Cambios no Grupo Municipal: carta aberta de José Miguel Alonso Pumar

Share Button

No día de hoxe, o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar, alcalde de Cariño entre os anos 2015-2023 e voceiro do Grupo Municipal Socialista, presentou a súa renuncia como concelleiro para incorporarse ó posto que acaba de obter, tras superar o correspondente proceso selectivo, de xerente do Xeoparque do Cabo Ortegal. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresarlle o noso máis fondo agradecemento polo seu traballo ó longo destes dez anos no Concello, desexándolle o mellor nesta nova etapa. En breve informaremos sobre a renovación do Grupo Municipal.

Reproducimos aquí o comunicado que o noso compañeiro vén de publicar en redes sociais:

Como moitos saberedes, actualmente formo parte da corporación municipal do Concello de Cariño como concelleiro electo nos comicios municipais celebrados en maio do 2023, actuando en representación do grupo municipal socialista PSdeG-PSOE, do que son o voceiro para o período 2023-2027.

Como non pode ser doutro xeito, ata o día de hoxe sempre tratei de atender fielmente e de forma completa o mandato cidadán que me foi encomendado. É dicir, con maior ou menor sorte teño por costume acabar todo aquilo que comezo.

Con todo, e de maneira absolutamente excepcional, nesta ocasión non poderá ser así. O motivo é que recentemente veño de acadar mediante oposición unha praza laboral como xerente do Xeoparque do Cabo Ortegal, un fascinante proxecto comarcal que ten que axudar a xerar sinerxias positivas e proxección internacional do territorio. O novo encargo non resulta legalmente incompatible coa miña actual tarefa como edil do noso concello, pero persoalmente entendo que o é non só de xeito práctico senón tamén -e por riba de todo- ético.

Na forma en que entendo a situación, o xerente dun ámbito tan concreto e integrador como o é o Xeoparque do Cabo Ortegal ten que estar fóra da disputa política diaria. Esta idea veño compartíndoa dende fai tempo non só cos meus familiares cercanos, ou cos compañeiros e compañeiras do partido en Cariño, senón que mesmo hai meses fixen partícipe da mesma á actual alcaldesa, Ana López (a quen, por certo, agradezo a súa discreción respecto diso).

Así as cousas, e mediante este texto, quero informarvos de que hoxe notifiquei a miña renuncia á acta de concelleiro, logo de 10 marabillosos anos traballando institucionalmente para tratar de facer de Cariño un lugar un pouquiño mellor no que vivir.

Sen dúbida unhas veces con acertos e outras cometendo erros. Pero é díficil expresar con palabras a percepción que sinto ó ter sido un privilexiado por gozar desa posibilidade xa que en realidade non pode haber maior honra para un cariñés.

Agora tomará o relevo como concelleiro do PSdeG-PSOE un novo compañeiro, Carlos Pernas, ó que lle desexo a maior das sortes. Estou convencido de que fará un gran labor na procura dun Cariño que ten que mudar a mellor. Ogallá sexa axiña, confío en que así será.

E na parte que me toca, e xa sexa dende o Xeoparque ou a título persoal, sempre estarei ó dispor de quen o precise para botar unha man en calquera iniciativa que poida ser positiva para Cariño e comarca.

O dito, moitas grazas, un abrazo grande a todas e todos… e viva Cariño!!

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Cambios no Grupo Municipal: carta aberta de José Miguel Alonso Pumar

Galicia é diversa, Galicia é orgullosa: Manifesto do PSdeG-PSOE polo Día do Orgullo LGTBI 2025

Share Button

O 28 de xuño conmemoramos o Día Internacional do Orgullo LGTBI. Facémolo lembrando a rebelión no bar Stonewall en 1969, semente do movemento que hoxe continúa defendendo dereitos, dignidade e igualdade. Pero este 2025 é, ademais, unha data sinalada: cúmprense 20 anos da aprobación do matrimonio igualitario e da adopción homoparental en España, un fito que transformou o noso país nun referente mundial en liberdade e igualdade.

