As nosas suxerencias: Still got the blues

Share Button

O pasado domingo faleceu en Estepona, ós 58 anos de idade, o formidable guitarrista irlandés Gary Moore. A nosa sección de suxerencias adicámola esta semana, na súa memoria, a un dos seus discos máis famosos, Still got the blues, aparecido en 1990.

Moore fíxose famoso como guitarrista de Thin Lizzy, un grupo de hard rock liderado por Phil Lynott que, aínda hoxe, é reivindicado polos ourensans Los Suaves como unha das súas grandes influencias.

Xa en solitario, Moore grabou un amplo número de álbumes xirando en torno a estilos como o heavy, o rock melódico ou o blues. Foi neste último estilo onde acadou quizais os seus maiores éxitos, colaborando con grandes figuras do xénero como B.B. King ou Albert Collins e grabando excelentes cancións como as que se inclúen no disco que aquí recomendamos.

A Wikipedia contén unha ampla entrada sobre Gary Moore, que podes atopar aquí:

 http://es.wikipedia.org/wiki/Gary_Moore

Tamén en Youtube, que a día de hoxe constitúe, entre outras cousas, un magnífico arquivo da historia do rock, podes atopar moito material interesante. Recomendámosche esta versión en directo da balada Parisienne Walkways, outro dos seus clásicos, interpretada nesta ocasión xunto a Phil Lynott:

http://www.youtube.com/watch?v=18FgnFVm5k0  

 

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en As nosas suxerencias: Still got the blues

O Concello convoca catro contratos laborais para a piscina municipal

Share Button

A apertura da piscina municipal está a piques de ser unha realidade. Por esta razón, o Concello de Cariño acaba de lanzar a convocatoria de catro contratos laborais para ocuparse do funcionamento das citadas instalacións.

A convocatoria publicouse hoxe na páxina web do Concello de Cariño, onde podes atopar toda a información necesaria. Dous dos contratos están orientados ó perfil de operario-técnico, con responsabilidades de mantenemento, apertura e peche do edificio, etc. Podes atopar a información aquí:

http://www.concellodecarino.com/aodia/aviso.php?lg=gal&id=282

Os outros dous contratos teñen un perfil de socorrista. A información está dispoñible aquí:

http://www.concellodecarino.com/aodia/aviso.php?lg=gal&id=283

Queremos lembrarche que a páxina web do Concello de Cariño ofréceche a posibilidade de Subscribirte para recibir na túa conta de email este tipo de convocatorias laborais, notas de prensa e outros avisos. É moi sinxelo. Para elo tes que facer un click na opción Subscrición que aparece na parte superior da páxina.

 

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en O Concello convoca catro contratos laborais para a piscina municipal

Ría de Cariño-Ortigueira: por unha ría con dúas beiras

Share Button

O uso de moitos termos xeográficos non é inocente. Ben ó contrario, arrastra moitas veces preconceptos, relacións de poder ou dominación, etc. No caso de Cariño, a carencia histórica dunha institución municipal propia motivou algunhas situacións deste tipo e, así como existe unha Ría de Muros e Noia, a nosa ría bautizouse co nome de Ría de Ortigueira.

Este nome é incorrecto, pola sinxela razón de que a ría é moi extensa e unha parte relevante da mesma sitúase no termo municipal de Cariño. Por esta razón, tanto a nivel institucional, dende o Concello, como a nivel político, dende a Agrupación Socialista de Cariño, vimos promovendo o concepto de Ría de Cariño-Ortigueira. Obviamente, non pretendemos con elo perxudicar a ninguén, nin se trata de quitarlle a Ortigueira o que é tamén seu. Trátase, simplemente, de promover unha terminoloxía xeográfica máis xusta e acorde á realidade.

Esta liña de actuación cobra plena xustificación se temos en conta o inconmensurable valor da nosa ría. A recente campaña da Xunta Coida Galicia, a publicación de dous recentes libros por parte da institución municipal ou o eco mediático que está acadando a Aula do Mar xustifican os esforzos nesta dirección.

  

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Ría de Cariño-Ortigueira: por unha ría con dúas beiras

Demagoxia e paro na Galicia de Feijóo

Share Button

A prensa de hoxe contén algunha información que paga a pena comentar. O PP de Galicia amosa o seu desexo de gobernar en 210 concellos tralas eleccións de maio e un dos seus máximos responsables, Alfonso Rueda, afirma que "o reto é lograr que os 315 candidatos que presentamos ás eleccións gañen aos 315 representantes de Zapatero que se presentan baixo a marca PSOE".

A capacidade do Sr. Rueda para insultar á intelixencia da cidadanía galega é dificilmente superable. Por outra parte, as súas palabras amosan un escaso respeto polo sistema democrático. A consecuencia lóxica das súas palabras sería dicir ¿Para qué celebrar eleccións municipais se xa votamos nas eleccións xerais?

Ante despropósitos como este, hai que dicilo alto e claro: o 22 de maio celébranse eleccións municipais, non autonómicas nin xerais. O socialismo presentará en toda España un amplo mosaico de proxectos e propostas, adaptados á realidade de cada concello, e artellados en torno ás nosas históricas sinais de identidade: socialdemocracia, defensa do sector público, apoio ós sectores sociais máis desfavorecidos, loita contra o desemprego, promoción da cultura e do deporte… A partir de principios coma os citados, cada Agrupación Socialista construirá a súa proposta en cada Concello. Non renegamos do Goberno de España, pero o 22 de maio votamos outra cousa.

