Pensar dende a esquerda: Eduardo Rego Rodríguez, in memoriam

Share Button

altO venres 18 de abril deixounos Eduardo Rego Rodríguez, Profesor Titular de Socioloxía na Universidade da Coruña nas áreas de Socioloxía Política e Socioloxía do Traballo. Como cariñeses/as e amig@s seus, a súa figura merece un recoñecemento moi especial.

Compostelán nado en 1955, Eduardo era un xoven sociólogo licenciado na Complutense de Madrid cando se instalou en Cariño nos anos 80 coa súa muller Concha. Ela exercía como profesora nun daquela xoven instituto de secundaria e FP, no que ocuparía durante un tempo o posto de directora. Fiel ás súas inquedanzas sociais e intelectuais, Eduardo implicouse axiña no movemento veciñal cariñés e ingresou na directiva da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño que, baixo a presidencia do noso compañeiro José Luis Armada, naquelas datas loitaba a prol da independencia municipal. Ambos entablaron dende entón unha sólida amizade que se mantivo ata os últimos días deste insigne compostelán. Eduardo exerceu durante un tempo a Secretaría da Asociación e como tal aparece nalgunha das fotografías da visita de Adolfo Suárez a Cariño, que publicamos recentemente na nosa web.

Eduardo e Concha xa non vivían en Cariño cando, en xaneiro de 1988, tivo lugar a Segregación. Ambos foran chamados a novos destinos profesionais. Ela noutros centros de secundaria; Eduardo, pola súa parte, traballando a prol da consolidación da Socioloxía e da Ciencia Política como campos profesionais en Galicia. Foi, de feito, o primeiro Decano do Colexio de Politólogos/as e Sociólogos/as de Galicia. Traballou como sociólogo para diversos institutos de opinión e comunicación, así como na Consellería de Traballo e Benestar Social e no Concello de Santiago. Impartíu cursos formativos para funcionarios e persoal público na EGAP e en diversos concellos, con financiación da FEGAMP.

A súa última etapa profesional foi a de profesor na Universidade da Coruña, primeiro como contratado e posteriormente como funcionario. O seu nomeamento como Profesor Titular da UDC na área de Socioloxía publicouse o 10 de xullo de 2003 no Diario Oficial de Galicia. As liñas de investigación de Eduardo como profesor universitario versaron en torno a políticas públicas, políticas sociais e comportamento electoral. Durante anos foi un contertulio habitual nos debates da TVG nas noites electorais.

Comprometido co pensamento progresista e co benestar social, Eduardo impulsou e participou en diversos colectivos e grupos de opinión, sempre con mentalidade aberta, crítica e participativa. Sentíuse sempre vinculado ó noso Concello, que en compaña de Concha visitaba con relativa frecuencia, e seguía o seu devir político e social. En 1998 participou nunha das mesas redondas organizadas pola Agrupación Socialista de Cariño para conmemorar os 10 anos de independencia municipal, xunto con outros ponentes como Fernando González Laxe.

O combate máis duro da súa vida librouno Eduardo estes últimos anos, contra a enfermidade que o apartou de nós o venres 18 (a estes tempos corresponde a fotografía que publicamos, procedente do xornal La Opinión). Exerceu a docencia universitaria ata o final. Nin nos momentos máis difíciles perdeu o sorriso e o contacto cos amigos. A dignidade persoal que amosou ó longo da súa vida acompañouno ata os seus últimos días. O sábado 19 o tanatorio compostelán de Boisaca acolleu un emotivo acto cívico no seu recordo, no que tomaron a palabra os seus amigos Suso de Toro e Antonio Campos Romay.

En tempos de incertidume e naufraxio social seguimos perdendo a auténticos referentes, a persoas que loitaron por cambiar o mundo, que pensaron e creron nunha sociedade máis xusta e redistributiva. O seu exemplo, o seu legado, é o mellor incentivo para seguir camiñando. Graciñas, querido amigo. Nunca te esquereceremos.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.