Baixo o lema estatal deste ano, “20 anos avanzando en dereitos: nin un paso atrás”, a mobilización do Orgullo 2025 convértese nun berro colectivo fronte o recorte de dereitos tanto a nivel nacional como internacional. O Orgullo será, máis ca nunca, unha chamada á acción para blindar o futuro e defender o que tanto custou conquistar.

Queremos lembrar con gratitude e orgullo a figura de Pedro Zerolo, incansable activista e compañeiro socialista, cuxo compromiso e valentía foron determinantes para facer realidade esta conquista histórica. Grazas ao seu traballo e ao do Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, España converteuse en pioneira na defensa dos dereitos das persoas LGTBI. Este ano cúmprense tamén 10 anos do seu pasamento e rendémoslle homenaxe mantendo viva a súa loita e o seu legado: unha sociedade máis xusta, diversa e libre.

Pero as raíces da nosa loita tamén están na nosa terra. En Galicia celebramos a historia de Marcela e Elisa, que no ano 1901 protagonizaron o primeiro matrimonio entre dúas mulleres do que se ten constancia no noso país, desafiando as normas da súa época e reivindicando con valentía o dereito a ser e amar en liberdade. E mesmo moito antes, no ano 1061, Pedro Díaz e Muño Vandilaz, veciños de Rairiz de Veiga (Ourense), foron unidos por un sacerdote no que se considera unha das primeiras evidencias históricas dunha unión entre dous homes en Europa. Galicia, con historia propia, foi e segue a ser terra de diversidade.

Con todo, na actualidade temos motivos para a preocupación. O avance da ultradereita e a súa entrada en distintos gobernos está a abrir a porta a discursos de odio que provocan un alarmante aumento dos delitos de LGTBIfobia. A censura, a invisibilización e a negación de dereitos son unha ameaza directa á convivencia democrática. Non o imos permitir. Como socialistas, alzamos a voz con firmeza: fronte ao odio, máis igualdade. Fronte á intolerancia, máis educación. Fronte ao retroceso, máis orgullo.

PSdeG-PSOE reafirma o seu compromiso coa defensa da liberdade e a diversidade nas cidades, pero tamén no ámbito rural, onde aínda existen moitos silencios e medos que romper. Apostamos por unha Galicia onde as persoas LGTBI poidan vivir con dignidade e visibilidade e por unha educación inclusiva que forme en igualdade dende a infancia.

Seguiremos impulsando políticas públicas valentes que garantan a igualdade real das persoas LGTBI, asegurando tanto o marco legal como a súa aplicación efectiva. Defenderemos os dereitos conquistados fronte a calquera intento de retroceso e traballaremos para ampliar as proteccións e garantir vidas libres de discriminación, violencia e odio. Porque os dereitos non se negocian: deféndense e fanse valer con vontade política.

O Orgullo é memoria, presente e futuro. É celebración, mais tamén loita. É dereito a vivir sen medo e en liberdade.

Animamos á cidadanía galega a sumarse ás mobilizacións e actividades do Orgullo en todas as comarcas e cidades de Galicia.

Porque Galicia é diversa. Galicia é orgullosa. Viva o Orgullo LGTBI!

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Galicia é diversa, Galicia é orgullosa: Manifesto do PSdeG-PSOE polo Día do Orgullo LGTBI 2025

Jonathan Miranda, novo Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño

Share Button

Tralos congresos federal, nacional e provincial, a Agrupación Socialista de Cariño pechou o presente ciclo congresual este pasado sábado, 31 de maio, coa celebración da Asamblea Extraordinaria para a renovación da súa Comisión Executiva, na que Jonathan Miranda resultou elexido Secretario Xeral.

Jonathan é Técnico Superior en Administración e Finanzas e concelleiro socialista na corporación municipal dende o ano 2015, estando a cargo das áreas de Facenda, Cultura, Deportes, Educación e Xuventude nos dous últimos gobernos encabezados polo noso partido (2015-19 e 2019-23). É militante do PSdeG-PSOE dende hai máis de 15 anos, tendo desempeñado diversas responsabilidades na Agrupación Socialista de Cariño, entre elas a de Secretario de Organización e Administración entre marzo de 2022 e maio de 2025. Está acompañado por María José Fraguela na Vicesecretaría Xeral e Secretaría de Política Municipal, Benestar Social, Servizos Públicos e Igualdade; e por Alberto Iglesias na Secretaría de Organización, Acción Electoral e Administración. As restantes secretarías de área da nova Comisión Executiva Local serán desempeñadas por Carlos Pernas (Cultura e Deporte e Adxunto á Secretaría de Organización), Ana Fachal (Desenvolvemento Local e Emprego), Lois Armada (Formación e Memoria Democrática), José Miguel Alonso (Medio Natural), José Pérez (Novas Tecnoloxías e Comunicación) e Carmen del Río (Xuventude). Como representante no Comité Provincial resultou elexida María José Fraguela.

