O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño de acordo ao disposto no artigo 71.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao pleno Municipal a seguinte MOCIÓN SOBRE A IMPLANTACIÓN DUNHA AMBULANCIA DE SOPORTE VITAL AVANZADO NA COMARCA DE ORTEGAL.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A sanidade pública é un dos piares fundamentais do Estado do benestar e un dereito esencial que debe garantir igualdade, dignidade e acceso á atención sanitaria en condicións óptimas para toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia ou situación económica. Un sistema sanitario forte, ben planificado e dotado dos recursos necesarios é condición imprescindible para asegurar unha atención de calidade e para preservar a confianza da sociedade nos seus servizos públicos.
Porén, a realidade amosa que existen importantes desigualdades territoriais no acceso aos recursos sanitarios, especialmente no medio rural e en comarcas periféricas, onde a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación fan aínda máis necesario reforzar os dispositivos asistenciais e de emerxencias.
A comarca do Ortegal constitúe un exemplo claro desta situación. Trátase dun territorio con características demográficas e xeográficas que dificultan o acceso rápido a servizos sanitarios especializados, cunha poboación dispersa e unha rede de comunicacións que, en moitos casos, alonga os tempos de desprazamento cara a centros hospitalarios de referencia.
Neste contexto, a ausencia dunha ambulancia medicalizada con base permanente na comarca supón unha grave deficiencia na atención sanitaria de urxencias e emerxencias. A dispoñibilidade deste tipo de recurso é clave para garantir unha resposta rápida e eficaz ante situacións de risco vital, nas que cada minuto resulta determinante para salvar vidas ou minimizar secuelas.
A dependencia de unidades situadas noutras comarcas provoca tempos de resposta máis elevados, o que sitúa á poboación do Ortegal nunha situación de desvantaxe respecto doutras áreas de Galicia. Esta situación resulta incompatible cos principios de equidade, cohesión territorial e igualdade no acceso aos servizos públicos que deben rexer o sistema sanitario galego.
Cómpre lembrar que a planificación dos recursos de emerxencias sanitarias debe atender criterios de necesidade asistencial, dispersión poboacional e tempos de resposta, garantindo unha cobertura equilibrada en todo o territorio galego, especialmente nas zonas rurais.
O día 7 de abril de 2026, o xornal La Voz de Galicia publicaba unha nova co seguinte titular: “Ortegal lleva más de veinte años reclamando una ambulancia medicalizada: «Puede salvar vidas». (…) Abierta una campaña de recogida de firmas en apoyo de esta demanda en Ortigueira, Cariño y Mañón, que se extenderá a Cerdido”.
Na mesma nova, manifesta persoal facultativo da comarca: “hay que lograr la ambulancia medicalizada», repiten. «Sería lo que nos salvaría en esta zona —coincide una facultativa—, por la distancia y por la falta de personal sanitario». «Ahora se hace el trasvase [de la ambulancia de soporte vital básico a la medicalizada, la única disponible en toda el área sanitaria] donde puedes, en Cerdido, en Moeche y hasta en San Sadurniño a veces, y eso suponiendo que esté libre —explica—, ya me ha tocado tener que seguir hasta Ferrol porque la medicalizada estaba ocupada»”.
“¿Por qué sería tan relevante contar con un vehículo de este tipo en Ortegal? «Porque puede salvar vidas, es una uvi móvil que te atiende in situ al momento que te ocurre el percance (lo que tarde en llegar). La medicalizada es vida. En un infarto, un minuto cuenta mucho para vivir y, en caso de recuperarse, para que no le queden secuelas o sean las menores posibles. Es vida o muerte. En un accidente cerebrovascular es súper importante el tiempo que tardas en poner la medicación. Como sanitaria, no tengo dudas», apunta una enfermera que ha trabajado en la zona. Tampoco se suple con los Puntos de Atención Continuada (PAC), incide, «porque en la medicalizada, aparte de contar con todo el aparataje necesario (como un respirador automático, que no hay en los PAC), tienes personal instruido, entrenado para resolver una vía aérea, una vía venosa, poner la medicación que haga falta… cuestiones que habitualmente no se hacen en un PAC, que está para cosas menos graves, generalmente. Una RCP [maniobra de reanimación cardiopulmonar] avanzada, tras una parada cardíaca, requiere personal entrenado para el manejo de los equipos»”.
ACORDOS
Por todo exposto, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:
- Solicitar á Xunta de Galicia a implantación dunha ambulancia medicalizada na comarca de Ortegal.
- Apoiar a recollida de sinaturas e instar a toda a veciñanza a que secunde esta iniciativa.
