Estudos sobre a historia do PSOE na etapa democrática

Share Button

A revista académica Historia Actual Online inclúe no seu número 51 (2020) un dossier titulado Historia del PSOE en democracia, coordinado por Abdón Mateos, catedrático de Historia Contemporánea na Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) e un dos mellores coñecedores da historia do noso partido.

Mateos, na súa condición de coordinador do dossier, achega un certeiro texto introdutorio no que sitúa os cinco artigos no contexto dos estudos sobre a historia do socialismo español. En particular, destaca a abundancia de traballos centrados en etapas como a II República, a Guerra Civil e a dictadura, mentres que as etapas máis recentes están aínda, como é lóxico, moito menos exploradas. Esta situación confire interese ós cinco traballos que contén este número da revista, a cargo de novos investigadores. Os seus títulos e autores son os seguintes: El PSOE ante la LOAPA. ¿Derecho a la diferencia o igualdad en derechos? (Vega Rodríguez-Flores Parra), La FSA-PSOE en democracia: el SOMA-UGT como correa de transmisión de la corriente guerrista (1979-1993) (Abel González Fernández), El PSOE y el referéndum de la OTAN, 1982-1986 (Javier Soria Pastor), Joaquín Leguina y la “renovación” de los años noventa (David Velázquez Rubio) e Un jacobino irredento: el efímero (y compartido) liderazgo de José Borrell al frente del PSOE, 1998-1999 (Guillermo León Cáceres).

Podes acceder ós artigos aquí.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Estudos sobre a historia do PSOE na etapa democrática

O ensino público no corazón: adeus a Tonecho Álvarez

Share Button

Acaba de deixarnos prematuramente, ós seus 53 anos, o noso compañeiro Antonio Álvarez Cisneros, máis coñecido por Tonecho entre amigos e compañeir@s de partido. Militante do PSOE e do sindicato UGT, foi un excelente coñecedor do ensino público e un firme activista na defensa do mesmo; unha doble militancia político-sindical e un campo de acción que, por certo, compartía cun histórico do socialismo español, Luis Gómez Llorente.
A solvencia e o compromiso de Tonecho neste ámbito foron recoñecidos polos sucesivos secretarios provinciais do partido -Salvador Fernández Moreda, Fran Caamaño, Julio Sacristán e Valentín González Formoso-, que o incorporaron ás súas executivas como Secretario de Educación. Como responsable provincial do partido neste ámbito someteu as políticas educativas de Feijóo a unha rigurosa marcaxe, denunciando os recurtes e o empeoramento das condicións nos centros de ensino público. Sendo tamén unha das nosas principais preocupacións, dende a Agrupación Socialista de Cariño seguimos sempre os seus informes e fixémonos eco do seu traballo nesta páxina web, como podes comprobar buscando no histórico de entradas. O 23 de novembro de 2013 o noso compañeiro estivo en Cariño impartindo a charla Educando en desigualdade: os recurtes no ensino público na comarca do Ortegal, organizada pola nosa Agrupación.
Outra socialista coruñesa, Esther Fontán, concelleira de Medio Ambiente e Sostenibilidade na cidade herculina, vén de publicar en La Voz de Galicia un obituario titulado Antonio Álvarez Cisneros, un apasionado por la educación, que reproducimos a continuación:
Lo suyo no era una profesión, era una auténtica pasión; hasta tal punto era así, que Tonecho y educación parecían expresiones inevitablemente unidas. La familia, los amigos, el sindicato, el partido … Todo lo que le rodeaba tenía ese sello indiscutible; por eso no es de extrañar que cuando en algún recuncho del partido aparecía un problema, una duda o una propuesta educativa, automáticamente también surgía un «habrá que decírselo a Tonecho». Y es que detrás de aquella tupida barba oscura y de sus gafas, su siempre sonriente cara y su mirada pícara te esperaban para atraparte en los entresijos de los problemas e inquietudes de los maestros, del reto educativo de unos chicos bien formados, de las carencias de los colegios, de la insuficiencia de las becas …Dispuesto siempre, y con la misma facilidad, a encabezar una manifestación, redactar un programa o escribir un artículo si con ello contribuía a mejorar la enseñanza pública.
Compartimos muchas, muchísimas horas de proyectos y conversación y ahora, repasando estos años, me doy cuenta de que vivió muy intensamente, y que precisamente por esa forma de vivir resulta más difícil hacerse a la idea de que se haya ido cuando la vida tenía mucho más que ofrecerle y que ofrecernos a nosotros a través de él. Echaremos de menos su empuje reivindicativo, su entrega absoluta a la tarea educativa, su sempiterna socarronería gallega y su cercanía. Hoy la educación pública ha perdido a uno de sus más comprometidos y apasionados defensores, pero su legado está en cada uno de esos chicos que tuvieron la inmensa suerte de ser sus alumnos, en los maestros que compartieron docencia con él, y en los compañeros del sindicato y del partido que soñamos con él días más solidarios y justos. Buen viaje amigo, dejas tanto que será imposible olvidarte.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en O ensino público no corazón: adeus a Tonecho Álvarez