Jonathan Miranda substitúe na Secretaría Xeral a José Miguel Alonso, que ocupou o posto durante máis de 11 anos dende que fora elexido en febreiro de 2014. Dende a Agrupación queremos agradecerlle o traballo realizado en todos estes anos, nos que gañamos dúas eleccións municipais (2015 e 2019, estas últimas con maioría absoluta) e nos que o socialismo cariñés estivo representado nas Executivas Provincial e Nacional. A súa presenza na nova Executiva Local garantiza que poderemos seguir contando coa súa implicación.

A Agrupación Socialista de Cariño afronta con ilusión e compromiso esta nova etapa, na que pretende centrarse en tres obxectivos principais. En primeiro lugar, seguir sendo un instrumento de participación política e formación en torno ós ideais do socialismo democrático. En segundo lugar, gañar as vindeiras eleccións municipais e recuperar a Alcaldía cun proxecto renovado e ambicioso que supere a actual situación de parálise municipal. En terceiro lugar, pero non menos importante, contribuír ó proxecto socialista en Galicia e no conxunto do estado mediante a participación activa en procesos orgánicos, campañas electorais ou foros de debate.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Jonathan Miranda, novo Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño

Resumo do Pleno Ordinario celebrado o 29 de maio

Share Button

O pasado xoves, 29 de maio, tivemos Pleno Ordinario. O equipo de goberno non incluíu na Orde do Día ningún asunto para debater, polo que pasamos a explicar os Rogos e Preguntas que realizamos dende o Grupo Municipal Socialista.

Comezamos explicando a ausencia por motivos persoais do noso Portavoz, José Miguel Alonso, no Pleno anterior.

Como levamos facendo dende hai bastantes Plenos, pedimos a creación de vídeo-actas, coa posibilidade de que toda a veciñanza poda ver os Plenos en streaming. Tamén solicitamos que colguen na páxina web as actas (non supón ningún custo económico para o Concello), para que a poboación poda ler os acordos.

Preguntamos pola situación de Marcultura, en Sismundi. Recordámoslle á Alcaldesa que a concesión de dominio público á empresa xa debe estar vencida, polo que debe falar con Costas para coñecer a situación actual do expediente e, en todo caso, debe ser a propia empresa a que recolla todo o material que alí se atopa.

Recordamos a petición do pintado da parada de taxis. Tamén pedimos que contacten co colectivo de taxistas do Concello para estudar a retirada da cabina telefónica, que está sen uso e en malas condicións, e coloquen no seu lugar un panel informativo cos datos de contacto do servizo de taxis.

Pedimos á Alcaldesa que se reúna coa Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestructuración Bancaria (SAREB), xa que é titular de varios edificios sen habitar no noso Concello. Sería interesante que os puxeran en aluguer, xa que así evitaríamos o seu deterioro e ampliaríamos a escasa oferta de vivenda.

Rogamos que se poña en marcha o Plan Especial do Casco Vello. En dito espazo dispoñemos de moitas vivendas baleiras e moitas en mal estado, que, logo de aprobar o Plan e solicitar un Área de Rehabilitación Integral, permitirían ampliar a oferta de vivenda e crear novos empregos cos traballos de rehabilitación. En xuño de 2023, estaba todo listo para a aprobación inicial.

Tamén pedimos que se retomen os traballos do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), paralizados dende xuño de 2023. No novo PXOM estaba prevista a declaración de San Xiao e a Vacariza como núcleo rural, o que obrigaría ás empresas eléctricas a asumir o coste económico de levar o subministro eléctrico ás vivendas (no seu momento estaba valorado en máis de 120.000€).

