Despois dunha máis que prudencial marxe de tempo outorgada ó Goberno Municipal do Partido Popular -e, lembremos, nacido como consecuencia da abstención do BNG no pleno de investidura- e tras os graves sucesos que antonte (xoves 8 de marzo) vivimos, queremos deixar clara con este comunicado a postura do PSdeG-PSOE de Cariño respecto da problemática da auga potable de consumo doméstico.
Antes de nada, e coma sempre, comezamos subliñando que estamos a plena disposición da cidadanía e do Goberno Municipal para axudar en todo aquilo no que podamos ter coñecemento e se nos requira. Non imos a caer na tentación de poñer paus nas rodas a ninguén, de realizar mofas en redes ou outras cuestións absurdas que nos tocaron vivir durante a fin da pasada lexislatura e que en nada contribúen a solucionar un problema tan serio e relevante como este. Nós non somos así.
O caso é que a veciñanza de Cariño e A Pedra levamos unha semana sen poder empregar a auga para consumo potable. Isto sucede por segunda vez neste inverno, tras outra restrición previa de dous meses imposta pola Alcaldía entre o 9 de novembro de 2023 e o 10 de xaneiro de 2024. Segundo informan desde o Concello, a actual restrición (na que son tres os parámetros que arroxan malos datos) nada ten que ver co inesperado problema xurdido co arrastre de níquel no río Lourido que nos tocou vivir a finais do ano 2022 e comezos de 2023.
Queremos deixar constancia de onde vimos e onde estamos, comezando polo que se fixo naquel momento, por se puidese servir de axuda a quen agora lle corresponde tomar decisións.
En primeiro lugar, emendouse temporalmente a situación achegando subministración de auga á planta potabilizadora desde varias captacións subsidiarias.
Paralelamente, e tratando de anticiparnos a posibles novos episodios, tomouse a drástica decisión de traballar na procura dunha solución definitiva para a problemática, actuando de dúas maneiras:
- Encargando un estudo de custo das solucións a unha empresa especializada. Tal é así que o 10 de febreiro de 2023, só uns días despois de que se finalizase a avaliación -e cando estaban acabando as restricións no consumo- xa se leva a pleno unha modificación de crédito por un importe de 146.000 euros para poder acometer os fundamentais traballos. Todos os partidos (PSdeG, BNG e PP) votan a favor da modificación orzamentaria, se ben a actual alcaldesa non acode a ese importante pleno. Deixamos imaxes da acta dese pleno.
- Á vez, encárgase o proxecto da obra e pídense as correspondentes autorizacións obrigatorias para poder sacar os traballos a licitación pública o antes posible.
En resumo, tanto a partida orzamentaria (146.000 euros) como o proxecto estaban dispoñibles o día 17 de xuño cando toma posesión a nova corporación.
Xa funcionando as solucións temporais, e por consello da empresa especializada, a idea era acometer as obras definitivas de colocación de filtros específicos para níquel durante o mes de setembro, mes no que o caudal do río adoita ser menor e facilita o poder traballar sobre a estación potabilizadora en mellores condicións. A maiores aproveitábase para mellorar o resto de filtros e outras instalacións menos relevantes.
Pero… que pasou desde entón? Chegado o outono, e vendo que non se tiñan novas sobre as obras (co consecuente perigo de cortes de subministración, como así sucedeu e sucede aínda hoxe), xurdiron preguntas no pleno municipal de novembro. Como pode verse na imaxe que tamén anexamos, a alcaldesa responde que a obra estaría lista nun mes (aínda que o contrato de obra, asinado só uns días atrás, falaba de varios meses).
No pleno de xaneiro, e logo de dous meses de restrición de auga potable, reiterámoslle á alcaldesa a nosa preocupación. Hoxe volvemos padecer a situación, e non entendemos como pasados case catro meses desde que se asinase o contrato de obra seguimos igual. Ou peor, xa que agora tampouco a veciñanza de Sismundi pode consumir a auga potable.
Entendemos, porque tivemos que vivilos, os atrancos que se lle plantexan a un Goberno Local ó verse inmerso nunha situación grave e inesperada. Pero unha cousa é iso e outra ben distinta atoparse co orzamento preparado e o proxecto redactado e, con todo, non ser capaz de realizar unha obra imprescindible despois de case nove meses.
Esa, e non outra, é a solución definitiva en palabras dos propios técnicos.
Para maior despropósito, antonte o camión cisterna contratado polo Concello repartiu auga non apta para o consumo. Ver para crer. Agardamos explicacións sobre esta circunstancia.
Polo tanto, e como fixemos nos diferentes plenos municipais, instamos ó Goberno Local a que na maior celeridade posible remate a obra de mellora da estación potabilizadora que no seu día recomendaron os técnicos especializados en tratamentos de augas, e cuxo proxecto e orzamento atoparon no Concello cando tomaron posesión.
Reiteramos que, coma sempre, estamos a plena disposición da cidadanía e do Goberno Municipal para axudar en todo aquilo no que se nos requira e podamos ter coñecemento. Como xa dixemos, non imos a caer na tentación de poñer paus nas rodas a ninguén, nós non somos así. O interese xeral da cidadanía cariñesa está por riba de todo.
Iso si, tal e como se decidiu no pleno de investidura, seguiremos facendo a tarefa de oposición nos plenos municipais, que é onde corresponde facela. E, por suposto, sempre coa man tendida para procurar a mellor alternativa de futuro para Cariño.
Grupo Municipal Socialista