Ortegal-Ferrolterra-Eume, só superada por A Capela. Ese 23,3 % dos votos emitidos supera en catro puntos á media galega e, ademais, a extrapolación dos resultados de Cariño á totalidade do territorio galego daría como resultado un executivo de esquerdas con socialistas e nacionalistas empatados a 19 escanos e liderado polo noso partido; esta circunstancia unicamente se produce en tres dos 93 concellos da provincia. Cariño é tamén un dos catro concellos da comarca nos que o noso partido mantén a condición de segunda forza (xunto con Cerdido, Mañón e Valdoviño). Como nota negativa, sinalar que a participación estivo de novo sensiblemente por debaixo da media: en Galicia foi do 58,88 %, mentres que en Cariño quedou nun exiguo 51,82 % (1.704 votos contabilizados e 1.584 abstencións).

Dende a Agrupación Socialista de Cariño agradecemos a confianza a tódalas persoas que apoiaron a candidatura socialista e reiteramos a felicitación a PP e BNG, ó tempo que facemos constar a determinación de achegar o noso gran de area para que o PSdeG-PSOE se convirta nunha opción gañadora tamén a nivel autonómico.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.