Coñecer o noso: Aníbal Otero en Sismundi

Share Button

Hai xa algunhas semanas que non publicamos contidos relacionados co coñecemento da nosa realidade local. Velaquí van, pois, unhas notas sobre un episodio bastante descoñecido na historia da parroquia de Sismundi.

O insigne profesor e militante de esquerdas Xesús Alonso Montero vén de publicar un excelente libro, en Xerais, que leva por título Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo. Nesta obra, como pode deducirse do seu título, ofrece un completo estudo da peripecia vital e da obra deste filólogo represaliado que realizou traballo de campo en Sismundi, no marco da elaboración do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI).

Aníbal Otero nace en Barcia (Ribeira de Piquín, Lugo) en xaneiro de 1911. Cursa estudos de bacharelato en Lugo e Valladolid, e estudos universitarios de Filoloxía Románica, que non chega a rematar, en Valladolid e na Universidade Central de Madrid. En 1928 inicia a recolleita de literatura oral na provincia de Lugo, por encargo de Ramón Menéndez Pidal. Son precisamente o propio Menéndez Pidal e o fonetista Tomás Navarro Tomás quenes reclutan a Aníbal Otero para traballar neste proxecto punteiro que é o Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), dirixido por ambos dende o Centro de Estudios Históricos (Madrid).

Entre o 14 de xullo de 1934 e o 4 de decembro de 1935 Aníbal Otero fai traballo de campo en 53 puntos da xeografía galega, recollendo léxico, información fonética e dialectal e outras cuestións lingüísticas. O último lugar que Aníbal Otero investiga é precisamente Sismundi, o 4 de decembro de 1935, precedido de Valdoviño, o día 29 do mes anterior. Son os dous únicos sitios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal escollidos como casos de estudo para o ALPI. Aínda que os protocolos do ALPI establecían que cada lugar era visitado por dous filólogos, todo apunta, como sinala Alonso Montero, a que moitos deles foron cubertos en soidade por Aníbal Otero.

Poucos meses despois, Aníbal Otero prosegue as súas investigacións lingüísticas en Portugal, onde se atopa cando estoupa o alzamento franquista. O 5 de agosto é detido (en realidade secuestrado) pola policía portuguesa e entregado á policía golpista española en Tui, algo inaudito se consideramos que Portugal mantén relacións oficiais co Goberno da República ate finais de outubro de 1936. Otero fica incomunicado durante 15 días e, despois dun proceso xudicial viciado, é condeado a morte, pena finalmente conmutada por case cinco anos de cárcere. O máis curioso é que Aníbal Otero era unha persoa de actitude vital máis ben conservadora, non implicada en política nin tampouco de militancia galeguista. Pero o feito de atoparse en Portugal con transcricións fonéticas –que se consideran mensaxes secretas para o inimigo- fai que o confundan cun espía ó servizo da República. Toda unha mostra da incompetencia e da arbitrariedade que imperaba nos cargos franquistas que acababan de asaltar o poder en Galicia.

Aníbal Otero sae do cárcere o 22 de maio de 1941. No transcurso da Guerra destrúese o seu expediente académico na Universidade Central, polo que perde tódalas opcións de rematar a carreira. Volta a Barcia, a súa pequena aldea natal, e alí vive o resto dos seus anos, ate o seu pasamento en 1974. A súa prometedora carreira profesional queda drasticamente truncada por estes acontecementos. Traballa no campo, desesperanzado e esquecido, aínda que facendo modestas e puntuais incursións na literatura e na filoloxía. En palabras de Alonso Montero: “Non hai no mapa da Lingüística europea de posguerra unha figura como a de Aníbal Otero, un home de aldea que labra ‘os seus leiriños’ e que, para non romper co seu pasado, fai limitadas incursións eruditas na lingua do seu país: tamén para pasar o tempo e soportar a vida”.

Antes do final da Guerra, Tomás Navarro Tomás, un dos directores do proxecto, salva da barbarie fascista os miles de cadernos do ALPI, que son trasladados de Madrid a Valencia polos soldados do V Regimiento en circunstancias moi difíciles. En 1947, dende o exilio e xa convencido de que o réxime franquista vai durar décadas, envía o material a España para que o proxecto continúe, cousa que non sucede. O único tomo que chega a publicarse do ALPI aparece en 1962.

A muller de Aníbal Otero, tralo falecemento deste, cede a Antón Santamarina as 53 enquisas –entre elas a de Sismundi- realizadas en Galicia para o ALPI, que ocupan 106 cadernos. Hoxe atópanse depositados no Instituto da Lingua Galega (ILGA).

Temos que agradecerlle ó profesor Xesús Alonso Montero a súa minuciosa investigación destes tristes e ó mesmo tempo interesantes episodios.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.