Moción de urxencia debatida no Pleno do 6 de agosto sobre a situación do SAF e as negociacións da RPT

Share Button

No Pleno celebrado onte debateuse unha moción sobre a situación do SAF e as negociacións da RPT presentada polos Grupos Municipais do PSdeG e do BNG e co apoio da Asociación Veciñal do Concello de Cariño e da representación sindical de CCOO e CIG.

A moción saíu aprobada cos votos faborables do PSdeG e do BNG e coa abstención do Partido Popular.

A continuación podes ler o texto da mesma:

O Goberno Municipal ven de paralizar as negociacións da Relación de Postos de Traballo, incumprindo o acordo acadado na Mesa de Negociación do 6 de maio de 2026 de manter unha reunión semanal e facendo caso omiso das sentencias xudiciais que instan a negociar e aprobar o documento. Esta decisión, tomada de forma unilateral, non responde ao sentir maioritario da Mesa xa que tanto as traballadoras e traballadores, sindicatos e os partidos da oposición están do lado da xustiza e amosan unha clara vontade de negociar e intentar chegar a acordos.

As últimas mesas de negociación foron un claro exemplo de parálise, xa que non se entregou ningunha documentación solicitada impedindo avanzar nas negociacións. Non se negociou o número de postos de traballo a incluír no documento final, cunha proposta imposta polo equipo de goberno, que non representa á maioría da Mesa, e que ao noso entender é insuficiente, xa que pretende amortizar postos que nós vemos esenciais manter.

Ademais, cómpre resaltar que existe unha sentenza xudicial do 17 de xuño de 2026 que obriga ao Concello de Cariño a aprobar unha RPT.

Por outro lado, a situación do Servizo de Axuda no Fogar é insostible, con tres traballadoras de doce en activo e con persoas usuarias sen atender cada día.

As negociacións para implantar uns horarios válidos, que respondan ás demandas das persoas traballadoras e usuarias e cumpran coa lexislación laboral están bloquedas polo equipo de goberno.

Logo da Mesa de Negociación do 16 de outubro de 2025, no que se acordou por unanimidade desbotar os horarios propostos dentro do procedemento de modificación substancial das condicións de traballo, as traballadoras propuxeron uns novos que o equipo de goberno desbotou sen argumentar motivos obxectivos.

En febreiro de 2026, a Alcaldía de forma unilateral e sen ningunha negociación na Mesa, impón uns novos horarios rematando en sentencias xudiciais que condenan ao Concello de Cariño a pagar indemnizacións ás traballadoras do servizo por vulneración de dereitos fundamentais.

Estamos a falar dun servizo esencial que se está deixando deteriorar, dun conflito que nunca debería ter chegado ata este punto e dunha forma de gobernar que, lonxe de buscar solucións, parece instalada na imposición, na soberbia e no desprezo ao diálogo. O resultado son persoas maiores sen atención e familias sen resposta.

Non presentamos esta moción para alimentar a confrontación, senón porque xa non queda outra vía razoable. A lei permite recorrer á mediación externa cando unha negociación está bloqueada, e iso é exactamente o que propoñemos: desbloquear o conflito, recuperar o diálogo e buscar solucións antes de que o dano sexa irreversible.

O artigo 45.3 do Real Decreto Legislativo 5/2015, de 30 de octubre, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley del Estatuto Básico del Empleado Público e o artigo 162.1 da Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia permiten que as Administracións Públicas e as Organizacións Sindicais poidan acordar a creación, configuración e desenvolvemento de sistemas de solución extraxudicial de conflitos colectivos, nos cales se inclúe a mediación e a arbitraxe (con carácter voluntario). Polo tanto, a lei permite que a Mesa Xeral de Negociación do Concello acorde someter un bloqueo negocial a un mediador externo.

O artigo 41 (Modificaciones sustanciales de condiciones de trabajo), punto 4 do Real Decreto Legislativo 2/2015, de 23 de octubre, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley del Estatuto de los Trabajadores establece: “El empresario y la representación de los trabajadores podrán acordar en cualquier momento la sustitución del periodo de consultas por el procedimiento de mediación o arbitraje que sea de aplicación en el ámbito de la empresa, que deberá desarrollarse dentro del plazo máximo señalado para dicho periodo”.

Por todo exposto, propoñemos ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

– Instar ao Goberno Municipal á convocatoria inmediata da Mesa de Negociación.

– Instar á Mesa de Negociación a aprobar a solicitude dun proceso de mediación externa a través da AGA, (Acordo interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo) para avanzar nas negociacións da RPT e resolver os problemas do Servizo de Axuda no Fogar.

– Manifestar a vontade real e tanxible da presente Corporación de avanzar na Mesa de Negociación para unha eventual aprobación da RPT coa maior celeridade posible.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.