En decembro de 2023, a licitación do proxecto de Renovación de pavimentos na Rúa Río Miño, Río Sor e Sanchola quedou deserta. Dende aquela, non volveu a saír a licitación. Según comentan, está o enxeñeiro actualizando os prezos para volver a licitar a obra.

Preguntamos se hai algunha novidade na situación da praza do médico do Centro de Saúde. A Alcaldesa responde que non hai médicos, e que prefiren quedar nas cidades antes que vir a Cariño. Pedimos que reclame á Xunta de Galicia que “faga atractiva” a praza incrementando o complemento específico para que sexa cuberta en propiedade, evitando que exista unha sanidade de primeira e outra de segunda en función da localidade donde residamos.

En Plenos anteriores o equipo de goberno dixo que xa estaba todo listo para poñer en marcha a Aula Mentor. Preguntamos se xa teñen unha data e din que para setembro.

A Alcaldesa informa, despois da nosa pregunta, que xa tivo unha reunión co Presidente da Deputación. Comenta que non falaron das subvencións que o goberno socialista tiña acordadas (cubertas do Polideportivo e Auditorio, por uns 200.000€) e pediron axuda para a compra dun camión para implantar un novo proxecto de reciclaxe.

Pedimos información sobre a situación do Polideportivo. Informan que aínda non teñen data para as obras. Para a cuberta do Auditorio dinnos que pediron dúas axudas. Preguntamos se son compatibles entre si, e se vai a ser posible cumplir cos requisitos das dúas á hora de executar e xustificar en caso de que as concedan. Contestan “que xa se verá, que hai que probar”.

Logo de varias reunións da Mesa de Negociación para tratar a Relación de Postos de Traballo (RPT), rogamos que fagan unha actualización completa da proposta, xa que están a traballar co proxecto de 2019.

Vimos o Decreto polo que sacan a licitación o subministro eléctrico, e preguntamos o motivo de que non o fagan a través da Central de Contratación da FEMP, á que nos adherimos en outubro de 2020. Entendemos que o prezo para unha maioría de Concellos de España vai a ser máis baixo que a oferta que realicen as empresas só para o noso Concello.

Preguntamos se contactaron coa Dirección Xeral de Medio Ambiente para tratar o tema do xabarín en Cariño. A resposta foi clara: non.

O pasado 14 de abril, a Deputación da Coruña publicou no BOP unhas bases para a contratación de Arquitectos e Arquitectos Técnicos por parte dos concellos. Informan que o Concello non solicitou a adhesión e que o van a estudar.

O Celta de Vigo enviou a todos os concellos de Galicia unha camiseta e unha bandeira para pedir o apoio no último partido. A Concelleira de Deportes di que nuns días sacarán unha foto coa directiva do CD Cariño, agora que xa rematou a tempada.

Pedimos información sobre unhas cartas que lles chegaron a varios propietarios das Vivendas de Uso Turístico (VUT). A Alcaldesa comenta que o asunto xa está solucionado.

Rogamos que dende Servizos Sociais se poña en marcha unha listaxe de veciños e veciñas electrodependentes (utilizan máquinas conectadas á corriente eléctrica como respiradores, etc.), para que en momentos de apagón ou avaría eléctrica, dende o Concello se poñan en contacto con eles e axudalos no que necesiten.

En 2023, o actual equipo de goberno renunciou a unha axuda para a instalación de desfibriladores automáticos no Polideportivo e na Piscina. Preguntamos se van a retomar a proposta, xa que a vemos moi necesaria. Contestan que se sae unha axuda para esto a van a pedir.

No mes de febreiro solicitamos, xunto ao BNG, unha reunión da Xunta de Portavoces para tratar o cambio de nome das rúas, aprobado no Pleno, así como a proposta do Grupo Municipal Socialista de creación do Consello Municipal da Memoria Democrática. A Alcaldesa di que nalgún momento nos vai a convocar. Tamén preguntamos o motivo polo que non se incluíu na orde do día deste Pleno a proposta de cambio de nome do Colexio, aprobada polo Claustro e polo Consello Escolar. Din que non lles deu tempo.

