O Concello de Cariño quere revalorizar o seu casco mariñeiro

Share Button

Trinta anos despois da segregación municipal, Cariño saca a licitación por 240.000 euros a redacción do seu primeiro Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Casco Vello (PECV). O documento, que deberá desenvolverse ó longo de catro anos, sentará as bases para a solicitude dunha futura Área de Rehabilitación Integral.

Nas verbas de José Miguel Alonso Pumar, Alcalde de Cariño, trátase dun proxecto que suporá un esforzo económico moi relevante e que, como todas as iniciativas que conlevan complexos trámites burocráticos, non dará os froitos desexados ata pasados uns anos. Polo tanto falamos dun documento fundamental para Cariño, o que require dun notable grao de altura de miras para garantir un futuro sólido.

O casco mariñeiro de Cariño é un dos núcleos tradicionais máis grandes do norte de Galicia, xa que conta cunha superficie superior ás 8 hectáreas (80.000 m2) repartidas nunhas 800 parcelas catastrais, o que supón unha extensión semellante á metade do casco antigo da cidade de Pontevedra. Das case 700 fincas edificadas, practicamente todas están adicadas a vivendas.

A redacción do plan pretende varios obxetivos principais, entre os que cómpre sinalar como fundamentais a conservación e futura rehabilitación das edificacións así como a revitalización económica e social da área afectada. Un aspecto irrenunciable e obrigatorio que contempla a redacción do PECV é a participación no mesmo da cidadanía que vive no propio casco antigo, auténticos protagonistas do proceso, e a quenes se lles facilitará información mediante folletos e paneis explicativos, charlas formativas e informativas, materiais audiovisuais e virtuais ou, de maneira física, coa apertura da oficina de información do PECV.

O Concello de Cariño puxo en marcha o proceso de concurso coa publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día 7 de marzo, abrindo un prazo de 40 días naturais (ata o pasado 16 de abril) para a presentación de ofertas; o tribunal avaliador estará composto por reputados profesionais pertencentes a diferentes administracións, todos eles con experiencia en plans xerais. O orzamento inicial de licitación é de 240.000 euros, repartidos en catro anualidades.

Licencias áxiles e maior seguridade xurídica

Unha vez finalizada a redacción do plan especial, e coa súa entrada en vigor, quedarán definidas con claridade as normas de construcción e rehabilitación de inmobles, o que, ademais de aportar seguridade xurídica aos propietarios que acometan obras de mellora nos mesmos, acurtará notablemente os amplos prazos adicados aos trámites administrativos debido á posibilidade de conceder directamente as licenzas de obra.

Dende o Goberno Municipal enténdese que non é admisible que a día de hoxe cada licenza deba ser aprobada no Pleno municipal, ás veces logo dun período de máis de cinco años de agarda, unha vez o dono da vivenda teña acadado os pertinentes permisos sectoriais por parte da Xunta de Galicia.

Cara unha futura Área de Rehabilitación Integral (ARI): dinamización da economía local, revalorización dos inmobles e fomento do sector inmobiliario

Logo da aprobación do Plan Especial de Rehabilitación do Casco Vello, o Concello de Cariño aspira a acadar a declaración dunha Área de Rehabilitación Integral. Este feito implicaría a posta a disposición dos veciños dun interesante plan de subvencións ao que acollerse para sufragar boa parte dos gastos de mellora das vivendas afectadas.

O paso posterior sería implantar un programa de estímulo económico que fomente a rehabilitación das vivendas, o que suporía unha revalorización das propiedades, relanzar a actividade empresarial dos diferentes sectores vencellados á construción (albanelería, carpintería, pintores, etc…) e unha agardable dinamización do sector inmobiliario.

Máis alá das propiedades privadas, o Concello de Cariño buscará ademais poñer en valor aspectos distintivos e singulares do casco mariñeiro, como son a área arqueolóxica do barrio do Castro, a coñecida como zona dos Atallos ou os espectaculares cantís costeiros dos que penduran algunas das casas.

Trátase, polo tanto, dunha inversión de futuro que procura crear unha dinámica sostible.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.