O Concello de Cariño avanza no seu plan de aforro enerxético

Share Button

Tal como vén de publicar El Comarcal, suplemento de La Voz de Galicia, o Concello de Cariño continúa co seu Plan de Eficiencia Enerxética Local, un proxecto posto en marcha no ano 2016 e grazas ao cal téñense investido dende entón case 120.000 euros, procedentes na súa totalidade doutras administracións.

As intervencións da anualidade 2018 supoñen a substitución de 150 vellas lámpadas de sodio e 70 kW de potencia por modernas luminarias Led de 40 kW nas parroquias da Pedra (Figueiroa), Sismundi e Cariño por un valor superior aos 32.000 euros. Os traballos, que se atopan próximos á súa finalización, realizáronse en boa parte dos farois que iluminaban as vías locais de Figueiroa e Sismundi, así como nas inmediacións do IES Cabo Ortegal. En palabras do Alcalde, José Miguel Alonso Pumar, coa substitución dos puntos de luz o Concello de Cariño consegue tres obxectivos, como son ir modernizando a rede de iluminación, acadar un importante aforro económico e reducir a contaminación.

O aforro financeiro estímase próximo ao 40% da factura eléctrica, o que permitirá que o Concello dispoña de máis recursos propios para destinar aos veciños sen necesidade de subir os impostos. Aínda que o aumento impositivo é unha vía habitualmente empregada para conseguir ingresos, dende o Goberno Municipal vense apostando por un modelo distinto: obter recursos controlando o gasto superfluo. Grazas a este tipo de iniciativas foi posible rebaixar o IBI en 2017 ou facer máis accesible o bono familiar para a piscina.

O Plan de Eficiencia Local comezou en 2016 coa substitución de lámpadas na práctica totalidade da parroquia de Feás. Naquel momento o Concello acometeu os traballos con fondos achegados pola Deputación da Coruña e o Inega por importe de 36.000 euros, conseguindo que a factura eléctrica correspondente aos meses de novembro e decembro de 2016 fose de 418,01 euros fronte aos 1.685,04 euros do ano 2015. É dicir, máis dun 75% de aforro.

Nese mesmo exercicio, e con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, substituíuse unha das caldeiras de gas da piscina municipal por outra de pellets, máis eficiente e ecolóxica. Un ano despois o gasto baixara dos 41.000 euros investidos en gas durante 2015 aos 22.000 euros en pellets no 2017.

En 2017 o Plan tivo continuidade coa substitución das vellas e ineficientes pantallas proxectoras de cada unha das catro torres de iluminación do campo de fútbol. Deste xeito pasouse de consumir unha potencia de 32.000 kw a 16.000. Ademais modernizáronse os tendidos, luces auxiliares e cadros eléctricos das instalacións. En total investíronse 48.884 euros, conseguíndose ademais melloras por un importe de 6.131 euros.

Modernización da depuración de augas e do tendido eléctrico en Figueiroa

Unha vez finalizada a substitución de lámpadas, nos próximos días o Concello de Cariño comeza dous novos investimentos, neste caso de novo en Figueiroa. Un deles será a substitución da maioría do obsoleto tendido eléctrico, que dende facía meses viña dando problemas de apagamentos dado o seu mal estado.  Para estas tarefas destínanse máis de 14.380 euros.

En definitiva, xa son tres os exercicios nos que se fixeron grandes esforzos na mellora das instalacións eléctricas municipais e, aínda que sempre pode producirse un problema puntual, parece que atrás quedaron aqueles tempos nos que os apagamentos de liñas enteiras eran a tónica habitual. Hoxe, despois do esforzo realizado, o mantemento do alumeado público está instalado na absoluta normalidade.

A segunda das actuacións ten que ver cunha mellora na eficiencia da nova depuradora. Para iso estanse a separar traídas de augas pluviais –polo tanto limpas- que indebidamente acababan na rede de saneamento, o que provocaba un maior impacto ambiental na calidade das mesmas ademais de incrementar o consumo eléctrico por parte da instalación depuradora. As obras están presupostadas en 14.641 euros.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.