Eleccións catalanas: unha valoración de urxencia

Share Button

Escribimos esta entrada cando o escrutinio electoral das eleccións catalanas está a piques de pecharse. Os resultados amosan unha victoria con maioría absoluta das opcións que apostan pola independencia (Junts pel Sí e CUP), se ben a porcentaxe de voto acadada por ambos partidos non chega ó 50 %. A participación foi elevada, situándose en máis do 77 %. Emerxe un complexo panorama que merece varios comentarios.

A coalición electoral Junts pel Sí -que conta con Convergència Democràtica de Catalunya (CDC) e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) entre outras forzas- gaña as eleccións con maioría simple e 62 escanos. A victoria é clara, pero supón un descenso de 9 escanos con respecto á suma de 71 que nas eleccións de 2012 obtiveran CIU (50) e ERC (21). Artur Mas conseguíu que durante a campaña se falase exclusivamente da independencia e non da súa máis que mellorable xestión e dos casos de corrupción do seu partido. Este éxito no curto prazo pode derivar nunha situación complexa de xestionar e chea de incógnitas, ó tratarse dunha coalición con culturas políticas moi diferenciadas e na que de seguro daranse contradicións e episodios de competición interna. Por outro lado as CUP, a outra opción independentista, xa teñen manifestado que non queren a Mas de Presidente nesta nova lexislatura.

Ciutadans é a forza política que máis medra nestas eleccións ó acadar 25 escanos (en 2012 obtiveran 9). Son a segunda forza e representan un voto claramente antinacionalista e que, ó mesmo tempo, bebe da indignación contra os partidos tradicionais. Serán unha opinión a ter en conta na presente lexislatura.

Os nosos compañeiros do Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) chegaban a estas eleccións con perspectivas moi negras nas enquisas, pero finalmente resisten como terceira forza obtendo 16 escanos (catro menos que en 2014). Na liña ascendente amosada polos socialistas cataláns nos últimos meses ten moito que ver o papel desempeñado polo seu candidato, o compañeiro Miquel Iceta, ó que queremos expresar o noso recoñecemento pola súa excelente campaña electoral. Este resultado, en calquera caso, non debe levar a eludir a necesaria reflexión crítica –e non só, nin principalmente, en torno á cuestión territorial- no socialismo español en xeral e catalán en particular.

Catalunya Sí que es Pot -coalición formada por Iniciativa per Catalunya Verds (ICV), Esquerra Unida i Alternativa (EUiA), Podemos e Equo- representa un dos pinchazos nesta noite electoral, acadando a cuarta posición con 11 escanos, dous menos dos que obtiveran en 2012 ICV-EUiA sen a concurrencia de Podemos. Se cadra a calculada ambigüidade á que recurre con frecuencia este partido non funciona ben nun escenario claramente polarizado como o catalán. Por outro lado, os resultados inciden en tendencias que veñen manifestándose dun tempo para aquí (enquisas, eleccións andaluzas, etc.): o paulatino retroceso de Podemos e a súa substitución por Ciudadanos como principal alternativa ó bipartidismo.

O Partido Popular, en quinta posición con 11 escanos, reitera a súa condición de forza menor na política catalana e experimenta o maior retroceso do arco parlamentario ó perder oito escanos. De seguro non axudaron nin a designación dun candidato polémico -que viña de perder a Alcaldía de Badalona e ó que moitas persoas perciben como un provocador- nin tampouco a errática traxectoria do goberno de Rajoy nesta lexislatura. Ciudadanos pode convertirse, no curto prazo, nunha preocupación seria para o PP.

Por último, a Candidatura d’Unitat Popular (CUP), que representa o espazo independentista de corte rupturista, pecha o arco parlamentario en sexta posición con 10 escanos (sete máis que en 2012).

O gráfico que acompaña a esta entrada provén da páxina web de La Voz de Galicia.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.