O Grupo Municipal Socialista de Cariño defenderá no Pleno municipal previsto para finais deste mes de xaneiro unha moción para reclamar á Xunta de Galicia unha mellora inmediata e unha planificación seria do transporte público interurbano na comarca do Ortegal.
A iniciativa nace dunha constatación clara: a mobilidade non pode depender de ter coche propio nin pode converterse nunha carreira diaria de horarios imposibles. Para o PSdeG, o transporte público é un dereito básico, porque condiciona o acceso a cuestións tan esenciais como ir ao médico, estudar, traballar ou facer xestións administrativas, e é tamén unha ferramenta clave para frear o illamento das zonas máis periféricas.
A moción recolle a situación que padece a veciñanza de Ortegal e, en particular, de Cariño: faltan frecuencias e faltan encaixes reais cos horarios de vida. Por iso, o PSdeG reclama á Xunta que deixe de tratar o transporte como un servizo residual e actúe con medidas concretas, empezando por reforzar de maneira inmediata as conexións entre Cariño e Ferrol, con frecuencias suficientes en franxas de mañá, mediodía e tarde para garantir mobilidade laboral, educativa e asistencial.
Pero a proposta vai máis alá dunha liña concreta: o PSdeG-PSOE defende que é imprescindible articular un sistema comarcal de transporte no Ortegal, con liñas e horarios coordinados entre Cariño, Mera, Cedeira, Ortigueira, Ferrol e Narón, que permita transbordos útiles e conexións efectivas tamén cos polígonos industriais. A moción inclúe igualmente a necesidade de que haxa servizos suficientes en fin de semana nas franxas básicas, para que a comarca non quede “apagada” en ningún momento.
A cuestión educativa ocupa tamén un lugar central: o texto reclama garantir unha conexión axeitada Cariño–Cedeira, tendo en conta que Cedeira é o centro máis próximo con ampla oferta de FP, para que o alumnado poida chegar ao inicio das clases con horarios compatibles e sen “chegadas excesivamente anticipadas” que hoxe son consecuencia directa dunha mala planificación.
Para o PSdeG, esta non é unha discusión menor nin unha demanda simbólica: por iso a moción esixe que estas melloras se incorporen ao novo marco contractual do transporte público de Galicia e tamén á planificación orzamentaria de 2026, é dicir, que se traduzan en compromisos e en recursos, non en anuncios.
“Non é admisible que haxa veciñanza que quede illada na súa propia comarca por falta de frecuencias e coordinación. O transporte público non é un luxo: é igualdade”, sinala o voceiro do Grupo Municipal Socialista en Cariño, Jonathan Miranda.
A iniciativa inclúe ademais unha medida práctica para recoller a realidade diaria do servizo: instar ao Goberno municipal a poñer en marcha un buzón de queixas e suxestións sobre o transporte público, para trasladar despois as incidencias á empresa concesionaria e á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta con información concreta e útil.
O PSdeG lembra tamén que esta reivindicación non se limita ao eido municipal: o partido impulsou igualmente iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar solucións e compromisos da Xunta. E, precisamente por iso, os socialistas denuncian a incoherencia do PP, que “aquí vota a favor” de reclamar melloras cando se debate nos concellos, pero despois “vota en contra” no Parlamento, impedindo que esas demandas se convertan en cambios reais e financiados.
