Cambios na páxina web: un resumo

Share Button

A Agrupación Socialista de Cariño creou a súa primeira web na precampaña das eleccións municipais de maio de 2003, que abrirían unha nova etapa no Concello de Cariño co noso partido á fronte do goberno local. En setembro de 2009 a web adoptou un novo formato, cunha páxina principal dinámica na que estivemos publicando actualizacións varias veces ó mes: en total, 747 entradas apareceron nesta páxina entre setembro de 2009 e o final de 2016.

Nestes 15 anos fomos a única forza política de Cariño e unha das poucas agrupacións socialistas de Galicia que mantivo unha presenza constante en internet, sempre coa mesma URL. Neste período de tempo sucedéronse diversos cambios e tendencias no ámbito dixital, cos seus respectivos momentos de apoxeo: web 2.0, blogs, redes sociais, apps para móviles… Porén, sempre consideramos que manter aberta esta páxina é un exercicio de transparencia e compromiso coa cidadanía.

En xaneiro de 2017 anunciamos o inicio dun proceso de cambio na páxina, orientado a mellorar as súas prestacións e renovar a súa imaxe. Por diversas razóns o proceso demorouse máis do agardado, aínda que o novo formato está dispoñible dende mediados do ano pasado. No momento actual podemos dar por rematada esta fase de cambios, polo que pasamos a resumirche as actualizacións e modificacións realizadas:

– Redeseño completo dos aspectos formais da web.

– Adopción do xestor de contidos de WordPress.

– Introdución dun novo contador de estatísticas.

– Actualización do texto da sección Colabora.

Á marxe destes cambios máis ou menos visibles, cómpre tamén destacar unha evolución na orientación dos contidos que publicaremos nesta web. A nosa intención é reforzar o papel da páxina de Facebook para a publicación e difusión de contidos de maior inmediatez, de vixencia máis efímera ou que sexan máis susceptibles de debate e interacción. Ó mesmo tempo, esta páxina web dedicarémola á publicación de entradas máis elaboradas e reflexivas, de maior vixencia temporal. O resultado previsible é unha redución na frecuencia de publicación que mantivemos nos últimos anos nesta web e unha maior utilización da páxina de Facebook, tratando de maximizar a complementariedade entre ambos recursos. En todo caso, e como vén sendo habitual, as entradas que publiquemos nesta páxina compartirémolas tamén na citada rede social.

A páxina actual conta con tres seccións (Inicio, Colabora e Descargas). A páxina principal ou de inicio acolle as entradas que imos publicando, aparecendo sempre a máis recente na parte superior. No formato actual amosa as entradas de seis en seis; na parte inferior da páxina é posible deprazarse ás entradas máis antigas e, unha vez nelas, tamén ás máis recentes. Unha prioridade cando encetamos esta renovación foi a conservación das máis de 750 entradas que publicamos dende setembro de 2009, que seguen estando accesibles na web actual. A opción Buscar, situada na parte superior dereita da páxina, permite filtrar estes contidos por temas ou palabras chave. Un problema menor é que algúns dos links que conteñen os textos destas entradas non sempre estarán dispoñibles.

Na sección Colabora explicamos algunhas das opcións que temos de establecer colaboración contigo, que van dende a afiliación ata o envío puntual de ideas ou suxerencias. Por último, na sección Descargas poderás acceder a documentos e material de interese, atopándose dispoñible neste momento o último Boletín de Información Municipal do Grupo Municipal Socialista.

Agardamos que desfrutes desta nova web e agardamos darche motivos para seguila visitando.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.