Crise no PSOE: unha chamada á sensatez

Share Button

O noso partido atravesa, a nivel estatal, unha das crises máis graves da súa historia recente. A dimisión de 17 membros da Comisión Executiva Federal derivou, o sábado 1 de outubro, nun crispado Comité Federal que concluíu coa dimisión de Pedro Sánchez –tras saír derrotada a súa proposta de convocar primarias e Congreso Extraordinario- e a elección dunha comisión xestora presidida por Javier Fernández, presidente de Asturias.

Aínda que, de cara á opinión pública, a cuestión de fondo é a de qué posición adoptar para a formación de goberno, neste intenso debate había e hai sobre a mesa outros asuntos, como a valoración da xestión de Pedro Sánchez na súa condición de Secretario Xeral, os resultados electorais recentes ou o calendario orgánico que debe afrontar o partido. No partido conviven diversas sensibilidades respecto a estas cuestións, como tamén acontece na Agrupación Socialista de Cariño. Por esta razón, non é o obxectivo deste texto defender unha posición concreta, pero si consideramos oportuno expoñer algunhas consideracións.

A primeira é unha chamada á sensatez. Un certo grao de discrepancia e crítica resulta imprescindible en todo partido político, pero as diferentes sensibilidades do PSOE deron lugar en días pasados a un espectáculo moi pouco edificante tanto na sede de Ferraz como nas redes sociais (na imaxe, publicada na prensa en días pasados, os xornalistas concentrados ante Ferraz). Afortunadamente os ánimos están máis calmados nos últimos días, pero agardamos que os futuros debates se desenvolvan de maneira máis discreta e sosegada.

En segundo lugar, queremos expresar o noso recoñecemento a Pedro Sánchez. Cos seus acertos e erros, foi o primeiro Secretario Xeral elexido en primarias pola militancia e levou as rendas do partido durante algo máis de dous anos, nun contexto particularmente difícil. Queremos, ó mesmo tempo, desexarlle un bo traballo a Javier Fernández e á xestora que preside, xa que teñen que xestionar unha situación particularmente complexa. As premisas deben ser, na nosa opinión, democracia interna, reconstruír a cohesión e unidade do partido, e traballar para recuperar a condición de forza maioritaria deste país por medio dunhas políticas claramente diferenciadas das que defende a dereita.

Por último, queremos insistir en que, como non podía ser doutro xeito, a prioridade do socialismo cariñés –da Agrupación, da Executiva Local e do Grupo Municipal- está e seguirá estando no ámbito local e na mellora das condicións de vida da nosa cidadanía. Con independencia da situación que atravese o partido a nivel supramunicipal, este Concello e as súas xentes seguirán sendo o noso principal empeño.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.