Contrastes: …e o rock voltou a Cariño

Share Button

Esta sección da nosa web, titulada Contrastes, revélase contra un dito que ás veces pode escoitarse na rúa: “na política todos son iguais”. Pois non, é evidente que non todos somos iguais. De feito, en moitísimas cousas somos radicalmente distintos. Esta sección está adicada, precisamente, a poñer de manifesto algunhas destas enormes diferencias.

Hoxe imos falar de música rock. Cariño e as súas parroquias conforman un Concello no que a cultura musical sempre tivo un peso moi forte. Se cadra un día deberíamos adicarlle unha entrada da nosa web a analizar máis polo miúdo esta faceta nosa. Hoxe temos en Cariño unha rondalla, dúas corais, DJs e grupos de rock e hip-hop que son capaces de compoñer as súas propias cancións ou de versionear cunha solvencia notable ós mellores artistas do xénero.

Que as aficións musicais da xente nova deste Concello deben merecer atención por parte da institución municipal é algo que non ofrece dúbida. Sen embargo, é importante destacar que o número de concertos de rock organizados polo PP nos seus oito anos de goberno municipal foi cero. A xente nova foi a gran esquecida na programación musical deste Concello durante o seu mandato.

Cando asumimos de novo o goberno municipal, no ano 2003, eramos conscentes desta carencia. Case sen tempo para programar as actividades dese verán, as festas de San Bartolo contaron ese ano cunha actuación de Barón Rojo. Coa intención de ir máis alá, ó ano seguinte puxemos en marcha o Ortegal Rock. Ademais do propio festival, temos promovido concertos noutras ocasións, como os carnavais, as festas de verán, etc. O resultado é que nestes anos teñen pasado por Cariño varias ducias de bandas e solistas de rock. Artistas consagrados como Rosendo, Raimundo Amador, Reincidentes, Vargas Blues Band, Burning, Siniestro Total, Saratoga, Fe de Ratas ou Deltonos. Bandas amateurs de notable calidade como Heissel, Riff Raff, Dakidarría, San Blas Posse, Loreta Martin, Konflikto, La Leñera ou The Pink Tones. E, por suposto, tódalas bandas de Cariño que quixeron tocar en público neste anos, fose no Ortegal Rock ou nas festas, tiveron oportunidade de facelo. Se hai algo evidente é que, no que se refire á promoción da música rock, non todos somos iguais.

Nos vindeiros anos, se contamos co apoio da cidadanía cariñesa, queremos seguir traballando nesta dirección. Queremos seguir potenciando e mellorando o Ortegal Rock, abrindo canles de participación en tódalas fases organizativas, para que toda a cidadanía poda decidir en aspectos como a escolla dos grupos ou o deseño do merchandising. Pretendemos tamén seguir apoiando ás nosas bandas, habilitando locais de ensaio, favorecendo a súa participación no Ortegal Rock e noutros eventos, promovendo a formación musical da xente nova… En definitiva, dándolle á nosa cidadanía o trato que se merece, nestas e noutras cousas. Porque non é xusto ter que desprazarse a outros concellos para escoitar boa música.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.