Preguntamos polo expediente de reversión dos terreos de Portos a Costas para a posterior cesión ao Concello. Parécenos un “imposto revolucionario” que Portos lle cobre ao Concello pola utilización de terreos que xa non teñen uso portuario e que estamos a manter (Praza Roxa, terreos onde se ubican a Casa do Concello e o Mercado, etc). Segundo noticias publicadas na propia páxina web de Portos, xa mantiveron reunións con moitos concellos para aprobar a reversión (Cangas, Vilanova de Arousa, Foz, A Guarda, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Cambados, Bueu, Oleiros, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Laxe, Rianxo, Poio, O Grove, Mugardos e Moaña), pero Cariño non está entre eles. A Alcaldesa informa que mantén contacto con Portos, pero que aínda non saben nada.

Vimos a resolución das axudas do GALP A Mariña – Ortegal de data 21 de maio. Cariño solicitou unha axuda de case 50.000€, pero non a concederon xa que Intervención realizou un informe no que dí que o investimento solicitado non era competencia muncipal.

O día 13 de maio, a Alcaldesa asinou a Resolución de Alcaldía coa liquidación de 2024. Entre os datos máis importantes (véxanse as gráficas que acompañan a esta entrada), están os seguintes:

Fondos líquidos a 31/12/2024: 1.204.170,76€ (+376.946,37€ respecto ao 31/12/2023).

Remanente: 1.078.593,95€ (+548.331,24€ sobre o remanente de 2023).

– Resultado presupostario: 348.818,46€

– Estabilidade: 487.208,51€

Rogamos ao equipo de goberno que deixen de dicir que o Concello non ten cartos, e que utilicen parte do remanente en investimentos moi necesarios para Cariño.

Rematamos con outro rogo ao equipo de goberno: “rogamos que se dediquen a cazar subvencións (algunhas xa se lles escaparon) en lugar de levar a cabo unha caza de bruxas entre a veciñanza que non opina como vostedes”.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Resumo do Pleno Ordinario celebrado o 29 de maio

Nordeste en 20 portadas: cincuentenario dunha publicación histórica

Share Button

Neste mes de maio de 2025 cúmprense 50 anos da publicación do primeiro número da revista Nordeste. En maio de 1975, nun Cariño puxante e co dictador aínda vivo, Nordeste xurdía no ámbito parroquial como un voceiro que combinaba a reivindicación coa crónica da vida sociocultural de Cariño e comarca. Foron cruciais naqueles primeiros tempos da revista -entre os anos 1975 e 1983- os párrocos Francisco Martínez “Pacurri”, Salustiano Pedre e Atilano Maciñeira. Nordeste aínda coñecería outras tres etapas máis (1988-89, 1993 e 1995-96), polo xeral de duración efímera, da man da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño.

Nordeste foi un voceiro esencial da nosa historia recente. Contribuíu a crear conciencia crítica e reivindicativa, estableceu o argumentario en demandas xustas como o instituto de secundaria ou a independencia municipal, xerou vínculos con persoeiros da política e da cultura, foi unha escola en distintas facetas (escritura, ilustración, edición…) para varias xeracións de rapaces/as… Alén do papel que desempeñou nas súas diferentes épocas, na actualidade é unha fonte hemerográfica fundamental para coñecer o acontecido naqueles anos. Tódolos números da revista están hoxe dispoñibles en internet grazas a un proxecto liderado polo goberno socialista durante a pasada lexislatura.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño consideramos que o cincuentenario de Nordeste é un acontecemento para reivindicar e reflexionar. Por esta razón, hoxe lanzamos unha iniciativa titulada Nordeste en 20 portadas, que consistirá na publicación comentada, no noso perfil de Facebook, dunha selección de 20 portadas representativas da traxectoria da revista e da nosa historia recente. Comezamos coa portada que acompaña a esta entrada, correspondente a ese primeiro número aparecido en maio de 1975. As seguintes irán saíndo ó longo das vindeiras semanas, como parte do que agardamos sexa unha conmemoración máis ampla na que xa estamos a traballar.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Nordeste en 20 portadas: cincuentenario dunha publicación histórica

Por unha Unidade de Rehabilitación Cardíaca na Área Sanitaria de Ferrol: moción do Grupo Municipal Socialista

Share Button

Mapa Área Ferrol

Como xa explicamos nunha entrada anterior desta web, no Pleno Ordinario do Concello de Cariño celebrado o 27 de marzo o Grupo Municipal Socialista presentou dúas mocións. Ambas foron aprobadas cos votos favorables do noso partido e do BNG, recibindo o voto en contra do PP. Unha delas, que reproducimos a continuación, solicitaba a creación unha Unidade de Rehabilitación Cardíaca na Área Sanitaria de Ferrol.

