Presentación da novela Winnipeg en Cariño

Share Button

O vindeiro sábado 30 de marzo, ás seis da tarde, no Local Social situado na planta baixa da Casa do Concello terá lugar a presentación da novela Winnipeg, recentemente publicada por Xerais.

O acto contará coas intervencións do arqueólogo cariñés Xosé Lois Armada Pita, do profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago Emilio Grandío Seoane e do autor da novela, Hixinio Puentes Novo. Tralas tres intervencións haberá un espazo aberto para comentarios e preguntas e, finalmente, o autor do libro asinará exemplares ás personas que o desexen.

Winnipeg é unha novela histórica centrada nos duros avatares persoais dos Pita Armada, organizadores do Sindicato de Industria Pesqueira e Derivados en Cariño nos anos da República e que foron duramente represaliados tralo alzamento franquista. A sinopse da novela dinos o seguinte: Co advento das ditaduras morre a liberdade e a poesía. Así aconteceu tamén con aquel poeta chileno que fretara o Winnipeg, un dos buques da diáspora dos republicanos españois, perdedores nunha guerra fratricida. Nel van tres irmáns que deixan na vila de Cariño a súa familia masacrada pola represión. O seu delito fora artellar nos anos da república obreira o Sindicato da Industria Pesqueira e Derivados baixo o amparo da CNT. Na análise que fai Manuel Pita Armada da súa vida, os acontecementos vividos en España repítense novamente en Chile, onde Pablo Neruda e Salvador Allende son vitimados. O mundo da pesca no Ortegal, as sucesivas fugas polo mar, a Guerra Civil, os campos de concentración franceses e o medo están aquí perfilados pola man áxil e experta do escritor Hixinio Puentes”. O autor da novela (O Barqueiro, 1952) é un nome consagrado no ámbito da investigación e da novela histórica. Entre as súas obras anteriores atópanse os dous volumes de Os naufraxios da Galicia norte (2004 e 2005), La galerna de 1961 (2005), así como as novelas O bandido Casanova (2000) ou Aguillóns de Ortegal (2005), ambas publicadas tamén por Xerais.

O evento deste sábado é froito da colaboración entre a Agrupación Socialista de Cariño, a Asociación O Faroleiro, o Concello de Cariño e Edicións Xerais.

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.