Demagoxia e paro na Galicia de Feijóo

Share Button

A prensa de hoxe contén algunha información que paga a pena comentar. O PP de Galicia amosa o seu desexo de gobernar en 210 concellos tralas eleccións de maio e un dos seus máximos responsables, Alfonso Rueda, afirma que "o reto é lograr que os 315 candidatos que presentamos ás eleccións gañen aos 315 representantes de Zapatero que se presentan baixo a marca PSOE".

A capacidade do Sr. Rueda para insultar á intelixencia da cidadanía galega é dificilmente superable. Por outra parte, as súas palabras amosan un escaso respeto polo sistema democrático. A consecuencia lóxica das súas palabras sería dicir ¿Para qué celebrar eleccións municipais se xa votamos nas eleccións xerais?

Ante despropósitos como este, hai que dicilo alto e claro: o 22 de maio celébranse eleccións municipais, non autonómicas nin xerais. O socialismo presentará en toda España un amplo mosaico de proxectos e propostas, adaptados á realidade de cada concello, e artellados en torno ás nosas históricas sinais de identidade: socialdemocracia, defensa do sector público, apoio ós sectores sociais máis desfavorecidos, loita contra o desemprego, promoción da cultura e do deporte… A partir de principios coma os citados, cada Agrupación Socialista construirá a súa proposta en cada Concello. Non renegamos do Goberno de España, pero o 22 de maio votamos outra cousa.

Por outra parte, está por ver en qué medida se achega o PP a ese desexo de gobernar 210 concellos galegos. As enquisas suxiren unha realidade moi distinta e, sobre todo, poñen de manifesto que os gobernos progresistas resistirán nas sete cidades galegas, polo que os concellos máis importantes gobernados polo PP seguirán sendo vilas como Lalín ou Ribeira. Na nosa opinión, a partida está aberta e a resolución de moitas das incertidumes dependerá do traballo que fagan (fagamos) os diferentes partidos de aquí ó 22 de maio. 

Con todo, os representantes do PP galego farían ben en preocuparse polas escandalosas cifras de paro que amosa a nosa Comunidade Autónoma, situada á cabeza de España en destrucción de emprego. A día de hoxe, as Comunidades Autónomas teñen un elevado número de competencias en educación, sanidade, industria, cultura e un longo etc. Resulta demagóxico e intolerable, como xa sinalamos nalgunha ocasión, seguir cargando toda a responsabilidade do paro no Goberno de España. As Autonomías son -ou deben ser- un axente fundamental de creación de emprego (aínda que actualmente a Xunta de Galicia é o todo o contrario: un motor de desemprego). 

Hoxe La Voz de Galicia, un xornal nada sospeitoso de socialismo, publica un artigo, a cargo de Domingos Sampedro, titulado El desempleo ronda a Feijóo. Podes atopalo aquí:

http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/02/06/0003_201102G6P20991.htm

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.