Eleccións europeas 2014: unha oportunidade para cambiar as cousas

Share Button

altO Comité Federal do PSOE aprobou o pasado sábado a candidatura socialista ás eleccións europeas do 25 de maio. Tradicionalmente consideradas unha cita menor e de baixa participación, esta vez semella existir na sociedade unha consciencia clara de que estamos ante uns comicios importantes, debido á forte incidencia que as políticas europeas teñen nas nosas vidas e en particular na economía.

Hai unha necesidade evidente de reconducir as políticas económicas que, dende o comezo da crise, non teñen servido máis que para endurecer as súas consecuencias, incrementar o paro e a pobreza, debilitar o sector público e coartar a recuperación. O noso partido, por experiencia de goberno e polas súas relacións internacionais, está chamado a ser un actor fundamental neste novo camiño que a Unión Europea precisa emprender.

A candidatura socialista está encabezada por Elena Valenciano, actual Vicesecretaria Xeral do PSOE e Vicepresidenta do Partido Socialista Europeo. É unha persoa cunha ampla experiencia política, que inclúe o seu paso polo Parlamento Europeo como deputada tralos comicios de 1999 e 2004, así como outros postos relacionados coa política internacional. Outro ámbito no que ten traballado intensamente é o da igualdade de xénero e os dereitos das mulleres. O partido quixo amosar o seu compromiso con estas eleccións designando como candidata á súa número dous.

O resto da candidatura conta con persoas con ampla experiencia e coñecementos e de inequívoco compromiso socialista, como Ramón Jáuregui no número dous e Juan Fernando López Aguilar no posto número catro. O socialismo galego está representado pola figura do exministro José Blanco, que figura no posto número 10. Outra característica importante da candidatura é a incorporación nos postos de saída dun número relevante de persoas xóvenes e ben formadas, caso do economista asturiano Jonás Fernández (34 anos), do voceiro municipal en Majadahonda Borja Cabezón (34 anos), da cardióloga Soledad Cabezón (40 anos), da eurodeputada Iratxe García Pérez (39 anos), do dirixente catalán Javier López (28 anos) ou da abogada Begoña García Bernal (36 anos).

Como soe suceder en todo proceso de elaboración dunha candidatura, houbo tamén aspectos cuestionables que, co noso sentido crítico habitual, non queremos deixar de reflexar aquí. Nuns tempos nos que o partido está apostando con firmeza e valentía por primarias e procesos de elección directa, boa parte da militancia cuestionou a maneira escasamente participativa de elaborar da candidatura; unicamente o socialismo catalán celebrou primarias abertas a militantes e simpatizantes, resultando elexido o membro de Xuventudes Socialistas Javier López. Por outra parte, a corrente de opinión Izquierda Socialista, que representa a sensibilidade máis á esquerda do partido, vén denunciando a súa exclusión da candidatura, aínda a pesar do relevante papel que na lexislatura que remata exerceron eurodeputados de dita corrente crítica como Andrés Perelló.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño imos achegar o noso gran de area para contribuir a unha victoria socialista que impulse un cambio imprescindible na política europea.

O partido conta cunha web específica para as eleccións europeas, con información sobre a candidatura, as principais ideas, actos públicos, etc.:

http://europeas2014.psoe.es/

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.