Arranca o 2020

Share Button

Non podemos agochar que 2019 foi un ano bastante satisfactorio en termos políticos. En Cariño renovamos o Goberno Municipal con maioría absoluta, mentres que a nivel estatal o noso partido gañou por partida dobre as eleccións xerais. No resto dos comicios que tiveron lugar o resultado foi moderadamente satisfactorio. O ano rematou coa noticia de que a investidura para un goberno progresista en España está a piques de concretarse, tal como vén de quedar confirmado esta mesma tarde. Agardamos que o 2020 sexa tamén o ano do cambio político na Xunta de Galicia. Queda moito por facer en tódolos ámbitos, pero estamos no bo camiño.

Por varias razóns non puidemos manter en 2019 a frecuencia de publicación desexable nesta páxina web. Publicamos só 10 entradas, a maioría relacionadas coa precampaña e campaña das eleccións municipais. Aínda que na Agrupación Socialista de Cariño temos outra canle de comunicación virtual que é a páxina de Facebook, na que publicamos contidos a cotío, agardamos ter mellor atendida esta web no ano que comeza. En 2019 esta plataforma online cumpríu unha década co seu formato actual de publicación regular de entradas nesta páxina principal. Dende o ano 2003 a nosa Agrupación mantén unha presenza continuada na rede co dominio psoecarino.org. Aínda que temos a vocación de mellorar día a día, o certo é que ningunha outra forza política no noso Concello ten amosado este nivel de compromiso coa información e a participación en internet.

Como facemos habitualmente en cada cambio de ano, queremos tamén lembrar a compañeir@s de partido e a outras personas do ámbito da esquerda que nos deixaron en 2019 e que nos inspiraron coa súa acción política ou coas súas ideas. Sen ánimo de exhaustividade, e pedindo desculpas polas omisións, vaia o noso recordo e recoñecemento para Camilo de Dios, Octavio Dopico, Raúl Fernández, Rafael Mato, Chelo Rodríguez López, Pilar Valiño, Vicente Álvarez Areces, Santos Juliá, Eduardo Martín Toval, Alfredo Pérez Rubalcaba, Darío Rivas, Juan Trías Vejarano, Marta Harnecker e Immanuel Wallerstein.

Desexámosche o mellor para o 2020.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Arranca o 2020

Arranca a lexislatura: Alonso Pumar, reelexido Alcalde de Cariño

Share Button

Este sábado, 15 de xuño, ás 12 da mañá arrancou a novena lexislatura na historia municipal de Cariño coa celebración da sesión de investidura. Como xa estaba previsto, o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar foi reelexido Alcalde de Cariño co voto d@s sete concelleir@s socialistas elect@s o pasado 26 de maio (na foto, o novo Grupo Municipal Socialista).

Alonso Pumar arrancou o seu mandato cun emotivo discurso que reproducimos a continuación:

Compañeiros e compañeiras, Concelleiros, Secretaria Municipal, familiares, amigos e, sobre todo, veciños e veciñas que esta mañá nos acompañades neste solemne evento.

O pasado 26 de maio os cariñeses acudiron ás urnas para expresar a súa vontade libre e democrática e hoxe, dacordo á normalidade institucional e aos prazos establecidos pola lei, configuramos unha nova corporación local. Esta é a novena corporación que terá Cariño na historia da nosa nova democracia.