 

MOCIÓN PARA A CREACIÓN INMEDIATA DUNHA UNIDADE DE REHABILITACIÓN CARDÍACA NA ÁREA SANITARIA DE FERROL

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño de acordo ao disposto no artigo 71.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao pleno Municipal a seguinte MOCIÓN para a creación dunha Unidade de Rehabilitación Cardíaca na Área Sanitaria de Ferrol.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Segundo a OMS, “a Rehabilitación Cardíaca (RC) é un conxunto de actividades necesarias para asegurar ás persoas afectas de cardiopatías unha condición física, mental e social óptima, que lles permita ocupar, polos seus propios medios, un lugar tan normal como lles sexa posible na sociedade” (ano 1964).

En España, a cardiopatía isquémica é a primeira causa de mortalidade provocando un elevado custo económico, social e unha deterioración importante da calidade de vida das persoas afectadas.

Os programas de Rehabilitación Cardíaca son sistemas terapéuticos multifactoriais, destinados a persoas que padecen enfermidades do corazón.

Neles, coa práctica de exercicio físico programado e a actuación sobre os factores de risco cardiovascular, conséguese ralentizar a progresión da arteriosclerosis e unha diminución de novos episodios coronarios, así como o número de hospitalizacións e mortalidade por cardiopatía isquémica, mellorando o benestar das persoas afectadas por esta doenza e a súa reinserción sociolaboral.

As guías de práctica clínica internacionais recomendan sistematicamente que os pacientes con enfermidades cardíacas participen nos programas de RC para a prevención secundaria integral, con máxima evidencia, segundo o rexistro COCHRANE realizado en 2019.

O momento en que se debe iniciar unha RC xorde coa denominada Fase I: fase de ingreso hospitalario dirixida a non perder masa muscular ou elasticidade co repouso.

A Fase II: É o período máis importante da rehabilitación. Iníciase tras o alta hospitalaria comprendendo os dous primeiros meses. Nesta fase prográmase o nivel de exercicio de cada doente, segundo as súas características clínicas e proba de esforzo, tentando evitar complicacións.

A Fase III: debe durar toda a vida do doente. Tenta unha reintegración do doente á súa contorna socio-laboral e familiar.

Interesa lembrar os indicadores nas unidades de rehabilitación cardíaca, onde se conseguen magníficos resultados nas persoas afectadas por esta doenza, así podemos ver que:

1) O 70% dos doentes conseguen obxectivos de control lipídico <55 mg/dl. Para iso o 80% dos doentes reciben tratamentos combinados con estatina de alta potencia e ezetimiba. O 5% reciben terapias con IPCSK9.

2) O 60% dos doentes son hipertensos, deles o 90% terminan os programas coa hipertensión arterial controlada.

3) O 35% son fumadores ao comezo dos programas, pero o 93% consegue o cesamento do tabaquismo ao alta.

4) O 27% ten diabetes e ao alta o 90% reciben tratamento con protección cardiovascular e renal.

5) O 63% dos atendidos teñen sobrepeso ou obesidade e a metade deles perden peso, mesmo en programas curtos.

6) O 80% dos doentes melloran máis dun MET a capacidade funcional ao terminar o programa de rehabilitación cardíaca.

A instalación de Unidades de Rehabilitación Cardíaca en Galicia non é equitativa, en relación as áreas sanitarias existentes. Unha situación que debe ser corrixida para evitar a desigualdade social e que o peso do código postal dos doentes galegos, sexa o maior factor de desequilibrio territorial.

