Breves comentarios sobre as contas municipais

Share Button

O debate sobre a situación económica dos concellos reábrese con certa frecuencia e sempre cobra intensidade na proximidade das eleccións municipais. Cariño non é unha excepción e nestes días sucédense as especulacións sobre o estado das contas do Concello. Sen intención de ofrecer agora unha análise en profundidade, que no seu momento publicaremos, aquí van uns breves comentarios.

En síntese, do exposto a continuación poden deducirse dúas conclusións. A primeira, que deixamos o Concello nunha situación económica bastante mellor que a que nós atopamos en 2003. A segunda, que hai outros concellos na comarca cunha débeda bastante superior á que ten na actualidade o Concello de Cariño.

Diario de Ferrol publica hoxe unha breve reportaxe sobre a débeda viva dos diferentes concellos da comarca; dito noutras palabras, sobre as cantidades que cada concello debe ás entidades bancarias. Na reportaxe pode comprobarse que Cariño ten unha débeda viva de 672.000 euros. É certo que hai concellos cunha débeda inferior, pero tamén hai outros concellos –e especialmente os máis próximos- que deben moito máis. En concreto, a débeda viva de Ortigueira ascende a 2’9 millóns de euros, e a de Cedeira a 1’4 millóns. Outros concellos con cifras similares a estes últimos son os de Neda (tamén 1’4 millóns) ou Ares (1’9 millóns). A débeda viva de Fene ascende a 2’4 millóns de euros, mentres que as débedas máis elevadas corresponden ós concellos con máis poboación, Ferrol (25’5 millóns) e Narón (10’6 millóns). O concello situado inmediatamente por debaixo de Cariño en débeda viva é o de Valdoviño, con 484.000 euros.

En definitiva, e contra o que proclaman algunhas voces alarmistas, a débeda viva de Cariño sitúase nunhas cantidades razonables, e incluso moi inferiores ás doutros concellos próximos. Para explicar a orixe desta débeda viva, paga a pena botarlle un vistazo ó documento que abaixo reproducimos, que ten data de 15 de xullo de 2003 (poucos días despois da nosa entrada no Concello tralas dúas lexislaturas de mandato do PP). Este documento, asinado pola funcionaria responsable de intervención naquelas datas, pon de manifesto que, cando asumimos o goberno municipal, o Concello acumulaba débedas por valor de case dous millóns de euros, incluindo facturas atrasadas dende o ano 2001 por valor duns 150 millóns das antigas pesetas (máis de 20 millóns de ptas. en 2001, case 80 en 2002 e algo máis de 50 no primeiro semestre de 2003). Se non fose pola situación económica que herdamos do PP, podemos afirmar con rotundidade que Cariño sería hoxe un dos concellos coa economía máis saneada da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Este documento foi difundido por varios cauces nos meses posteriores á nosa toma de posesión e, finalmente, foi repartido casa a casa xunto ó número 6 do noso Boletín de Información Municipal en maio de 2004. Facemos constar isto porque en días pasados alguén afirmou que o anterior goberno municipal nunca explicou a situación contable do Concello. Aquí tes probas da falsedade desa acusación. Fixémolo naquel entón e en moitas outras ocasións, pero algunhas persoas teñen a memoria fráxil.

No documento tamén podes comprobar que xa figuraba a reclamación de Corsán-Corvián por valor de case un millón de euros, en concepto de obras realizadas no edificio da actual Casa do Concello durante o mandato do PP, sen expediente administrativo nin financiamento (como podes comprobar, esa reclamación entrou por rexistro o 4 de xullo de 2003, ós poucos días da nosa toma de posesión). Despois dun inevitable proceso xudicial que durou varios anos, unha sentenza obriga á institución municipal a facer efectivo o pago desa débeda, o que, en calquera caso, condicionará a situación económica do Concello durante polo menos dúas lexislaturas, como tamén informamos durante a campaña electoral.

Como xa sinalamos, teremos ocasión de voltar con máis datos e cunha análise máis pormenorizada. En calquera caso, queda claro que durante a nosa etapa á fronte da institución municipal a débeda do Concello de Cariño non só non aumentou, senón que se reducíu considerablemente.

Aquí podes ver a nova publicada hoxe en Diario de Ferrol e, máis abaixo, o documento ó que facemos referencia:

http://www.diariodeferrol.com/index.php/periodico-impreso/comarcas/23038-noemi-ferrol

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.