Adeus a Narciso Luaces

Share Button

Este domingo, 19 de xullo, recibimos a noticia do falecemento de Narciso Luaces Pardo. Co seu adeus, a comarca do Ortegal perde a un dos seus máximos referentes na protección e conservación do seu rico patrimonio etnográfico.

Nado en 1929 en Meixido (Freires, Ortigueira), Narciso foi un labrego culto e dinámico que, trala súa xubilación, decidíu crear, en compaña da súa muller Herminia, o Museo Etnográfico de Meixido. Inaugurado en 1999 e ubicado en dependencias da súa propiedade, o museo garda na actualidade máis de 3.000 pezas relacionadas cos oficios e a vida tradicional na nosa bisbarra, incluíndo algunha da industria conserveira cariñesa.

Aínda que a creación do museo é seguramente a faceta máis destacada de Narciso, o seu labor incansable inclúe tamén a publicación de varios libros e artigos, entre os que destacan a novela baseada en feitos reais O carreiro. Memorias do tío Santos (Galaxia, 2000) e Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos (Toxosoutos, 2013). Tamén é moi salientable a súa implicación ou colaboración, ó longo de varias décadas, en entidades e colectivos relacionados coa cultura e o patrimonio do Ortegal (Edicións O Paporroibo, Arrós, Fundación Ortegalia, Terras do Ortegal…).

Como resultado desta actividade, pero tamén da súa personalidade afable, sensible, inqueda, xenerosa e de trato esquisito, Narciso colleitou ó longo da súa vida un nutrido grupo de amizades e recoñecementos. En 2015 o Concello de Ortigueira dedicoulle as actividades da súa iniciativa Ortigueira Literaria Dixital e en 2018 a Asociación Terras do Ortegal publicou o libro Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O infatigable compromiso coa terra, no que escriben, entre outros, Vicente Peña, Carlos Breixo ou Bernardo Penabade.

Persoa tolerante, e con amizades en todo o espectro político, Narciso era tamén unha persona progresista, que mesmo ten formado parte dalgunha das candidaturas socialistas ás eleccións municipais no Concello de Ortigueira. A Agrupación Socialista de Cariño co-organizou a presentación do libro Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos na nosa localidade, que tivo lugar o 7 de decembro de 2013.

Xa dende antes do seu falecemento, a comarca do Ortegal ten contraída unha débeda con Narciso Luaces e a súa dona Herminia. O proxecto de publicar o catálogo da súa colección etnográfica, iniciado hai uns anos, segue sen rematar. E a preservación deste importante legado, en particular das pezas que garda o seu museo, pechado dende hai uns anos, é tamén unha tarefa inexcusable, que esixe igualmente a suma de vontades e esforzos. Agardamos que así sexa.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.