O xoves 25 de setembro tivemos Pleno Ordinario. Pasamos a explicar a nosa posición nos asuntos que se trataron, así como os rogos e preguntas que realizamos dende o Grupo Municipal Socialista.
Sobre a Conta Xeral de 2024. A situación económica do Concello é boa, moi alonxada da imaxe catastrófica que manifesta o equipo de goberno do Partido Popular dende que chegou ao goberno: o resultado orzamentario do exercicio foi de 348.818,46€ e os fondos bancarios a 31/12/2024 ascendían a 1.204.170,76€. O remanente de tesourería, o que podemos entender como os aforros, suman 1.078.593,95€.
Rogamos á Alcaldesa que utilice parte destes fondos dos que dispón o Concello para realizar inversións moi necesarias, tal e como realizaron concellos veciños.
Preguntamos novamente á Alcaldesa, xa que tamén o fixemos na Comisión de Contas do mes de agosto, o motivo polo que a aportación da Xunta de Galicia ao Concello de Cariño no que respecta ao servizo de Dependencia baixou nuns 96.912,55€. Segundo os datos da liquidación de ingresos, no ano 2023 a Xunta de Galicia ingresou ao Concello de Cariño a cantidade de 349.119,34€ fronte aos 252.206,79€ que ingresou en 2024. Non nos deron resposta nin na Comisión nin no Pleno.
Polo que vimos de comprobar a través das liquidacións ás persoas usuarias do servizo de Dependencia, o número de persoas atendidas en xuño de 2023 eran 46, mentres que en agosto de 2025 o Concello presta servizo a 33, é dicir, 13 persoas menos desde que goberna o Partido Popular.
Apoiamos a moción sobre o SAF e votamos en contra da emenda que presentou o Partido Popular. Puxemos de manifesto a hipocresía do PP, reclamando máis financiación ao Estado para a dependencia logo de non aceptar a quita da débeda duns 4.010 millóns de euros, o que permitiría unha rebaixa no pago de intereses e, con este aforro, incrementar a inversión en políticas sociais.
A Xunta de Galicia gobernada polo Partido Popular aplica a política do “eu invito pero pagan outros”. Un exemplo é a financiación do SAF no Concello. Dos máis de 20€ de custo por hora, a Xunta ingresa 12€ (nos que está incluída a aportación do Ministerio) sendo o Concello o que paga o resto.
Comezamos o punto de Rogos e Preguntas amosando a nosa preocupación pola obra do Polideportivo, xa que a Alcaldesa indicou que a licitación quedou deserta.
Como xa é tradición en tódolos plenos, pedimos a creación de video-actas, coa posibilidade de que toda a veciñanza poda ver os plenos en streaming. Tamén solicitamos que colguen na páxina web as actas (non supón ningún custo económico para o Concello), para que a cidadanía poda ler os acordos.
Rogamos ao equipo de goberno que cumpla a lei e atenda as peticións de documentación e reunións que plantexamos desde o Grupo Municipal Socialista e que, despois de meses, seguen sen respostar:
– 24/02/2025: Petición conxunta Xunta Portavoces acordo plenario Memoria Democrática.
– 24/07/2025: Petición conxunta documentación Centro de Día e Residencia.
– 29/08/2025: Documentación SAF.
– Xullo – Agosto 2025: Documentación Travesía Centeás pola praga de pulgas.
Preguntamos se hai algún avance na obra das rúas Río Miño, Río Sor e Sanchola, que quedou deserta en decembro de 2023, e non a volveron a licitar. A Alcaldesa di que non.
O Concello ten sen licitar obras do Plan anual de Obras e Servizos financiado pola Deputación da Coruña (POS) por valor de 658.077,16€, sen contar o plan adicional que aprobamos en agosto por importe de 149.768,96€. Teñen un calendario para poñer en marcha as licitacións e executar as obras? Responden que non.
Rogamos que publiquen, tal e como prometeron, as analíticas da auga na páxina web. As últimas publicadas son as de xuño.
Recordamos, xa que o falamos no Pleno anterior, que revisen antes de facer públicos os cartaces de actividades organizadas polo Concello, xa que non levan os logos oficiais.
Preguntamos se se vai a organizar en Cariño unha charla sobre comunidades enerxéticas locais, organizadas por Seitura22, tal e como están a facer noutros concellos veciños. A Alcaldesa di que non.
Logo da renuncia da persoa que realizaba a asistencia técnica de Urbanismo, preguntamos quen se vai a facer cargo dos expedientes e licencias urbanísticas, e se van a sacar a praza de Arquitecto/a. Informan que solicitaron axuda á Deputación, pero non saben cando vai a vir alguén. Mostramos a nosa preocupación polos expedientes do PXOM e PEPRI xa que nesta situación van a continuar paralizados.
Chamounos a atención que o Concello firmou o 23 de abril o convenio anual de incendios, pero non se adxudicou ata o 22 de agosto, 4 meses despois, xusto cando ardía Galicia por todos lados. Cal foi o motivo de que tardaran tanto en adxudicar? A Alcaldesa responde que non se presentaron empresas.
O pasado 4 de xuño vimos unha nova en La Voz de Galicia co seguinte titular: “PORTOS abordará después del verano la reversión de los terrenos de los últimos 8 concellos que lo han solicitado”. Entre estes oito concellos está Cariño. Algún avance? Temos data para a reunión? A Alcaldesa responde que non.
En abril, o Concello anunciou en redes sociais que a Xunta de Galicia aprobou unha axuda de 126.427,59€ para a adquisición dun camión para a recollida de residuos. Vaise a comprar? Cando pensan licitar? O goberno informa que o Concello tiña que aportar 43.547,16€, e que non van a comprar o camión xa que renunciaron á subvención.