Eleccións xerais 20D: breve análise dos resultados

Share Button

Transcurridos xa varios días dende as eleccións xerais do pasado 20 de decembro ofrecemos nesta entrada unha breve análise dos resultados prestando especial atención ós do noso Concello.

En Cariño, e como podes ver no gráfico adxunto procedente da web do xornal El País, o Partido Popular foi a forza maioritaria colleitando 878 votos, seguido do PSOE con 609 votos. A coalición En Marea (Podemos, A Nova e EU-IU, entre outras forzas) quedou en terceiro lugar con 571 votos. Ciudadanos foi a cuarta forza (156 votos) e a candidatura nacionalista de Nós (na que se integra o BNG) quedou en quinto lugar con 92. Ningún outro partido superou os 25 votos, aínda que o Partido contra o Maltrato Animal (PACMA) obtivo 20.

É xusto comezar recoñecendo a victoria do Partido Popular tanto a nivel local como autonómico e estatal. No caso de Cariño, confírmase que este partido soe obter os seus peores resultados nas eleccións municipais, mellorando nos comicios autonómicos, estatais ou europeos. En todo caso, o voto de esquerda segue sendo maioritario en Cariño. A suma dos tres partidos situados no espectro ideolóxico do centro-esquerda (PSOE, En Marea e Nós) ascende a 1272 votos, mentres que os dous partidos da dereita (PP e Ciudadanos) suman 1034 votos. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresar o noso agradecemento ás 609 persoas que depositaron a súa confianza no noso partido.

Se analizamos as porcentaxes, como vén sendo habitual o PSOE obtén en Cariño unha das mellores porcentaxes de voto (25’63 %) das comarcas de Ferrolterra-Eume-Ortegal, só superada por A Capela (40’2 %), Monfero (32’71 %), Cerdido (30’43 %) e As Pontes (27’84 %). A porcentaxe de voto socialista en Cariño supera tamén á obtida polo noso partido a nivel estatal, autonómico e provincial. En termos comparativos, esta porcentaxe de voto é lixeiramente inferior á obtida en Cariño nas eleccións xerais de 2011 (28’89 % en 2011 e 25’63 % en 2015), mentres que o PP acusa en Cariño un descenso de case 15 puntos (51’59 % en 2011 e 36’95 % en 2015). Malia este descenso xeralizado da dereita, o PP impúxose na maior parte dos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, coa excepción de Narón, As Pontes, Fene e Mugardos (onde gañou En Marea) e A Capela (victoria do PSOE).

En canto ás eleccións ó Senado, temos que lamentar especialmente que o noso compañeiro Ángel Mato non acadase o obxectivo de ser elexido senador pola nosa provincia, a pesar do excelente traballo realizado durante esta campaña electoral, polo cal queremos felicitalo. No noso Concello o candidato ferrolán quedou en cuarto lugar con 551 votos, por detrais dos tres candidatos do PP.

A nivel estatal os resultados debuxan un complexo panorama que vai a requerir pactos e negociacións, que xa deron comezo. O PSOE sufríu dende os meses previos ás eleccións unha dura campaña de acoso mediático e político co obxectivo (máis ficticio que real) de situalo na irrelevancia. A pesar de que moitos medios e enquisas puxeron especial empeño en situalo por detrais de Podemos e Ciudadanos, finalmente o noso partido amosou a súa capacidade de resistencia quedando como segunda forza con 90 escanos. A día de hoxe o PSOE é chave para acadar a gobernabilidade do noso país, situándose entre as opcións posibles a dun goberno de esquerda presidido por Pedro Sánchez. Esta opción, actualmente a debate dentro do partido, non debe ser incompatible cun necesario exercicio de autocrítica co obxectivo de poñer fin á perda de músculo e apoio electoral, con escenarios bastante preocupantes como Madrid ou as tres cidades da nosa provincia. Hai moito traballo por diante.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.