Mellorando servizos municipais: tractor desbrozador e turbilímetros

Share Button

Con financiamento da Deputación Provincial, o Concello acaba de incorporar un tractor desbrozador e dous turbilímetros que permitirán mellorar a prestación de servizos á cidadanía. Recollemos de seguido a información que ofrece a páxina web municipal:

O Concello de Cariño incorpora un tractor desbrozador e dous turbilímetros con cargo ó PAC-2

Coa adquisición do vehículo dase un novo impulso ó parque móbil municipal, arranxándose ademais algunhas das carencias máis demandadas nas parroquias do Concello.

O pleno da Deputación da Coruña celebrado o día 30 de outubro de 2009 aprobou a segunda fase do “Plan provincial de axuda contra a crise. PAC-2” destinado ó financiamento dos gastos de reposición asociados ó mantemento dos servizos públicos esenciais dos concellos. Con cargo a este novo programa provincial, o Concello de Cariño decidiu invertir na compra dun tractor desbrozador e dous turbilímetros portátiles, de maneira que cos mesmos véñense a cubrir servizos fundamentais para a cidadanía.

O orzamento a invertir ascende a 77.905,42 euros.

Na actualidade o Concello soamente contaba cunha máquina multiusos, ferramenta a todas luces insuficiente para acometer traballos de mantemento e limpeza de pistas rurais de xeito eficiente.

É por isto que ata a data este servizo dependía fundamentalmente da contratación de empresas externas ó consistorio, o que supeditaba a prestación do mesmo á sua dispoñibilidade temporal -moi demandada durante a primaveira e o verán- o que acarrexaba os conseguintes atrasos na realización dos traballos, dándose en ocasións a desagradable circunstancia de non se ter rematado ata os meses estivais.

Coa incorporación desta maquinaria porase fin de maneira definitiva a este problema eliminando, ademais, un cuantioso coste económico anual das partidas orzamentarias municipais, xa que serán os propios operarios municipais quenes se encarguen dos traballos. Ó mesmo tempo, e grazas á incorporación dalgúns accesorios, o tractor poderá servir de apoio na realización de diversas tarefas auxiliares, entre as que cómpre sinalar a limpeza dos alcantarillados.

Turbilímetros

Completando a dotación orzamentaria mercaranse dous turbilímetros portátiles co gallo de acometer en todo o municipio medicións precisas do grao de turbiedade da auga de abastecemento doméstico. Isto redundará nunha mellor calidade e potabilidade das augas, sobre todo en circunstancias de alta pluviometría, xa que é entón cando se produce un maior arrastre de sedimentos nos ríos.

Optouse por que ambos aparatos fosen móbiles co gallo de obter máis versatilidade e cobertura, poidéndose así operar con eles en calquera punto do Concello cando sexa oportuno facelo.

Máis alá do grao de turbulencia das augas, os dispositivos permitirán medir outros parámetros igualmente importantes tales como os niveis de cloro, bromo, iodo, ferro ou ben o PH.

Fonte: http://www.concellocarino.org/aodia/nova.php?id=1197

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.