Ano de cambio en Cariño: balance de 2015

Share Button

O 2015 está chegando ó seu fin e, como vén sendo habitual na nosa web, publicamos esta entrada de balance anual para resumir a nosa actividade e os principais acontecementos políticos destes doce meses.

Este ano que remata foi ano de eleccións municipais e de cambio político en Cariño. Despois de catro anos de goberno municipal do BNG, o noso partido gañou as eleccións do 24 de maio. A victoria electoral chegou despois dunha lexislatura de traballo intenso por parte da Agrupación Socialista de Cariño. O novo goberno municipal, integrado polos catro concelleiros electos do PSdeG-PSOE, comezou a súa andaina o día 13 de xuño e dende entón vén actuando en numerosos frentes. En calquera caso, non imos facer nesta entrada un resumo da xestión que o Grupo Municipal Socialista ten realizado no Concello nestes meses, xa que elo merece unha exposición específica e pormenorizada.

Como en anos anteriores, tamén en 2015 tivemos un papel activo na organización de actos culturais e de debate político. O sábado 17 de xaneiro celebramos no Local Social do Concello a presentación do libro Federico Maciñeira Pardo de Lama. Su vida y su época, do que é autor o pedagogo e investigador ortegano José Manuel Suárez Sandomingo. No evento interviron Ana Fachal, Lois Armada e o propio autor do libro. Unhas semanas despois, o sábado 28 de febreiro, chegou o turno da charla-coloquio Situación actual das Administracións Públicas: do Estado aos Concellos, protagonizada polo entón candidato socialista á Alcaldía José Miguel Alonso Pumar e polo exministro de Xustiza e Catedrático de Dereito Constitucional Francisco Caamaño. O acto, que servíu tamén como presentación do último libro de Caamaño Democracia federal. Apuntes sobre España, foi introducido e moderado polo xornalista cariñés Antón Luaces.

O domingo 22 de marzo celebráronse eleccións autonómicas en Andalucía, nas que contra pronóstico resultou vencedor o noso partido. A opción encabezada pola nosa compañeira Susana Díaz obtivo 47 escanos, os mesmos que tiña na anterior lexislatura, mentres que o Partido Popular acusou un forte descenso. Podemos obtivo 15 escanos, Ciudadanos 9 e Izquierda Unida quedou con 5.

A nosa precampaña e campaña electoral ás municipais de maio tivo como lema propio Recuperar Cariño e durante os primeiros meses do ano concedeu especial protagonismo ás reunións con colectivos sociais e veciñais, así como á celebración de actos nas cinco parroquias do Concello. A presentación da candidatura tivo lugar o domingo 19 de abril no Auditorio e durante a campaña publicamos unha nova entrega, o número 12, do Boletín de Información Municipal.

O sentir da rúa confirmouse e o 24 de maio o noso partido gañou as eleccións en Cariño con 856 votos e catro concelleir@s. A segunda forza foi o PP con 563 votos e tres concelleiras, seguido de cerca polo BNG con 539 votos e tres concelleir@s. AECA recibíu 277 votos e acadou un concelleiro. A cidadanía apostou de maneira decidida por abrir unha nova etapa en Cariño, pois o noso partido impúxose con claridade nas seis mesas do Concello, estivo perto de obter unha quinta concelleira e pasou de terceira a primeira forza na corporación municipal. Os catro concelleiros electos foron José Miguel Alonso, Alberto Iglesias, María José Fraguela e Jonathan Miranda. Como xa sinalamos, a sesión de investidura celebrouse o 13 de xuño e Alonso Pumar resultou elexido Alcalde cos votos do Grupo Municipal Socialista. A maior parte da comarca do Ortegal apostou tamén polo cambio político e, ademais de Cariño, o noso partido acadou as alcaldías de Cedeira, Cerdido e Ortigueira.

