Aforro municipal

Share Button

O noso partido atravesa estes días momentos críticos e dende a Agrupación Socialista de Cariño non imos deixar de manifestar a nosa visión sobre os acontecementos que estamos a vivir. Nos vindeiros días publicaremos unha entrada ó respecto.

En todo caso, non é necesario lembrar que a nosa prioridade e o noso maior empeño, como non podía ser doutro xeito, sitúanse no ámbito local. Por esta razón, hoxe queremos facernos eco dunha noticia que en días pasados recolleron os medios de comunicación.

Logo dunha pormenorizada análise do gasto corrente municipal, que implicou a revisión de centos de facturas, o Goberno Municipal anunciou que está en condicións de acadar un aforro anual de 100.000 euros, que poderán ser investidos en melloras para a cidadanía. Este aforro aséntase principalmente na revisión de contratos de electricidade, seguros ou teléfono.

A factura da luz, por exemplo, rebaixarase nuns 50.000 euros axustando a potencia ás necesidades reais de consumo. O estudo elaborado por Andrés Breijo, cariñés e especialista en eficiencia enerxética, cuxa colaboración altruísta agradece o executivo local, amosa que só con adaptar os contratos, axustando a potencia ás necesidades reais de consumo, o coste anual do alumado de espazos e instalacións públicas diminuirá nuns 50.000 euros. Segundo explica o Alcalde, José Miguel Alonso Pumar, “o caso máis evidente é o do centro de saúde, onde hai 50 kilovatios contratados e a punta de consumo foi de 5 [o novo contrato será de 15]”. A situación da piscina é xusto a contraria, con 17 kw contratados e máis de 60 de pico de consumo, o que xenera sancións de Unión Fenosa equivalentes ó 200 % do gasto. “Solicitaremos aumentar a potencia a 70”, apúntase dende a Alcaldía. En todo caso, o mantemento do centro médico deberá asumilo a Xunta e elo suporá un aforro duns 25.000 euros.

No caso das pólizas de seguros -responsabilidade civil do Concello, accidentes colectivos de traballadores, vehículos, instalacións e edificios municipais- acadouse unha rebaixa do 33 % trala última licitación conxunta, pasando de 22.500 euros a 14.958.

O Concello paga 14.500 euros ó ano por servizos de telefonía. Esta cuantía podería quedarse nuns 10.000 -con novos terminais móviles, servizo de mantemento completo ou mellora da conexión wifi no centro social de Feás- en canto remate a negociación en marcha.

A substitución do gas por pellets para abastecer a piscina implicará un aforro anual de polo menos 15.000 euros. Por último, dentro deste plan de aforro, o Concello pretende acometer un plan gradual de alumado público led, comezando por Feás, Sismundi, Figueiroa e Murela. Ese aforro de momento non se cuantificou, polo que a cifra aínda será superior á anunciada.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.