25 anos de independencia municipal: agradecementos

Share Button

Hai xa máis de tres semanas que celebramos no Auditorio Municipal o acto conmemorativo do 25 aniversario da Segregación, organizado pola Agrupación Socialista de Cariño. No tempo transcurrido dende entón fomos publicando nesta páxina unha serie de entradas relacionadas co citado evento, que incluíron a reproducción dos discursos pronunciados pola Secretaria Xeral da Agrupación, Ana Fachal, e polo Presidente da Asociación de Veciños San Bartolo (1982-1988) e primeiro Alcalde de Cariño (1988-1995 e 2003-2011), José Luis Armada.

Coa presente entrada queremos pechar a serie adicada ó citado acto, e pretendemos facelo lembrando as motivacións principais do mesmo e expresando o noso agradecemento ás persoas que o fixeron posible.

O evento plantexouse dende o principio como unha cita aberta e plural, á que foron convocados formalmente os colectivos, entidades e tódolos partidos políticos con representación no Concello. Quixemos que fose a contribución da Agrupación Socialista de Cariño á conmemoración dunha data tan importante. Era, pois, un evento organizado por un grupo político, pero en ningún caso un evento partidista.

Un dos obxectivos principais que nos marcamos foi o de reunir e expresar o noso recoñecemento ás persoas que, co seu traballo e esforzo persoal, fixeron posible a independencia municipal de Cariño. Persoalizamos este agradecemento na directiva da Asociación de Veciños San Bartolo no momento que se produxo a Segregación. É certo que houbo outras persoas que formaron parte de dita asociación nalgún momento dos seis anos que durou o proceso, así como outras que prestaron colaboracións importantes dende fora do colectivo veciñal. A independencia municipal foi, sobre todo, un éxito colectivo do pobo de Cariño e das parroquias que forman o seu Concello, pero tamén é certo que as persoas que formaron a directiva da Asociación nos últimos anos do proceso -e non só- fixeron un importante sacrificio personal que consideramos debía ser recoñecido.

Contactámolos individualmente, adiantámoslles o noso desexo de entregarlles un recoñecemento durante o acto e aceptaron a nosa proposta, o cal merece o noso agradecemento. Os membros da directiva da Asociación de Veciños San Bartolo homenaxeados foron –por orde alfabética- José Luis Armada Castro, Constantino Chao Mata (non puido asistir), Rafael Díaz Vilela (reside en Canarias, recolleu o recoñecemento a súa sobriña), Manuel Filgueira Pernas (falecido, recolleu o recoñecemento o seu fillo), Lorenzo Fojón López (non puido asistir), Fernando Fraguela Docanto, Manuel Garrote Balado, José Loureiro Rodríguez, Andrés Morán Iglesias, Francisco Pita Barge (falecido, recolleu o recoñecemento o seu neto), Manuel Varela Loureiro e Leopoldo Yáñez Abella.

A cita foi posible grazas á colaboración desinteresada de varias persoas que tamén queremos mentar aquí. O papel de presentador-moderador foi exercido polo xornalista Antón Luaces Teixido. A música correu da man de Mónica Pita, Ana Yáñez, Andrés Piñeiro, Alberto Piñeiro, Juan Manuel Garrote, Alberto Iglesias, Miguel Alonso, Álvaro Ramil e Brais Pita. A participación de Hixinio Cabarcos, que estaba prevista, non foi posible finalmente por estar aqueixado de afonía ese día, pero queremos agradecerlle tamén a súa dispoñibilidade.

Como xa anunciamos, ó longo deste ano 2013 temos previsto celebrar outros dous eventos relacionados con estes 25 anos de independencia municipal. Irémosche informando.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.