Aínda houbo tempo en 2015 para outras dúas importantes citas electorais. Nas autonómicas celebradas en Cataluña o 27 de setembro, cunha elevada participación, as opcións que apostan pola independencia (Junts pel Sí e CUP) obtiveron a maioría absoluta, se ben cunha porcentaxe de voto inferior ó 50 % que foi interpretada como unha derrota do plebiscito independentista. O PSC-PSOE concurríu a esas eleccións nun contexto moi difícil, pero finalmente, en boa medida polo meritorio papel xogado polo candidato Miquel Iceta, resistíu como terceira forza con 16 escanos (catro menos que en 2014). O labirinto político resultante das eleccións segue sen resolverse tres meses despois, un esperpento que ten moito que ver coa torpeza política e a irresponsabilidade de Artur Mas.

Os resultados das eleccións xerais do pasado 20 de decembro mereceron unha entrada na nosa web hai escasos días. Entre os aspectos destacables da cita electoral cabe referirse á candidatura ó senado do noso compañeiro ferrolán Ángel Mato, vencellado a Cariño polo seu traballo durante uns anos no sector conserveiro local. Mato estivo en dúas ocasións en Cariño durante a precampaña e campaña, amosando o seu apoio ó sector do cerco. Desafortunadamente non resultou elexido.

A presente páxina web e a nosa páxina de Facebook estiveron activas durante todo o ano. Nesta web publicamos un total de 78 entradas e a páxina Psoe Cariño en Facebook ten na actualidade 596 seguidores.

Como tamén soemos facer en cada balance de final de ano, queremos lembrar ás persoas que xogaron un papel relevante na esquerda –xa fose a nivel comarcal, autonómico, estatal ou internacional- e que nos deixaron durante o ano 2015. Algunhas delas pertencían a tradicións políticas distintas á nosa e teñen defendido posicións coas que non concordamos; noutros casos trátase de figuras destacadas do noso partido. De todas elas cabe salientar, sen embargo, a súa loita polas ideas da esquerda e o seu compromiso coa transformación da sociedade dunha dirección máis xusta e igualitaria. Pedindo desculpas polas omisións involuntarias, recollemos aquí os nomes de Ramón Capotillo Leal, Manuel Galán, Luis Matalobos Sobrado, Luis Mera Naveiras, Ricardo Baltar, Xosé Chao Rego, Antonio Figueroa Pérez, Xosé Neira Vilas, Ildefonso Puente Nodar, Rosina Villaverde, Moncho Alpuente, Elena Arnedo, Txiki Benegas, Concha Caballero, José María Mendiluce, Jordi Miralles i Conte, Carmen Olmedo, Pedro Zerolo, Benedith Anderson, Suzanne de Brunhoff, Eduardo Galeano, Denis Healey, Pietro Ingrao, Henning Mankell e François Maspero.

Rematamos este balance anual co desexo de que o 2016 sexa o mellor posible para a maioría social e as clases populares deste país e do mundo enteiro. En termos políticos 2016 será un ano complexo e apaixoante, no que @s socialistas teremos que afrontar como mínimo catro grandes desafíos. Para o Grupo Municipal Socialista será o momento de encauzar os grandes retos desta lexislatura despois destes primeiros meses de toma de contacto e definición de dinámicas de traballo. A nivel estatal o reto xa está plantexado e non é outro que o de afrontar con sensatez e determinación o panorama político resultante das eleccións xerais do 20 de maio. No plano orgánico o PSOE ten que afrontar un novo ciclo congresual que, catro anos despois do efectuado en 2012, levará a unha reformulación integral das estruturas do partido. Finalmente, a nivel autonómico o 2016 será tamén ano electoral en Galicia. Levamos xa oito anos nunha crise económica durísima que ás veces semella que non vai a rematar e que en Cariño está agudizada polas dificultades que atravesan os nosos sectores produtivos tradicionais. Se hai un camiño que de seguro debemos evitar é o da resignación. Este é o principal compromiso da Agrupación Socialista de Cariño: non resignarse e loitar por cambiar as cousas.

Esta web non tería razón de ser sen os seus lectores, polo que queremos agradecerte de maneira moi especial a túa fidelidade e o teu interese. Feliz ano!

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.