Pensar dende a esquerda: Karl Marx no bicentenario do seu nacemento

Share Button

O pasado 5 de maio cumpríronse 200 anos do nacemento de Karl Marx, un dos pensadores máis prolíficos –e sen dúbida o máis relevante- no ámbito da esquerda. Seguramente o principal problema do legado marxista son as parvadas que se teñen escrito e as atrocidades que se teñen cometido no seu nome. Moitos dos axiomas atribuídos a Marx ou supostamente inspirados na súa obra non se sosteñen nunha lectura detida, crítica e contextualizada deste xigante intelectual. Un bo coñecedor da súa obra, Francisco Fernández Buey, no seu libro Marx (sin ismos) (El Viejo Topo, 2009), propuxo ler a Marx como un clásico. Nas súas palabras, “…lo mejor es leerlo. Como si no fuera de los nuestros, como si no fuera de los vuestros” e engadía “…está siempre ahí, al fondo, como el clásico con el que hay que dialogar y discutir cada vez que se abre uno de estos cajones del saber clasificado: economía, sociología, historia, filosofía” (op. cit., pp. 10-11).

A relación da socialdemocracia en xeral, e do noso partido en particular, co legado marxista é tamén complexa. O PSOE adoptara o marxismo na súa definición como partido no congreso de 1976. Tres anos despois, Felipe González asumíu como un empeño persoal modificar esta definición, nun proceso congresual en dúas etapas no que pronunciou a célebre sentenza “hay que ser socialistas antes que marxistas”. A súa tentativa fracasou no primeiro dos congresos, pero saíu adiante no segundo deles, celebrado con carácter extraordinario en setembro de 1979 tras renunciar no primeiro á Secretaría Xeral e constituírse unha xestora. Aínda que Felipe gañou con contundencia este segundo congreso, a definición adoptada resultou tamén asumible para o sector crítico: “El PSOE asume el marxismo como un instrumento teórico, crítico y no dogmático para el análisis y transformación de la realidad social, recogiendo las distintas aportaciones marxistas y no marxistas que han contribuido a hacer del socialismo la gran alternativa emancipadora de nuestro tiempo  y respetando plenamente las creencias personales”. Coa súa mesura habitual, Alfonso Guerra ofrece unha suxerente lectura deste episodio no seu libro Cuando el tiempo nos alcanza. Memorias (1940-1982) (Espasa, 2004, pp. 259-275), no que expresa a preocupación que tivo entón ó ver que o partido se enredaba nun debate meramente nominal cando estaba chamado a xogar un papel decisivo na historia do país. Unha crónica máis detallada do debatido naqueles congresos atópase no libro coordinado por Antonio García Santesmases e Manuel de la Rocha Rubí, Luis Gómez Llorente: educación pública y socialismo (Catarata, 2013), especialmente no capítulo asinado polo segundo destes autores.

Hai moitos aspectos na obra de Marx que merecen atención, non sendo o menor deles o seu firme compromiso coa emancipación do proletariado, das persoas explotadas e desfavorecidas. En palabras, novamente, de Fernández Buey, “Muchos trabajadores llegaron a entender, a través de la palabra de Marx, al menos una parte de sus sufrimientos cotidianos, aquella que tiene que ver con la vida social del asalariado” (op. cit, p. 9). Outras cuestións relevantes son o énfase no concepto de clase para a análise dos procesos sociais; a análise crítica do capitalismo e da súa dinámica, con fases expansivas e crises cíclicas; a óptica materialista e a crítica ó idealismo; ou o marcado carácter interdisciplinar dos seus escritos, mesturando con habilidade filosofía, economía, historia ou socioloxía. O xenial historiador Eric J. Hobsbawm ten apuntado que “Marx me hizo ver que la historia es una herramienta sin la cual no podemos comprender nada de lo que sucede en el mundo” (Entrevista sobre el siglo XXI, Crítica, 2010, p. 18). Por suposto, Marx tamén errou nalgunhas das súas análises e non debemos esquecer que escribía no século XIX, nun contexto histórico distinto ó actual.

Dende que os efectos da crise comezaran a facerse patentes no ano 2008 o interese na figura de Marx experimentou un notable crecemento. Dende entón son moitos os libros que teñen aparecido –ou teñen sido reeditados- sobre a súa vida e pensamento, así como sobre o seu inseparable amigo Friedrich Engels (sobre este último destaca o escrito polo historiador británico, exdeputado laborista e actual director do Victoria and Albert Museum Tristram Hunt, El gentleman comunista. La vida revolucionaria de Friedrich Engels, Anagrama, 2011).

Aínda que resulta complicado ofrecer nesta entrada unha valoración das obras publicadas nos últimos anos en torno a Marx e Engels, non queremos deixar de sinalar o interese de tres antoloxías en castelán que veñen acompañadas de bos estudos introdutorios. Dúas delas son da responsabilidade de César Rendueles e levan por título El capital: antología e Escritos sobre materialismo histórico (ambas publicadas por Alianza en 2010 e 2012). A terceira, máis recente, baixo a responsabilidade do galego Constantino Bértolo, leva por título Llamando a las puertas de la revolución (publicada por Penguin Clásicos en 2017).

No ano 2013 o historiador Jonathan Sperber publicou una biografía de Marx que, baixo o título Karl Marx. A nineteenth-century life (Liveright, 2013), foi presentada como o estudo definitivo sobre a vida do autor (a versión española foi publicada case de inmediato por Galaxia Gutenberg). Pouco tardou en aparecer outra biografía que lle desputase dito estatus. É obra do historiador Gareth Steedman Jones e a edición española, titulada Karl Marx. Ilusión y grandeza, consta de case 900 páxinas e acaba de ser publicada por Taurus. Un excelente exemplo de que a obra de Marx, como clásico que é, continuará acompañándonos ó longo deste século XXI.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.