Quero por iso comezar dando a benvida a todas as concelleiros e concelleiros da nova corporación, ofrecendo unha primeira mensaxe de necesaria cordialidade e compromiso: e é que espero que todos sexamos conscientes do que supón este momento, e da responsabilidade que asumimos para os próximos anos, que é moito máis que un simple ou sinxelo xogo político.

Hoxe constitúese a corporación dun Concello que é o froito do que os veciños expresaron hai escasas datas, cun resultado que foi concluínte. Os veciños do noso municipio outorgaron a súa confianza maioritaria a un equipo que representa un modo concreto de facer política: o da política baseada no respecto ás persoas e na defensa da igualdade de oportunidades. E quero por iso que as miñas primeiras palabras sexan de agradecemento para eses 1.218 veciños e veciñas que confiaron no proxecto que representamos e que supuxeron máis do 57% dos electores. Estámoslles enormemente agradecidos por crer nun proxecto amable, meditado e realista. Unha folla de ruta que comunicamos con nitidez á veciñanza desde o primeiro día; unha liña argumental que nunca tivo medias tintas e que procura defender os intereses da maioría.

O noso é un proxecto que estivo desde o principio realmente comprometido con Cariño, e con ningún outro interese que non fose seguir traballando da man dos nosos veciños e para os nosos veciños.

Quizais sexa razoable pensar que o resultado electoral fose consecuencia dese pacto real e sinceiro co pobo, un respaldo que nos achega máis enerxía. E xa se sabe que a enerxía non se destrúe, senón que se transforma. E nós queremos convertela en máis e mellor capacidade de traballo.

Pero quero dicir tamén que hoxe, como sempre fixen, este alcalde ponse ó servizo de todos cantos apoiaron a outras forzas políticas e tamén, por suposto, a disposición de quen lexitimamente decidíu, por algún motivo, non acudir a votar. Tentaremos gañarnos con traballo, honestidade e sinxeleza, a confianza e o respecto de todos e cada un deles.

E ídesme a permitir agora tamén neste momento inicial de agradecementos que teña unhas palabras de agarimo para quen se vai. Para todos os concelleiros saíntes: José Manuel, Alberto, Taracido ou Puri. Graciñas no meu nome, pero seguro que tamén no nome dos veciños, polo voso traballo en prol do ben colectivo de Cariño.

Tamén quero facer unha mención especial para eses tres compañeiros que durante estes últimos catro anos fixéronme medrar fundamentalmente como persoa, porque creo que precisamente iso, ser persoa, é a principal virtude que debe ter quen queira dedicarse á política. Son eses tres compañeiros cos que viaxei durante este tempo nun barco que foi quen de saír da tormenta; que nunca botou áncoras porque o noso proxecto non entende de cansazos, hastíos ou descansos. Unha e outra vez tratamos de estar no lugar axeitado para non fallar ós nosos veciños. Sabemos que non sempre o conseguimos, pero tentámolo desde a honestidade.

Así que moitas grazas por todo, compañeiros. Grazas Alberto, María José e Jonathan.

Sabedes ben que nestes días desde as eleccións foron moitas as persoas que nos felicitaron. Por suposto nós agradecémolo moito, pero a mellor das respostas que podemos dar é a do traballo constante combinado con tres factores fundamentais:  a sensibilidade, a humildade e a humanidade.

Dicía Tierno Galván, fantástico alcalde socialista da cidade de Madrid, que “é difícil ser bo e forte á vez. E, polo común, canto máis forte é un, menos razón se ten”.

Polo tanto, coidado: a forza do novo goberno, un goberno en maioría porque así o quixeron os nosos veciños, non debe nublar a nosa razón. Habemos de continuar sendo absolutamente honestos e xustos nas nosas decisións. Porque a igualdade e a xustiza nesas decisións que se tomen non só nos converterán en mellores políticos, senón que nos farán mellores persoas a todos cantos debemos convivir no noso pobo, trasladando unha clara mensaxe de garantía de presente e, por tanto, tamén de futuro.

Reafirmo o meu compromiso de garantir que a nosa administración pública, a que sostemos entre todos os veciños e veciñas, sexa a principal aliada de cada un de nós. Vou centrar boa parte dos meus esforzos en que a acción da administración local sexa xusta e igualitaria para todos; en obter o mellor rendemento da estrutura pública municipal. Porque un Concello debe ser o principal aliado -e en ningún caso un inimigo- da veciñanza.

