O Concello de Cariño facilita o acceso a internet para a docencia online

Share Button

Dende o inicio da crise do coronavirus, o Concello de Cariño vén realizando unha intensa actividade de coidado, información e apoio a súa veciñanza. Dalgunhas destas iniciativas, como as medidas fiscais extraordinarias, demos xa conta nesta páxina.

Un dos ámbitos prioritarios é o apoio ó ensino público, no que se enmarcan actuacións como a distribución de material escolar a domicilio para facilitar o estudo dende a casa. En días pasados, segundo se informou dende a institución municipal, o Concello fixo chegar Internet ó alumnado con dificultades de acceso ó sistema educativo virtual.

“Nós non queremos que estas circunstancias excepcionais fagan que algún alumno non teña ó seu alcance o mesmo nivel de educación que o resto”, explicou José Miguel Alonso Pumar, Alcalde socialista de Cariño.

A administración municipal púxose ó choio para habilitar acceso á rede a un grupo de alumnos pertencentes ós centros educativos do municipio, tanto do CEIP de Cariño como do IES Cabo Ortegal que carecían do mesmo. E fíxoo en colaboración co provedor local de telecomunicacións “Martul”.

Nun primeiro momento, cando o Concello detectou que había nenos e nenas que non tiñan conexión a internet nas súas casas, desde o consistorio acordouse coa dirección do centro solicitar que a Xunta de Galicia cubrise estas necesidades xa que os alumnos non estaban a poder acceder a descargar as actividades que lles asignaban desde os centros educativos.

Pasados os días, e en vista de que a situación lonxe de mellorar empeoraba, o Goberno Local mantivo conversacións cos centros educativos para coñecer con exactitude cales eran os alumnos e alumnas que se atopaban nesa situación e coordinar o modo de habilitar unha conexión a internet de maneira temporal -polo menos mentres non se revogue o Estado de Alarma ou se produza o retorno ás aulas- na casa deses nenos e nenas.

Tras ser detectados os casos, e obter o consentimento dos afectados, o Goberno Municipal púxose en contacto co provedor de telecomunicacións local ‘Martul’, quen se brindou a colaborar altruistamente en todo o que supuxo crear o acceso a Internet en todas estas casas así como o seu mantemento.

“Xa se realizaron case todas as instalacións, que se acabarán estes días, atendendo primeiro os casos considerados máis urxentes. Faise a través da rede WiMAX/Wimax na maioría dos casos, excepto nalgún no que se terá que instalar un acceso 4G ordinario”, explicou o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar.

Alonso Pumar quixo ademais agradecer a total colaboración do provedor local xa que “desde un primeiro momento actuou coa mellor das predisposicións facéndose cargo da instalación” e explicou que “desde o Concello detectamos a situación e a pesar de que a educación é unha competencia exclusivamente autonómica non podiamos permitir que estas circunstancias excepcionais que estamos a vivir fagan que algún alumno quedase descolgado e non tivese ao seu alcance o mesmo nivel de educación que o resto”.

O medio dixital Enfoques, do que tomamos a imaxe que ilustra este post, fíxose eco desta nova, tal como podes ver aquí: https://enfoques.gal/carino-dota-de-acceso-a-internet-a-parte-do-seu-alumnado-para-as-clases-on-line/

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.