O PSdeG de Cariño denuncia que a Xunta “esquece a Cariño” nos seus orzamentos para 2026

Share Button

O goberno autonómico do Partido Popular rexeita propostas socialistas como as de crear un novo Centro de Día e Residencia de Maiores ou a mellora do campo de fútbol.

O PSdeG-PSOE denuncia que o goberno da Xunta de Galicia “esquece a Cariño” nos seus orzamentos para o vindeiro ano 2026, nos que “non se contempla ningún investimento ou a posta en marcha de novos servizos no municipio”.

O voceiro socialista en Cariño, Jonathan Miranda, lembra que o Grupo Parlamentario Socialista realizou no Parlamento galego diversas emendas aos orzamentos para que se contemplasen “investimentos necesarios para este Concello, que ademais son competencia da Xunta”.

“Estamos a falar da posta en marcha do Centro de Día e Residencia de Maiores, investimentos no campo de fútbol ou mellora das naves de antigas conserveiras pertencentes a Portos de Galicia e que están no centro da vila”, enumera o portavoz socialista.

“Tamén solicitamos melloras no transporte público, con máis horarios e mellores conexións, ou a posta en marcha dunha sección da Escola de Idiomas no IES Cabo Ortegal”, engade Miranda.

O socialista afirma que “todas estas propostas son apoiadas por todas as forzas politicas cariñesas, como demostra a aprobación por unanimidade do Pleno de mocións presentadas polo PSdeG, pero no Pleno do Parlamento de Galicia, o PP votou en contra de todas as emendas”.

“Solicitamos ao Partido Popular que nos explique a contradicción de apoiar as iniciativas en Cariño e logo o voto en contra de todas no Parlamento de Galicia”, critica o voceiro socialista local.

Pola súa banda, o parlamentario socialista Aitor Bouza lamenta que “o único que fixo o Partido Popular é aplicar a súa maioría para deixar fóra todas esas reivindicacións do territorio, deixar fóra as reivindicacións de toda a cidadanía galega”.

Bouza critica tamén que o PP de Cariño apoie no pleno municipal as propostas socialistas “de maneira absolutamente electoralista, para intentar captar o apoio da cidadanía de Cariño, xa que cunha man se vota en contra no parlamento e coa outra a favor no territorio”.

“Seguiremos reivindicando ese centro de día, seguiremos reivindicando a residencia de maiores, os investimentos no campo de fútbol e as melloras nas naves das antigas conserveiras, e por iso levarémolo ó debate individualizadamente para que o PP se teña que seguir posicionando”, avanza o deputado.

Conclúe sinalando que dende o PSdeG seguirán “exixindo a Rueda que non esqueza Cariño e que permita que os cidadáns e cidadás de Cariño teñen os mesmos dereitos que o resto dos galegos e das galegas”.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.