O Grupo Municipal Socialista de Cariño reclama no Pleno unha sección da Escola de Idiomas no IES Cabo Ortegal

Share Button

O PSdeG-PSOE de Cariño reclama mediante unha moción no pleno municipal que se implante unha sección da Escola Oficial de Idiomas (EOI) no instituto Cabo Ortegal do municipio.

O Grupo Parlamentario Socialista presentará paralelamente unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia co obxectivo de incluír unha partida para a implantación de dita sección.

A continuación, podes ler a moción presentada e que se debatirá no Pleno Municipal:

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño de acordo ao disposto no artigo 71.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao pleno  Municipal a seguinte MOCIÓN.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Concello de Cariño atópase na Comarca de Ortegal, bastante illado e con carencias no transporte público, o que imposibilita  a asistencia da nosa veciñanza ás localidades de Ferrol, Cedeira ou As Pontes, municipios máis cercanos que contan con aulas da Escola Oficial de Idiomas, tendo en conta que a maior parte das clases teñen lugar pola tarde-noite.

Nestes últimos anos, detectamos un crecente interese da poboación do Concello e da comarca en ampliar e mellorar as competencias en linguas, especialmente a inglesa, así como persoas que xa teñen certo coñecemento da mesma e desexan homologar os seus estudos.

Que o Concello de Cariño acollera, tanto no verán de 2024 coma no de 2025, unha charla da Escola Oficial de Idiomas, sección Cedeira, demostra que o equipo de goberno tamén detectou esta necesidade entre a poboación cariñesa.

Xa no ano 2017, tanto a Dirección como o Consello Escolar do centro IES Cabo Ortegal, así como o Pleno do Concello de Cariño, apoiaron por UNANIMIDADE a solicitude dunha sección da Escola de Idiomas para o IES Cabo Ortegal de Cariño.

Nese momento, a dirección do Centro destacou que permanece aberto de luns a venres en horario de tarde, o que facilitaría a implantación da sección solicitada, pois existen aulas dispoñibles e persoal de administración e servizos para cubrir as necesidades que puideran xurdir. Tan só se necesitaría cubrir as prazas do profesorado que imparta os distintos niveis.

Por todo exposto o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS: 

– Solicitar á Dirección do IES Cabo Ortegal un informe sobre a viabilidade da posta en marcha dunha sección da Escola Oficial de Idiomas no IES Cabo Ortegal de Cariño.

– Solicitar o apoio á iniciativa, se así o consideran, da ANPA, do Claustro de Profesorado e da Dirección do IES Cabo Ortegal.

– Instar ao Pleno do Parlamento de Galicia a votar favorablemente a emenda aos orzamentos de 2026 da Xunta de Galicia presentada polo Grupo Socialista para a implantación dunha sección da Escola Oficial de Idiomas no IES Cabo Ortegal de Cariño.

– Solicitar á Xunta de Galicia a creación dunha sección da Escola Oficial de Idiomas no IES Cabo Ortegal de Cariño.

 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.