Iso implicará que a transparencia será un dos eixos centrais da acción do goberno, tal e como recolle o noso programa electoral. Poñeremos en marcha medidas que procuran afondar nun mellor e máis claro coñecemento por parte dos cidadáns do funcionamento desta institución pública, así como da xestión dos seus recursos. Porque queremos unha administración transparente como o cristal.

Señores concelleiros e concelleiras, amigos e amigas: Cariño non foi alleo á durísima crise económica que atravesou o planeta, con especial incidencia no noso país, onde determinadas realidades estruturais fixeron efecto fundamentalmente no emprego, provocando unha enorme brecha entre a gran maioría social e unha pequena clase privilexiada totalmente deshumanizada. No noso pobo, e froito dunha conxuntura empresarial que a ninguen escapa, as consecuencias da crise víronse acentuadas.

Pouco pode facer un goberno local como o que desde hoxe volvo a encabezar por loitar contra o resultado contable negativo desta ou aquela empresa privada. Pero teño claro que si podemos facer moito no campo directo das nosas competencias, que pasan por apoiar a quen pretende botar a andar o seu proxecto empresarial, rebaixar atrancos burocráticos, despregar unha zona industrial no novo PXOM, loitar no fomento dun maior e mellor turismo de excelencia ou traballar conxuntamente cos concellos veciños na transición do modelo económico produtivo da nosa comarca. E para acadar isto último o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal está chamado a ser a ferramenta necesaria sobre a que deban xirar boa parte das sinerxias do traballo institucional. Porque un turismo de calidade baixo o paraugas promocional da Unesco non só xerará o caldo de cultivo necesario para crear oportunidades de negocio no sector terciario da economía local senón que ademais acadará mellores condicións laborais para os empregados do sector servizo no noso pobo. Precisamos unha sociedade laboralmente máis activa e equilibrada, porque só así será máis igualitaria.

Estamos ao dispor de todos os empresarios locais, pero tamén daqueles que non sendo de aquí vexan en Cariño un nicho de oportunidade para desenvolver a súa idea de negocio. Debemos entender que podemos ser capaces de facer aínda mellor as cousas; capaces de detectar onde están os problemas para optimizar o modo en que canalizamos o noso cada vez máis crecente turismo; capaces de colaborar para que a organización de eventos de tipo cultural ou deportivo sexa aínda mellor e posible entre todos. Disto último, cómpre dicilo, vimos de dar grandes e recoñecidos exemplos como sociedade. Porque en Cariño somos así, solidarios e colaborativos.

E farémolo salvando o necesario equilibrio orzamentario municipal, felizmente xa restablecido e absolutamente necesario para o mantemento e avance firme dos servizos públicos locais.

É por iso que non debemos conformarnos, porque das nosas accións de hoxe dependerá o mañá dos nosos fillos. Debemos ser escrupulosamente responsables, e máis esixentes que nunca con nós mesmos porque hai concellos, non moi lonxe do noso municipio, que fixándose no referente de Cariño e impulsaron accións públicas similares ás que nós puxemos en marcha de maneira pioneira.

Porque cando falo de turismo, falo tamén de industria, de comercio, de pesca, de marisqueo, de artesanía… En definitiva, de desenvolvemento local.

Pero tamén imos a facer fincapé en pretender o mellor benestar da veciñanza, o outro gran sustento do ideario daqueles que nos sentimos progresistas e comprometidos coa xente.

Vós, os veciños e veciñas da Pedra, Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, ides ser por este motivo centro de cada unha das nosas accións de goberno. E é por iso que nos comprometemos a emprender toda unha serie de intervencións sociais, insistindo particularmente en dous dos sectores poboacionais que máis o precisan: os nosos mozos e os nosos maiores.

Camiñar definitivamente cara a posta en funcionamento do Centro de Día e artellar alternativas de ocio para os rapaces son para este equipo de goberno obxectivos ineludibles. Como é lóxico, manteremos e melloraremos algúns dos servizos xa postos en marcha na lexislatura que remata, particularmente aqueles que teñen que ver coa conciliación da vida laboral; falamos, por exemplo, dos campamentos de conciliación “Concilia Cariño” e do Punto de Atención á Infancia. Pero tampouco nos esqueceremos de afianzar aínda máis o estreito vínculo de apoio conxunto creado entre o Concello e os colectivos sociais, deportivos ou culturais que existen no noso municipio, sempre desde a absoluta lealdade. Con eles xa establecemos relacións de colaboración altruista e voluntaria, pero tamén unha liña de axudas e convenios que permiten que a actividade que desenvolven afiance o gran obxectivo común da cohesión social cariñesa e da conservación das nosas tradicións.

