O voceiro socialista Jonathan Miranda pon como exemplo que o Punto de Atención á Infancia estea funcionando sen contrato desde 2024.
O PSdeG-PSOE de Cariño denuncia “o incumprimento sistemático dos acordos plenarios por parte do goberno municipal” despois de preguntar no último pleno se se vai volver licitar o Punto de Atención á Infancia.
O voceiro socialista local Jonathan Miranda sinala que este caso é “un claro exemplo” deste incumprimento de acordos, xa que o Pleno municipal aprobou o pasado 27 de novembro unha moción na que se acordaba a licitación do PAI. O socialista lembra que o servizo foi posto en marcha en 2017 polo entón goberno socialista do municipio.
O Punto de Atención á Infancia licitouse en 2020, cun contrato de 4 anos que rematou en 2024. “Desde ese momento, o servizo está sen contrato”, lamenta o socialista.
“No último Pleno, preguntamos á Alcaldesa se o vai a licitar, non obtendo resposta pola súa parte, o que fai entender que non teñen intención de facelo”, critica Miranda.
Apunta que “este caso, entre outros, é consecuencia da falta de orzamentos actualizados, xa que o Concello está a traballar cos orzamentos prorrogados do ano 2020″.
“Despois de case 3 anos de mandato, o goberno municipal non foi quen de presentar nin unha proposta para a súa aprobación por parte do Pleno”, engade.
“Tal e como estableceu a Intervención Municipal en varios informes, é urxente a aprobación duns orzamentos actualizados”, afirma o voceiro socialista.
Salienta que esta aprobación permitiría “asumir o incremento do prezo dos servizos, incluír as aportacións a obras do POS ou a distintas subvencións, licitar distintos servizos sen contrato, a contratación de persoal ou aprobar a RPT logo da reiterada petición do persoal municipal a través de folgas e mobilizacións”.
