Plan de Colaboración con Asociacións: unha aposta polo compromiso social

Share Button

Se o proxecto Cariño Emprende, do que nos ocupamos na entrada anterior, encara o seu segundo exercicio, 2018 será, tal como anunciou recentemente o Concello, o terceiro ano no que os colectivos asociativos, culturais e deportivos locais poderán contar cunha liña estable de axudas municipais que contribúa a dar continuidade ás súas actividades.

Durante o exercicio 2016, no que se puxo en marcha a iniciativa, a demanda de fondos non cubrira toda a partida orzamentaria do Concello, algo que xa non aconteceu en 2017, cando a dotación municipal foi integramente transferida ás arcas das diferentes asociacións.

Así pois, entidades de carácter social como Aprom, a delegación local de Asociación Española contra el Cáncer ou as asociacións de xubilados Faroleiro e A Pedra foron perceptoras de axudas, ó igual que as deportivas (C.D. Cariño e Clube Ciclista Cariño), as culturais e musicais (Rondalla de Cariño, Danza de Arcos, Coral Polifónica, San Xiao do Trebo, O Peiral, Os Infieles ou Batería de Cariño) ou as ANPAS (Beiramar e A Basteira). Tamén a asociación de Patchwork Cariño e, por primeira vez, COMCARIÑO (nova asociación de comerciantes de Cariño) acudiron á convocatoria.

En total recibiron o apoio municipal 17 entidades de ámbito local que, cada unha no seu campo, desempeñan unha tarefa fundamental na sociedade cariñesa. Como sinalou o Alcalde, José Miguel Alonso, un concello sen tecido asociativo é un concello sen vida, e en Cariño non só contamos cun número importante de asociacións, senón que agardamos a que este aumente e perduren moitos anos. En total foron preto de 22.000 euros os dedicados a sufragar o Plan de Colaboración con Asociacións.

Xa cun enfoque comarcal, e como vén sendo habitual, o Concello de Cariño renovou o seu compromiso con Aspromor. Asemade, por primeira vez e en coordinación con outros concellos da comarca, nos meses pasados abríuse unha nova liña de colaboración coa Asociación de Turismo de Ortegal. Deste xeito os sectores público e privado únense para traballar da man na promoción e posta en valor das potencialidades turísticas da comarca. As ayudas para ambos fines comarcais superan os 7.000 euros.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.