Presentación do libro Orteganos ilustres, de J. M. Suárez Sandomingo

Share Button

Tal e como vén de informar o Concello de Cariño, este venres 12 de febreiro ás 20 horas terá lugar no Local Social da Casa do Concello, en Cariño, a presentación do libro Orteganos ilustres, escrito polo pedagogo José Manuel Suárez Sandomingo.

A obra fai un repaso polas biografías de máis de 60 personalidades relevantes da comarca do Ortegal, algunhas delas moi relacionadas con Cariño ou coas parroquias do seu concello como é o caso do conquistador de Sismundi Francisco de Santiago, do médico de Feás Ángel Durán Villarnovo, dos cregos que exerceron en Cariño Jesús Crecente Veiga e Enrique Chao Espina, ou do debuxante e xornalista Antonio Lozano Pérez.

No acto intervirá o autor do libro. Suárez Sandomingo, tamén ortegano, é doutor en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionario dos servizos de protección de menores da Xunta de Galicia. Dende 2004 ocupa a presidencia da Asociación Profesional de Pedagogos e Pedagogas de Galicia. É autor de numerosas publicacións sobre temas de pedagoxía, dereitos da infancia e historia comarcal. Dende hai uns anos vén contribuíndo ó coñecemento e recuperación de personalidades relevantes do Ortegal, ámbito no que, ademais do libro que nos ocupa, destacan outros anteriores como Benigno Teijeiro Martínez. El mayor polígrafo gallego en Argentina ou Federico Maciñeira y Pardo de Lama. Su vida y su época. Precisamente este último libro fora presentado na nosa localidade hai pouco máis dun ano, en xaneiro de 2015, nun acto organizado pola Agrupación Socialista de Cariño.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.