Novas discrepancias na coalición de goberno municipal de Cariño

Share Button

O día 02/04/2014, o xornal La Voz de Galicia publicaba unha nova na que volvían quedar patentes as diferenzas internas na coalición de facto do goberno municipal de Cariño, integrada polo BNG e o PP. Desta volta o motivo da disputa foi o feito de que a alcaldesa empregase –unha vez máis- un inmoble municipal como o seu particular tablón de anuncios para colgar unha pancarta en contra do anteproxecto de Lei do Aborto que se está tramitando nas Cortes Xerais a iniciativa do Executivo central.

A postura do PSdeG-PSOE cariñés con respecto a este anteproxecto, que xestiona o ministro Alberto Ruiz Gallardón, é ben coñecida e xa foi expresada na nosa web: amosámonos en desacordo coa inmensa maioría dos cambios que se presentan no mesmo xa que, na nosa opinión, traen consigo un retroceso xurídico e social de varias décadas, usurpándolle á muller a liberdade de decidir sobre o seu propio corpo e mostrando un rancio cheiro machista máis propio de tempos que críamos felizmente superados. Abonda sinalar que esta iniciativa é mesmo sobradamente mellorada na vangarda de moitos dos seus preceptos pola lei que firmara o histórico dirixente Josep Tarradellas no ano 1937 para o territorio de Cataluña.

Polo tanto, semanas atrás, e partindo desta premisa, o Grupo Socialista trasladou ó Pleno municipal –entre outras cousas- unha simbólica proposta para que se lle mostrase ó Gabinete de Mariano Rajoy o desacordo da corporación municipal cariñesa co proxecto de lei; a nosa iniciativa foi aprobada coa única abstención do Partido Popular. Nada se falaba nela de empregar pancartas de ningún tipo, nin moito menos de facelo en edificios públicos como o é a antiga casa consistorial. De todo isto deducimos, polo tanto, que a alcaldesa Purificación Seixido falta unha vez máis á verdade cando apunta que esa pancarta é produto dun acordo plenario.

A totalidade da moción presentada polo PSdeG-PSOE de Cariño pode consultarse no seguinte enlace:

https://www.psoecarino.org/index.php?option=com_content&view=article&id=591

Como pode comprobarse, o PSdeG cariñés nunca se posicionou, nin apoiou, nin foi consultado sequera sobre a colocación de ningunha pancarta, polo que non comprendemos por que a alcaldesa di requirir agora da nosa opinión para retirala. Nós non imos ser cómplices das tortuosas andanzas do BNG, pero tampouco entendemos que a primeira vez que o PP cariñés sae á palestra pública nesta lexislatura para presentar unha queixa sexa para facelo por un asunto deste calado mentres os cidadáns do noso municipio están sufrindo unha fonda crise económica e social ante a que non presentaron nin unha soa alternativa local.

Dende fai un tempo vimos mostrando certa preocupación polo uso que se lles está dando ós bens municipais. Tal é así que semanas atrás a nosa formación política presentou unha moción no pleno municipal na que instábamos a que se regulase o uso da cristaleira da casa consistorial, iniciativa na que os edís do PP decidiron absterse. Polo tanto resulta cando menos curioso ou contraditorio que sexa hoxe esta forza política quen se lamente publicamente do que está pasando.

A cristaleira da casa consistorial non nos parece o lugar máis axeitado para mostrar documentación pública, nin por funcionalidade nin por estética. Pero o que sen dúbida resulta máis preocupante é que o uso dese ben público se faga de forma parcial, sesgada e partidista, algo que o actual equipo de goberno municipal xa parece ter por costume.

Como apuntamos, estamos ante o último desencontro entre os membros dunha coalición de goberno implícita, unha entente cordial que entra no tramo final da lexislatura sabéndose desgastada froito dunha bagaxe de xestión manifestamente mellorable. Nun escenario coma o actual, e albiscando as eleccións municipais no horizonte dun ano, aventurámonos a sinalar que é probable que, por desgraza, os veciños teñamos que asistir a novas tensións entre o BNG e o PP.

Podedes acceder ó enlace da noticia publicada en La Voz de Galicia na seguinte ligazón:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2014/04/02/pp-carino-pide-retirar-pancarta-contra-reforma-ley-aborto-concello/0003_201404F2C9999.htm

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.