Por elo, é esixible e necesario que todos os hospitais galegos, dispoñan de unidades de rehabilitación cardíaca, ben dotadas de recursos técnicos e humanos.

Na actualidade, en Galicia, existen seis unidades de RC no Servizo Galego de Saúde: Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra, Vigo e Barbanza.

A Unidade máis antiga é a de Lugo, contando con novas instalacións no hospital Lucus Augusti.

A unidade de RC do Hospital Universitario de Santiago conta cun Programa Multidisciplinar de Rehabilitación Cardíaca da sanidade pública compostelá, valorando a máis de 2.000 doentes desde a súa posta en marcha en 2015. Colabora cunha unidade de RC no centro de saúde da Estrada, con doentes de baixo risco. No Clínico conseguiron reducir a morbimortalidade nun 25% entre quenes sufriron algún episodio cardíaco.

Na área compostelá, o hospital comarcal de Barbanza dispón dunha pequena unidade de RC para unha poboación de 60.000 habitantes.

Na área de Pontevedra a colaboración entre varios servizos sanitarios, Cardiología, Medicina Física e Rehabilitación, permitiu no 2021, crear no CHUP unha Unidade interdisciplinar de RC, que abarca a Area Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e prevé atender unha media de 16 doentes á semana e uns 200 cada ano. A Unidade atópase na cuarta planta do Hospital Montecelo e contará cun cadro profesional formado por un médico de Cardioloxía, un facultativo de Rehabilitación, dous técnicos de Fisioterapia e un efectivo de Enfermería.

A Unidade de RC do Hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo, foi ampliada recentemente, para atender 200 doentes cada ano.

A Área sanitaria de Ourense, incorporou, neste ano 2024, unha Unidade de RC no CHOU, cunha media de atención de 30 doentes a semana.

Pero na Área Sanitaria de Ferrol, carecemos de Unidade de Rehabilitación Cardíaca. Un feito incomprensible, dado que a Area Sanitaria de Ferrol é unha das que teñen maior incidencia de episodios de insuficiencia cardíaca o que fai prioritario a existencia de ese servizo.

A Área de Ferrol, conta cunha poboación de mais de 3000 doentes que superaron un episodio de cardiopatía e que precisarían da atención destes servizos de rehabilitación cardíaca. A incidencia anual é de mais de 500 infartos de miocardio que, por fortuna, en gran parte actualmente se recuperan, pero que precisan dunha atención especializada e dun proceso específico de rehabilitación.

Pero estes doentes atópanse totalmente desprotexidos e abandonados polo Servizo Público Galego de Saúde xa que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol non dispón desa necesaria Unidade de Rehabilitación Cardíaca.

Por elo, os doentes de cardiopatía da área de Ferrol teñen que desprazarse a Santiago ou a Lugo, que son os hospitais públicos mais próximos que dispoñen deste servizo.

Isto supón unha grande dificultade para as persoas que padecen esta doenza e as súas familias, xa que o traslado ten que realizarse por medios propios ou públicos, xa que non son atendidos polo transporte sanitario.

Este desprazamento conleva un custe adicional que, en moitas ocasións, non pode ser afrontado polos doentes de sectores económicos vulnerables, o que aumenta aínda máis a desigualdade a hora de acceder a un servizo público esencial, como é a sanidade, que debería ser unha das principais preocupacións da Consellería de Sanidade.

En suma, entendemos que non é de recibo que a Consellería de Sanidade manteña a Área Sanitaria de Ferrol sen este servizo tan importante para a saúde e a calidade da atención sanitaria da nosa poboación, un feito que supón unha desigualdade e agravio manifesto e inaceptable, con respecto as outras áreas sanitarias galegas que si dispoñen de este servizo.

Por todo exposto, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO:

Instar á Xunta de Galicia á creación inmediata dunha Unidade de Rehabilitación Cardíaca na Área Sanitaria de Ferrol para dar servizo aos numerosos doentes de cardioparías existentes na mesma.

En Cariño, a 6 de marzo de 2025

Procedencia da imaxe: Páxina web do SERGAS

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Por unha Unidade de Rehabilitación Cardíaca na Área Sanitaria de Ferrol: moción do Grupo Municipal Socialista