De cando Adolfo Suárez estivo en Cariño

Share Button

Morreu Adolfo Suárez, primeiro Presidente do Goberno da actual etapa democrática. Suárez dimitíu do cargo o 29 de xaneiro de 1981, nun momento politicamente moi convulso. Nos nosos días o seu legado político recibe valoracións diversas. Os principais medios de comunicación e os partidos maioritarios destacan as súas cualidades e os valores de diálogo e consenso vencellados á Transición e á Constitución Española. En cambio, sectores de opinión alternativos cuestionan a súa figura e fan unha enmenda á totalidade, situando a maior parte dos problemas actuais no que chaman a cultura da transición.

Agora como entón, vivimos momentos politicamente convulsos, propicios a valoracións pouco ponderadas, situadas máis no terreo do emocional que do racional. Na nosa opinión, tan errado é sacralizar a Transición como emprender unha crítica radical e presentista a todo o que ela supuxo. Por outro lado, situar os principais problemas do presente na chamada cultura da transición, como pretenden algúns sectores, constitúe unha maneira cómoda de derivar acriticamente tódolos erros que, como país e como colectivo, puidemos ter cometido nos anos que transcorreron dende entón. Construir un mundo máis xusto, democrático e habitable é unha tarefa constante.

Nestas datas cremos razoable destacar o máis positivo de Suárez, a súa contribución a superar décadas de dictadura e a construir unha España mellor. Como modesta homenaxe á súa figura, rescatamos tres fotografías dunha visita que fixo a Cariño nos anos 80, cando era líder do Centro Democrático y Social (CDS) e o noso pobo atopábase en plena loita segregacionista para acadar un Concello propio. As imaxes corresponden ó encontro que mantivo coa directiva da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño e os membros da xunta local do seu partido, ós que, na nosa condición de cidadáns deste Concello, queremos agradecerlles que fixeran posible dito encontro.

 

alt

 

 

 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.