Non á supresión dos partidos xudiciais: proposición do Grupo Parlamentario Socialista

Share Button

Á Mesa do Parlamento

 

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das súas deputadas e do seu deputado, Beatriz Sestayo Doce, Marisol Soneira Tajes e Vicente Docasar Docasar, a través do portavoz, e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa mesa a seguinte proposición non de lei para o seu debate na Comisión 1ª.

O Goberno vén de anunciar a supresión dos partidos xudiciais existentes en Galicia, para concentrar aos xuíces nas capitais provinciais e crear tribunais de instancia. En Galicia esa medida suporá a desaparición de 43 partidos xudiciais e unha fonda alteración do funcionamento da xustiza, da accesibilidade dos cidadáns e dos custos asociados.

O Goberno popular modificou fondamente esa proposta, paralizando os procesos de modernización tecnolóxica, de posta en funcionamento da nova oficina xudicial e de creación de prazas. Agora proponse a desaparición dos partidos xudiciais e a concentración da actividade xurisdicional nas capitais de provincia. Mesmo cidades como Vigo, Santiago ou Ferrol perderían as súas sedes xudiciais.

Así o Goberno Rajoy, co respaldo da Xunta de Galicia, continúa o labor de afastamento dos cidadáns da xustiza. Primeiro promulgaron unha nova lei de taxas, disuasorias pola súa contía e restritivas para as persoas con menos recursos. Agora a supresión de partidos xudiciais incrementará os custos de desprazamento. Fica esquecida a defensa dos dereitos dos cidadáns e o acceso a unha tutela xudicial efectiva, como garante o artigo 24.1 da Constitución española.

Esta proposta ten un grave impacto sobre a vida cotiá dos cidadáns e das cidadás, porque desaparece o partido xudicial de Ortigueira que comprende os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche e Ortigueira.

En consecuencia, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que:

1º) Traslade ao Goberno de España o rexeitamento da proposta de supresión dos partidos xudiciais de Galicia.

2º) Esixa do Goberno de España o mantemento do partido xudicial de Ortigueira que comprende os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche e Ortigueira.

 

 

Pazo do Parlamento, 8 de abril de 2014.

Asinado: Beatriz Sestayo Doce, María Soledad Soneira Tajes, Ricardo Vicente Docasar Docasar e José Luis Méndez Romeu.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.