Autonómicas 25-S: análise dos resultados

Share Button

Como facemos habitualmente trala celebración duns comicios electorais, neste caso as eleccións autonómicas deste 25 de setembro, dedicamos esta entrada a presentar os resultados e ofrecer unha breve reflexión sobre os mesmos.

En Cariño, e como podes ver no gráfico adxunto procedente da web do xornal El País, o Partido Popular foi a forza maioritaria colleitando 961 votos, seguido do PSdeG-PSOE con 397 votos. A coalición En Marea (Podemos, A Nova e EU-IU, entre outras forzas) quedou en terceiro lugar con 345 votos. BNG-Nós foi a cuarta forza (133 votos) e Ciudadanos quedou en quinto lugar con 35. O Partido contra o Maltrato Animal (PACMA) foi a sexta forza con 20 votos e ningún dos restantes partidos superou os 10 votos. Se comparamos os resultados cos das eleccións autonómicas de 2012, o PP descende oito votos, o PSdeG-PSOE descende 75, En Marea ascende 148 respecto a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e o BNG descende 52.

É xusto recoñecer a victoria do Partido Popular tanto a nivel local como autonómico. No caso de Cariño, confírmase unha vez máis que este partido obtén os seus peores resultados nas eleccións municipais, mellorando nos comicios autonómicos, estatais ou europeos. En particular, a dereita en Cariño acostuma a colleitar os seus mellores resultados nas autonómicas. Nesta ocasión a súa victoria é rotunda dado que o seu número de votos supera a suma dos colleitados polas tres forzas situadas no espectro ideolóxico da esquerda (PSOE, En Marea e BNG), que é de 875 votos. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos transmitir un agradecemento moi especial ás 397 persoas que depositaron a súa confianza no noso partido.

Se analizamos as porcentaxes, o PSOE obtén en Cariño a séptima mellor porcentaxe de voto (20’46 %) entre os 20 concellos que integran as comarcas de Ferrolterra-Eume-Ortegal, superada nesta ocasión por A Capela (40’11 %), As Pontes (27’38 %), Monfero (25’84 %), Cerdido (24’35 %), Neda (23’04 %) e Pontedeume (21’14 %). A porcentaxe de voto socialista en Cariño supera á obtida polo noso partido a nivel autonómico (17’88 %), provincial (17’17 %) e comarcal (19’55 %).

En síntese, os resultados destas eleccións son moi negativos e obrigan ó noso partido en particular e á esquerda en xeral a unha profunda reflexión. É certo que o arraigo do PP en Galicia é notable, como tamén o é que contou nestas eleccións co apoio dos medios de comunicación públicos e privados, en ocasións ata extremos inaceptables. O PP fixo ademais unha boa campaña e obtivo bo resultado da táctica de ocultar as siglas do seu partido potenciando a figura de Feijóo. Pero tamén hai que dicir que as forzas do cambio chegamos a estes comicios con divisións internas, con candidatos de última hora e con escasa capacidade para comunicar un programa alternativo. Aténdonos ós resultados destas eleccións autonómicas, a mensaxe da rúa podería traducirse así: sabemos que o PP é malo, pero tedes que convencernos de que a alternativa é mellor. Estamos en condicións de facelo? Queda moito traballo por diante.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.