Coñecer o noso: dossier sobre Cariño na revista Terras do Ortegal

Share Button

O 29 de novembro de 2014 publicamos nesta web, dentro desta serie que leva por título Coñecer o noso, unha entrada sobre o nacemento da revista Terras do Ortegal, editada pola asociación do mesmo nome, que preside o farmacéutico ortigueirés Xosé María Torres Bouza. O primero número da revista publicouse o verán pasado, coa vocación de converterse nunha publicación anual de estudos comarcais semellante a outras que existen ó longo do territorio galego, caso do Anuario Brigantino en Betanzos, Ferrol Análisis ou Columba en Ferrol, Cátedra en Pontedeume ou Hume en As Pontes.

O primeiro número da revista ofreceu un magnífico resultado e tivo unha favorable acollida, o que supuxo un aliciente para continuar adiante co proxecto. Estes días acaba de saír publicado o segundo número, que presenta como atractivo especial a inclusión dun dossier de seis artigos sobre o Concello de Cariño.

A fotografía de portada deste segundo número é da autoría de Álvaro Fernández Polo. No seu interior, a revista contén un total de 17 traballos, entre eles Retrato artístico-literario de Laureano Álvarez, a cargo de Siro López; A Devesana, unha escola laica, de Narciso Luaces; De camiño pola fronteira. Setenta e cinco anos do deslinde municipal da Serra da Capelada, de Carlos López-Keller; ou O Ortegal e os fondos europeos, da autoría de Francisco Calvín.

O dossier sobre Cariño consta de seis artigos. No primeiro deles, o noso compañeiro José Luis Armada Castro ofrece unha mirada persoal sobre o proceso de segregación que conduxo á creación do Concello de Cariño en 1988. A continuación, o historiador e Presidente do Ateneo de Ferrol Eliseo Fernández escribe sobre sindicalismo e cultura obreira no Cariño da II República, tema ó que consagrou xa varios traballos anteriores. O terceiro dos artigos versa sobre a toponimia de Cariño, a cargo de Xosé Luis González. De seguido, os arqueólogos Lois Armada Pita e Óscar García Vuelta ocúpanse do machado figurativo de bronce da praia da Basteira, conservado no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón. Outro artigo de temática arqueolóxica versa sobre o territorio de Cariño en época romana e está asinado pola arqueóloga Vanesa Trevín, actual concelleira de Patrimonio e Paisaxe no Concello de Ortigueira, e por outros colaboradores. Finalmente, o dossier péchase cun artigo do director da revista, Xosé María Torres, que escribe sobre Fermín Zelada Varela, un cariñés que foi farmacéutico e Alcalde de Ferrol.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos agradecer ós editores da revista que tivesen a magnífica idea de adicar este primeiro dossier monográfico de Terras do Ortegal ó noso Concello. A publicación será presentada proximamente en Cariño.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.