As nosas suxerencias: Google Art Project

Share Button

 

¿Gústache a arte? Estás de noraboa. Como quizais xa verías nos medios de comunicación, Google acaba de lanzar á web o seu novo proxecto, chamado Google Art Project. Despois de probalo, a nosa sección de suxerencias, que iniciamos a semana pasada, non pode facer outra cousa que adicarlle hoxe o seu espacio.

Google Art Project é froito da colaboración de Google cos mellores museos do mundo, como o Reina Sofía, o Hermitage, o Metropolitan, o Pazo de Versalles ou a Galería dos Uffizi. As ferramentas que ofrece son basicamente dúas: a posibilidade de facer un percorrido virtual polo interior dos museos, para o cal Google empregou a súa tecnoloxía Street View; e a posibilidade de contemplar obras de arte, principalmente pintura, pero tamén outras técnicas como escultura, cunha calidade en moitos casos superior á que poderías apreciar en directo, gracias a unha potente opción de zoom. Para a captura das obras de arte Google empregou unha tecnoloxía de súper alta resolución ou gigapíxel. Na actualidade a páxina web do proxecto ofrece 1061 obras de arte pertencentes a 486 artistas. É posible acceder a información complementaria sobre cada un dos museos e obras e pódese, ademais, crear un museo virtual propio. Coñecendo a Google, é fácil prever que o repertorio de museos e obras de arte seguirá medrando.

Noutra ocasión é posible que discutamos sobre os defectos de Google, sobre os perigos e inconvintes -que sen dúbida existen- da era dixital. Hoxe, sen embargo, é un día para admitir sen paliativos que Google Art Project constitúe unha iniciativa fabulosa e unha enorme aportación á democratización do coñecemento e do desfrute da arte.

Sabemos que en Cariño existe dende sempre unha notable afición á pintura e ás artes en xeral, incentivada nos últimos anos polos cursos organizados polo Concello. Así pois, estamos seguros que dende este pequeno recuncho do noso mundo cada vez máis globalizado moitas persoas felicitarán hoxe a Google.

Desfruta de Google Art Project. Paga a pena. Aquí tes o enderezo web:

http://www.googleartproject.com 

    

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.