Un proxecto socialista para a nosa provincia

Share Button

Os socialistas da provincia da Coruña celebramos este sábado, 2 de xuño, o Congreso Provincial, do que sairá elexida a nova dirección provincial do partido. Este congreso supón a continuación do proceso de debate interno e renovación que está acometendo o partido dende hai uns meses. Comezou coa elección de Alfredo Pérez Rubalcaba como Secretario Xeral do PSOE; logo foi Pachi Vázquez quen renovou a confianza como líder do socialismo galego; na actualidade estanse a celebrar os congresos provinciais, nos que ata agora resultaron elexidos Raúl Fernández e José Ramón Gómez Besteiro como Secretarios Xerais das provincias de Ourense e Lugo respectivamente.

Nun exercicio de democracia interna que debería servir de exemplo para outros partidos, ó Congreso Provincial coruñés concurren tres candidatos: o exministro de Xustiza e Deputado no Congreso Francisco Caamaño; o Deputado no Parlamento Galego José Manuel Lage Tuñas; e o Alcalde de As Pontes Valentín González Formoso. Os dous primeiros achegáronse a Cariño para explicarlle o seu proxecto á nosa Agrupación. Como xa informamos nesta web, Lage estivo con nós o 28 de abril, xornada que adicou a visitar tódalas agrupacións do Ortegal. Caamaño optou por un acto comarcal en Mera o domingo 13 de maio e logo achegouse a Cariño o pasado domingo. Por último, González Formoso realizou un acto comarcal en Cedeira o sábado 26.

As reunións e as conversas que vimos celebrando de cara a este proceso congresual están resultando moi productivas. Se algo queda claro deste proceso é a vontade que ten este partido de ofrecerlle á provincia un proxecto sólido e renovado, nun momento especialmente crítico polo elevado desemprego, o ataque ós servizos públicos e o desmantelamento de sectores estratéxicos como o naval. A cidadanía demanda un novo discurso e unha nova práctica política e o noso reto é satisfacer esta demanda. De especial interese resulta a entrevista a un dos candidatos, Francisco Caamaño, publicada a semana pasada na revista El Siglo. Alí Caamaño afirmaba con rotundidade: “El hecho de que haya directivos y banqueros que multiplican por veinte el salario medio de un trabajador, no puede formar parte de una sociedad decente”. Loitemos, pois, por cambiar as cousas. Con sinceridade, traballo e compromiso.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.