Por outra parte, está por ver en qué medida se achega o PP a ese desexo de gobernar 210 concellos galegos. As enquisas suxiren unha realidade moi distinta e, sobre todo, poñen de manifesto que os gobernos progresistas resistirán nas sete cidades galegas, polo que os concellos máis importantes gobernados polo PP seguirán sendo vilas como Lalín ou Ribeira. Na nosa opinión, a partida está aberta e a resolución de moitas das incertidumes dependerá do traballo que fagan (fagamos) os diferentes partidos de aquí ó 22 de maio. 

Con todo, os representantes do PP galego farían ben en preocuparse polas escandalosas cifras de paro que amosa a nosa Comunidade Autónoma, situada á cabeza de España en destrucción de emprego. A día de hoxe, as Comunidades Autónomas teñen un elevado número de competencias en educación, sanidade, industria, cultura e un longo etc. Resulta demagóxico e intolerable, como xa sinalamos nalgunha ocasión, seguir cargando toda a responsabilidade do paro no Goberno de España. As Autonomías son -ou deben ser- un axente fundamental de creación de emprego (aínda que actualmente a Xunta de Galicia é o todo o contrario: un motor de desemprego). 

Hoxe La Voz de Galicia, un xornal nada sospeitoso de socialismo, publica un artigo, a cargo de Domingos Sampedro, titulado El desempleo ronda a Feijóo. Podes atopalo aquí:

http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/02/06/0003_201102G6P20991.htm

 

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Demagoxia e paro na Galicia de Feijóo

As nosas suxerencias: Google Art Project

Share Button

 

¿Gústache a arte? Estás de noraboa. Como quizais xa verías nos medios de comunicación, Google acaba de lanzar á web o seu novo proxecto, chamado Google Art Project. Despois de probalo, a nosa sección de suxerencias, que iniciamos a semana pasada, non pode facer outra cousa que adicarlle hoxe o seu espacio.

Google Art Project é froito da colaboración de Google cos mellores museos do mundo, como o Reina Sofía, o Hermitage, o Metropolitan, o Pazo de Versalles ou a Galería dos Uffizi. As ferramentas que ofrece son basicamente dúas: a posibilidade de facer un percorrido virtual polo interior dos museos, para o cal Google empregou a súa tecnoloxía Street View; e a posibilidade de contemplar obras de arte, principalmente pintura, pero tamén outras técnicas como escultura, cunha calidade en moitos casos superior á que poderías apreciar en directo, gracias a unha potente opción de zoom. Para a captura das obras de arte Google empregou unha tecnoloxía de súper alta resolución ou gigapíxel. Na actualidade a páxina web do proxecto ofrece 1061 obras de arte pertencentes a 486 artistas. É posible acceder a información complementaria sobre cada un dos museos e obras e pódese, ademais, crear un museo virtual propio. Coñecendo a Google, é fácil prever que o repertorio de museos e obras de arte seguirá medrando.

Noutra ocasión é posible que discutamos sobre os defectos de Google, sobre os perigos e inconvintes -que sen dúbida existen- da era dixital. Hoxe, sen embargo, é un día para admitir sen paliativos que Google Art Project constitúe unha iniciativa fabulosa e unha enorme aportación á democratización do coñecemento e do desfrute da arte.

Sabemos que en Cariño existe dende sempre unha notable afición á pintura e ás artes en xeral, incentivada nos últimos anos polos cursos organizados polo Concello. Así pois, estamos seguros que dende este pequeno recuncho do noso mundo cada vez máis globalizado moitas persoas felicitarán hoxe a Google.

Desfruta de Google Art Project. Paga a pena. Aquí tes o enderezo web:

http://www.googleartproject.com 

    

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en As nosas suxerencias: Google Art Project

Tribuna Complutense eloxia ó Concello de Cariño

Share Button

 

O último número de Tribuna Complutense, a gaceta informativa da Universidad Complutense de Madrid (UCM), adica unha reportaxe á guía xeolóxica do Cabo Ortegal recentemente publicada polo Concello de Cariño.

O número 109 (25 de xaneiro de 2011) da mentada gaceta informativa recolle esta nova en páxinas centrais, nun número que destaca o potencial das investigacións da Complutense no ámbito das Ciencias da Terra. Así, a portada deste número de Tribuna Complutense ábrese co titular La UCM se consolida como referente en la investigación en Ciencias de la Tierra e na páxina 9 recóllese a nova da creación do Instituto de Geociencias, un novo centro mixto do CSIC e a Complutense.

As páxinas centrais (12-13) adícanse á publicación da guía, unha reportaxe que ocupa as dúas páxinas completas con varias fotos a cor e que leva por título Una brújula geológica del Complejo de Cabo Ortegal. Nela cítanse iniciativas como a Aula do Mar e sublíñase o moito que aínda queda por investigar nas nosas rochas. Recóllense ademais as declaracións de Ricardo Arenas, Catedrático da mentada Universidade e principal responsable da edición recentemente promovida polo Concello: "Arenas asegura que el Ayuntamiento de Cariño es especialmente receptivo a los geólogos, como se demostró en la recepción que hizo el alcalde a los 40 alumnos complutenses que fueron a Cabo Ortegal hace unos pocos meses. La noticia del encuentro apareció en algunos medios regionales gallegos y para los estudiantes fue toda una experiencia…". A reportaxe finaliza co seguinte párrafo: "La belleza del lugar y su valor científico hacen que Arenas sueñe con que la zona se convierta en un geoparque o incluso en un parque nacional. El tiempo lo dirá".

Podes descargar a reportaxe aquí:

http://www.ucm.es/info/ucmp/cont/descargas/prensa/tribuna2457.pdf

 

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Tribuna Complutense eloxia ó Concello de Cariño