Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a antigüidade do camión actual “incrementa as avarías, retrasa as recollidas e xera un maior custo de mantemento”.
O PSdeG-PSOE de Cariño presenta ao goberno local unha proposta para que se empreguen os fondos asignados ao Concello pola Deputación da Coruña no POS+2026 para adquirir un novo camión compactador para a recollida de lixo, así como novo material para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan que estas son “dúas necesidades acuciantes no municipio que poden ser solventadas grazas á aportación da institución provincial”.
Por unha banda, sobre o camión compactador, dende o PSdeG apuntan que o Concello do Cariño só ten un disponible e que neste ano “foi habitual que tivese que pasar varios días no taller, provocando que non se recollera o lixo ou a utilización dun camión cedido por concellos limítrofes”.
O texto presentado polo grupo socialista sinala que a antigüidade do vehículo “incrementa as avarías, retrasa as recollidas e xera un maior custo de mantemento”, polo que incide na necesidade de adquirir un novo.
Por outra banda, no texto lémbrase que “o uso de material como camas articuladas ou grúas é fundamental para garantir a seguridade das traballadoras do SAF, así como das persoas usuarias”.
Porén, “moitos domicilios carecen deste tipo de axudas, en moitos casos por carecer dos recursos económicos necesarios para a súa adquisición, coa consecuencia de que as traballadoras realicen as tarefas de forma manual, incrementando o risco de lesións”. “É habitual escoitar á alcaldesa falar do número de baixas que hai no servizo”, lamentan.
Por estas razón, o Grupo Municipal Socialista propón a compra de camas articuladas, grúas ou cadeiras de ducha e a súa posterior cesión ás persoas usuarias, previo informe da necesidade por parte dos Servizos Sociais do Concello.