En materia de Urbanismo, seguiremos apostando polo Plan Especial do Casco Vello, un instrumento que a medio prazo está chamado a permitir a rehabilitación e conservación da esencia arquitectónica do noso pobo, ademais de xerar toda unha fonte de oportunidades nos sectores laborais vencellados coa construcción. Sempre con altura de miras, e como digo garantindo a conservación da nosa contorna urbana.

E imos iniciar a aprobación dun novo Plan Xeral de Urbanismo para garantir un mellor futuro a Cariño, dispoñendo cantas accións sexan necesarias para permitir o desenvolvemento de zonas de asentamento industrial. Un ordenamento urbanístico racional e o respecto ó Medio Ambiente serán as únicas liñas vermellas.

Remato, concelleiros e concelleiras, estimados veciños e veciñas.

Como vedes, o proxecto do goberno que me toca dirixir compromete medidas propias de calado, incluídas no programa electoral que presentamos hai semanas ós veciños e que, como dicía, obtivo o respaldo maioritario dos habitantes deste concello. Un programa completo e cheo de propostas ilusionantes e realistas que, unha vez máis, trataremos de executar tanto como nos sexa posible.

Abofé que algunhas desas propostas son compatibles coas doutros partidos políticos aquí representados. Os socialistas de Cariño, hoxe máis que nunca e como xa temos acreditado en numerosas ocasións, tendémoslles a man á colaboración institucional e asumiremos como propias cantas actuacións e propostas coincidentes cos intereses e prioridades de Cariño nos fagan chegar.

Considérome unha persoa traballadora e honesta, e teño na mesma consideración á voceira do Partido Popular e ó voceiro do Bloque Nacionalista Galego; humildemente creo tamén ser unha persoa dialogante. Polo tanto no que de min dependa non vou desfalecer no empeño de atopar puntos de consenso entre todos nós.

A ambos partidos asegúrolles que os concelleiros socialistas e eu mesmo non teremos problemas á hora de asumir propostas sensatas que deban vir a este Pleno no seu nome.

E é que estou seguro de que as ideas se sementan, para recoller delas programas e accións concretas de presente e de futuro. Accións que transforman. As ideas permiten cambiar o mundo, tamén en concellos como Cariño.

E é por iso que estamos comprometidos, sen temor, a debater impresións que fagan posibles accións concretas de goberno, convencidos de que serán as boas ideas as que sigan permitindo, como ata agora, o progreso de Cariño.

Non estarei só nesta tarefa. Teño ao meu lado un bo equipo. Un moi bo equipo. Seis concelleiras e concelleiros apaixonados por comezar unha experiencia que nos fará grandes como persoas xunto a todos vostedes, cada día. Jonathan, María José, Alberto, Carmen, Ana e Belén. Non foi fácil chegar ata aquí, como moi ben sabedes. Pero aquí estamos, con absoluta humildade e dispostos a traballar. Porque diso se trata, de traballar arreo.

Apoiados por outras moitas persoas, como aquelas que integraron a nosa candidatura: Lois, Carmen, Jose, Marisa, Iria, Lorenzo, Sara, Suso e Maruja. Moitísimas grazas, de verdade, por todo o voso apoio.

E xa si termino, amigas e amigos. Hai catro anos entendín que debía dar un paso á fronte, primeiro porque así mo pediron os meus compañeiros de partido, e despois porque realmente sentía que podía colaborar en mellorar o que para min é o máis fermoso lugar do mundo: Cariño.

Pero quero que todos saibades hoxe que ademais dese respaldo dos compañeiros do PSG-PSOE atopei tamén o apoio sen condicións da miña familia, especialmente o da miña muller, o de Mabel, a quen hoxe quero dicirlle que tratarei de seguir equilibrando da mellor maneira posible a miña actividade como alcalde coa de marido e pai. Estou tan convencido de que entre Martín, ti e máis eu seremos quen de acadalo como de que o meu pobo saberá respectalo sen dúbidas e como ata o de agora.

