Congreso provincial socialista: unha oportunidade para o cambio

Share Button

O pasado sábado, 2 de xuño, unha delegación da Agrupación Socialista de Cariño estivemos no Congreso Provincial que o noso partido, o PSdeG-PSOE, celebrou na cidade da Coruña. Concurrían ó congreso tres candidatos, que viñan de facer un intenso traballo de contacto coas agrupacións locais e de explicación dos seus respectivos proxectos: o deputado en Cortes e exministro Francisco Caamaño; o deputado autonómico José Manuel Lage; e o Alcalde de As Pontes Valentín González Formoso.

Cando chegamos ó Congreso, a primeira hora da mañá, circulaba a noticia de que os tres candidatos tiñan acadado un pacto a altas horas da noite para presentar unha única candidatura encabezada por Caamaño. Poucos minutos despois, a información actualizábase: o pacto rachaba por iniciativa deste. A razón foi que, ó chegar á cita congresual, deuse conta de que a militancia reclamaba o seu dereito a votar, a decidir democraticamente. A militancia do partido demostraba así a súa madurez, a súa oposición a pactos cociñados a última hora dende a cúpula. En palabras do propio Caamaño, “hoxe aprendín a forza da militancia dun partido, e o importante que é a democracia”. No noso punto de vista particular, é lexítimo que os candidatos a un congreso conversen e incluso tenten chegar a acordos, pero estes procesos deben facerse de xeito demorado, con días de antelación, dando a oportunidade de que a militancia participe e opine. Os tres candidatos recoñeceron que a iniciativa partíu da dirección galega, seguramente coa mellor intención. A renglón seguido, pediron desculpas a quen puideran ter ofendido con esta actitude. Os tres colleitaron sonoros aplausos ó facelo.

Caamaño gañou o Congreso cos votos de 106 delegados, que supoñen case o 60 %. É, polo tanto, o novo líder provincial do partido, en sustitución do expresidente da Deputación Salvador Fernández Moreda. De feito, o Congreso servíu tamén para despedir a Moreda tras unha longa etapa exercendo de referente provincial, na Deputación e no partido; recibíu por elo o cariño da militancia.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos destacar o interesante que resultou este proceso congresual. Temos que agradecerlle a Caamaño e a Lage que visitasen a nosa Agrupación; a Caamaño, ademais, tivemos a ocasión de escoitalo nun acto comarcal en Mera. O terceiro dos candidatos, Valentín González Formoso, non se achegou a Cariño, pero temos constancia de que fixo tamén un importante traballo de contacto coa militancia e unha defensa sólida do seu proxecto. Os tres, sen dúbida, están chamados a xogar un papel relevante no futuro do partido.

Sen embargo, todo proceso congresual esixe posicionarse e tomar decisións. A militancia cariñesa síntese especialmente identificada co proxecto que representa Francisco Caamaño. Convéncenos a súa idea de construir o partido de abaixo a arriba, a súa intención de que esta provincia ocupe un lugar preponderante no socialismo galego, acorde co seu elevado número de militantes. Valoramos tamén a claridade e a profundidade do seu discurso, nas que seguramente teñen moito que ver a súa sólida formación académica. Apoiamos, pois, a súa candidatura, e decidimos participar activamente no seu proxecto para a provincia.

A nosa Agrupación está representada na nova dirección provincial. O noso compañeiro José Miguel Alonso entrou na Executiva ocupando a Secretaría de Medioambiente. É o único militante do Ortegal que ocupa un posto nesta renovada dirección provincial, e un dos catro pertencentes ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. No Comité Provincial, máximo órgano entre congresos, a comarca do Ortegal está representada polo noso Secretario Xeral, José Luis Armada, e polo exalcalde de Cedeira, José Luis Vergara, que entrou formando parte do cupo de seis postos reservados para os partidarios de Lage.

Coa vindeira celebración cos congresos locais, o partido terá culminado o proceso de renovación de tódalas súas estructuras (estatal, autonómica, provincial e local). Sigamos, pois, construindo o socialismo do futuro. A sociedade necesita unha alternativa.

A foto que acompaña a esta entrada procede do perfil de Facebook do noso compañeiro Víctor Hugo. 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.