Coñecer o noso: peregrinaxe ilustre a San Andrés de Teixido en 1927

Share Button

Mentres preparamos unha entrada co comentario dos resultados das eleccións xerais do pasado día 20 de decembro, que agardamos publicar nos vindeiros días, queremos facernos eco na nosa web dunha noticia recén aparecida nos medios galegos.

Os investigadores Santiago Lamas e Alfonso Mato veñen de gañar a última edición (2015) do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio cun traballo titulado De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo. No mesmo analízase a viaxe de estudo que en 1927 fixeran dende Ourense a San Andrés de Teixido os intelectuais Ramón Otero Pedrayo (na foto), Vicente Risco e Xosé Ramón Fernandez-Oxea, alcumado Ben-Cho-Shey, que naqueles anos exerceu de mestre en Cariño. De feito, os vencellos deste último co noso pobo son claves para entender a citada viaxe, como amosa o feito de que foron tres amigos cariñeses quenes acompañaron a estes ilustres persoeiros no seu percorrido polo Ortegal e xantaron con eles no santuario.

Algún día trataremos máis polo miúdo esta historia, pero non queremos deixar de recoller aquí esta noticia agardando a rápida publicación do traballo citado, que correrá a cargo da editorial Galaxia.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.