Centro de Día e Residencia de Maiores: un crucial paso adiante

Share Button

O Concello de Cariño vén de informar dun paso crucial para a conclusión das obras e posta en funcionamento do Centro de Día e Residencia de Maiores, un proxecto promovido polos socialistas na súa anterior etapa no Goberno Municipal e que quedara paralizado hai oito anos pola quebra da empresa construtora cando o edificio estaba case rematado e pendente de entrega.

Tal e como recolle o xornal La Voz de Galicia, o actual executivo municipal vén de desbloquear a situación. A administradora concursal pedía uns 60.000 euros, correspondentes a dúas certificacións de obra en concepto de acopios, que o Concello negouse a abonar ó non estar claro que se tivesen efectuado e ó non terse entregado a obra.

O procedemento xudicial alongouse sen que o Concello puidese tocar a obra nin resolver o contrato, ata que en xuño declarouse a liquidación da empresa. Esta decisión permitía resolver o contrato do centro, comezando pola liquidación, certificada no Rexistro Mercantil. A firma non presentou alegacións pola vía administrativa, nin recurríu ó contencioso (o prazo vencía o 15 de outubro), polo que o contrato queda sen efecto. O Concello agora reclama 163.914,40 euros en concepto de danos e perxuízos, a partir da taxación efectuada polos arquitectos da Deputación; ademais de incautar o aval de 58.565,61 euros, cuxo pago xa anunciou a entidade bancaria.

O Alcalde, José Miguel Alonso Pumar, agarda ter listo a comezos de 2019 o proxecto para rematar o inmoble, que se ten deteriorado polo estado de abandono destes anos. O mandatario socialista instará á nova responsable de Política Social, Fabiola García, a reactivar o convenio negociado co seu predecesor, José Manuel Rey Varela. Naquel acordo, que xurdíu dunha reunión do Alcalde e da Concelleira de Servizos Sociais, María José Fraguela, co entón Conselleiro, o 11 de abril de 2016, a Xunta comprometíase a financiar o 60 % do custo dos traballos pendentes (estimado nuns 300.000 euros). O Concello aprobou o convenio en setembro de 2016 e remitíuno á Xunta, pero nunca tivo resposta.

En declaracións ó xornal citado, o Alcalde definíu este importante paso como a maior alegría do mandato, engadindo que “estamos moi ilusionados por poder rematar e dar servizo ós veciños”. A Concelleira María José Fraguela incidíu no papel dinamizador que terá este servizo, polos postos de traballo cualificados que xenerará.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.