Liquidación do orzamento de 2011: os documentos oficiais que demostran que a Alcaldesa minte

Share Button

O documento que reproducimos abaixo é o Decreto da Alcaldía 132/2012 de aprobación da conta anual, que a Alcaldesa ten a obriga legal de rendir ó Pleno. Menos mal que existe esta obriga legal, porque do contrario, probablemente, nunca saberíamos a situación real da contabilidade municipal. Dado que a actual Alcaldesa está, dende a súa toma de posesión, enrocada nun cúmulo de despropósitos, falsedades e medias verdades, é de agradecer que podamos contar cun documento oficial que nos permita coñecer a situación real da contabilidade municipal.

Este decreto pon de manifesto a realidade das contas municipais a 31 decembro de 2011, último ano que estivemos no Concello (o novo Goberno tomou posesión en xuño de 2011). Reflexa perfectamente a situación real das contas e constitúe un resumo doutro informe de nove folios asinado pola interventora municipal. Recolle o diñeiro que está pendente de pago, o que temos nas contas bancarias  e o que está pendente de recaudar, todo elo a 31 de decembro de 2011.

Según este decreto de aprobación da conta, o Concello tiña nos bancos a 31 de decembro de 2011 un total de 562.689,95 euros (Fondos Líquidos). Os dereitos pendentes de cobro ascenden a 696.956,36 euros e, finalmente, as facturas pendentes de pago supoñen un total de 1.024.222,54 euros. Se sumamos o diñeiro que tiñamos de liquidez nos bancos e máis o pendente de recaudar obtemos unha cantidade superior á que temos que pagar.

Pero, ademais, no mesmo decreto que a Alcaldesa trouxo a Pleno figura un remanente negativo de Tesourería para gastos xerais de -77.628,50 euros. Queda, polo tanto, acreditado documentalmente que a diferencia entre gastos e ingresos no exercicio de 2011 foi de 77.628,50 euros, a pesar de que o Concello abonou xa nesa anualidade unha cantidade importante a Corsán Corvián polas obras realizadas na Casa do Concello durante o mandato do PP. Se non se tivera producido este pago, as contas municipais de 2011 teríanse pechado con superávit, é dicir, teríamos ingresado máis do que gastamos. Aínda así, esa cantidade de 77.628,50 euros resulta insignificante nun presuposto que superaba os tres millóns de euros.

É alucinante que a Alcaldesa tente convencernos unha vez tras outra de que a realidade contable do Concello é a que ela afirma e non a que reflexan estes documentos contables oficiais que ela mesmo asina, iso si, obrigada por lei. Unha das súas trampas habituais consiste e falarnos sempre dos gastos e nunca dos ingresos. En concreto, no exercicio de 2011 os Dereitos Recoñecidos Netos deste Concello, tal como reflexa o documento adxunto, ascenden a 3.321.071,91 euros. É dicir, os ingresos do Concello no ano 2011 superan os tres millóns de euros. ¿Cómo é posible que a Alcaldesa nunca faga referencia a esta cantidade de ingresos? Cando existen documentos oficiais, as maniobras de confusión teñen moi pouco percorrido, porque afortunadamente as contas do Concello sempre teñen que pasar por Pleno, publicarse e ser expostas ó público para que a cidadanía poda alegar o que considere pertinente.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.