Cariño Emprende: axudas para emprendedores e melloras empresariais

Share Button

O Concello de Cariño vén de aprobar un presuposto que consolida as axudas para emprendedores, melloras empresariais e asociacións. Segundo vén de informar a institución municipal, a boa acollida da primeira edición do Cariño Emprende afianzou o proxecto de estímulo económico, e vén de disparar as consultas para o período 2018. O Goberno Municipal amosou a súa satisfacción coa resposta recibida, tendo en conta que se trataba dunha convocatoria novidosa.

O balance final difundido polo Concello indica que se apoiaron un total de oito iniciativas relacionadas coa posta en marcha de novos negocios así como coa mellora e eficiencia do tecido empresarial xa existente. O importe total das axudas ascendeu a 29.478 euros, o que supón unha media de 3.700 euros por solicitude.

O obxectivo é que este ano se esgoten a totalidade dos fondos presupostados, que para o exercicio 2018 suman 60.000 euros. Aínda que todavía non está aberta a convocatoria, xa teñen sido varias as persoas que se interesaron polas condicións.

As iniciativas aprobadas en 2017 foron moi diversas, atendendo a sectores tan dispares como o da pesca (unha nova embarcación), o comercio (unha tenda de material deportivo), a industria (nova maquinaria para un taller de carpintería), automoción (posta en marcha de servizo de taxi) ou unha empresa de venda de imaxes aéreas obtidas con dron, entre outras.

Unha das iniciativas máis relevantes é a instalación dunha depuradora de moluscos e dunha cámara frigorífica nas dependencias da lonxa do porto. Deste xeito o colectivo de mariscadoras de Cariño, integrado por 15 mulleres, depurará e conservará o marisco in situ, o que lles permitirá contar cun stock de produto fresco co que surtir directamente e sen intermediarios ós establecementos hostaleiros locais.

Trátase, sen dúbida, dun avance importante para o sector, co que o Goberno Municipal amósase especialmente comprometido. A ría conta cunha materia prima autóctona de alta calidade, e gracias á depuradora e á cámara de conservación as mariscadoras de Cariño poderán vender o produto a un mellor prezo, aportándolle valor engadido a ameixas, navallas ou ostras. A nova depuradora permitirá depurar ata 400 quilogramos de marisco en cada procesado, puidendo ser conservado ata sete días na cámara frigorífica.

A segunda edición do programa Cariño Emprende contará con tres liñas de subvención. A primeira delas estará destinada exclusivamente a promover a creación de novas empresas, apoiando iniciativas emprendedoras, mentres que a segunda subvenciona os gastos de contratación de novos traballadores por parte de empresas xa establecidas no termo municipal. A terceira voltará a estar dedicada a apoiar as iniciativas que procuran a mellora do tecido empresarial existente. A ampliación de instalacións ou a adquisición de maquinaria para aumentar a produción, ou as melloras na eficiencia das xa existentes, entre outras posibilidades, terán cabida neste apartado.

O Concello avalía varios aspectos básicos das solicitudes, como son a forma xurídica da empresa, o sector de actividade que desempeña, o número de postos de traballo creados ou a situación sociolaboral do solicitante, entre outros. Desta maneira, resultan especialmente beneficiadas as empresas que traballen baixo unha fórmula cooperativa e que se encadren nalgúns dos ámbitos definidos como prioritarios: sector do mar, transformación ou elaboración de produtos hortofroitícolas locais, turismo e servizos/produtos inexistentes a nivel local.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.