Espero, veciños e veciñas, non equivocarme moito pero xa vos digo que cando o faga non dubidarei en pedir perdón. Nunca tiven tal dúbida, porque non temo chamar as cousas polo seu nome. Porque quero ao meu pobo; porque aquí nacín e aquí me criei. Cando toque tomar unha decisión complexa… poderá alguén no seu san xuizo pensar que procuro algo malo para o meu concello?. A resposta é tan clara como rotunda: NON.

E é por este motivo que pido a todos un exercicio de crítica construtiva, que sirva para mellorar as cousas, pero non para destruír, e menos aínda por razóns que nada teñan que ver co ben xeral das cariñesas e dos cariñeses. As cousas costan moito, moitísimo traballo construilas, sabémolo ben aqueles que lle temos roubado moitas horas ao sono, pero abondan só 5 minutos para desfacelas.

Porque a crítica destructiva non se converte unicamente nun ataque contra quen goberna, senón que habitualmente dana o bo nome e o futuro do noso pobo cando se ten a capacidade de proxectar unha mala imaxe de Cariño, a marca que debemos coidar entre todos.

Dividirnos faranos débiles; unirnos, pola contra, faranos fortes.

O noso non é un pobo calquera. E non o é grazas ao esforzo pasado e actual de moita xente. Por iso sinxelamente confiamos nos e nas cariñeses e cariñesas. E tamén por iso comprometinme a actualizar e a rexuvenecer o noso proxecto, sen desvaluar o grao de traballo e constancia empregados no pasado, moi ao contrario, elevándoos para que no horizonte do medio prazo Cariño albisque os froitos que todos desexamos grazas as sementes que hoxe mesmo comezamos a sementar.

Tendémosvos a man, e lanzámosvos unha invitación que á súa vez é un compromiso: debemos facelo entre todos. Debemos ser capaces de gañar o noso futuro; por suposto por todos cantos están, pero tamén para render a mellor das homenaxes a aqueles que marcharon deixándonos para sempre un inesquecible recordo de loita e esforzo. Deles aprendemos.

Moitas grazas e boa sorte.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Arranca a lexislatura: Alonso Pumar, reelexido Alcalde de Cariño

Eleccións municipais en Cariño: algunhas reflexións

Share Button

Superadas as emocións iniciais, chega o momento de facer unha reflexión máis pausada sobre os resultados electorais do pasado domingo 26 de maio en Cariño.

Como é ben sabido, o noso partido gañou as eleccións municipais con maioría absoluta. Cunha participación do 63,6 %, obtivemos 1.218 votos que supoñen o 57,21 % dos emitidos. O Partido Popular (PP) foi a segunda forza con 583 votos (27,38 %). Finalmente, a candidatura do Bloque Nacionalista Galego (BNG) obtivo 307 votos (14,42 %). Estes resultados proporcionan ó PSdeG-PSOE un total de sete concelleiros/as, así como tres ó PP e un ó BNG.

A comparación cos resultados das eleccións europeas, que tiveron lugar o mesmo día, ofrece un panorama interesante. A participación foi case tres puntos inferior (60,94 %), pero, mentres PP e BNG practicamente manteñen o mesmo apoio que nas municipais (553 votos, 27,3 % PP; 309 votos, 15,25 % BNG), o noso partido incrementa en case vinte puntos o apoio nos comicios locais con respecto ós europeos, nos que obtivemos 786 votos (38,8 %). A progresión no apoio é tamén moi notable con respecto ás municipais de 2015, nas que a nosa candidatura obtivera 856 votos e unha porcentaxe do 37,74% cunha participación practicamente idéntica (63,23 %), aínda que entón concurrira unha cuarta candidatura (AECA).

Polo tanto, a victoria socialista foi rotunda, superando amplamente ás outras forzas políticas en cada unha das seis mesas do termo municipal. Dende a Agrupación Socialista de Cariño entendemos estes resultados como un claro respaldo ó traballo realizado nesta lexislatura polo equipo liderado por José Miguel Alonso Pumar. Está claro que cometemos erros, que nós mesmos recoñecemos, pero en liñas xerais a cidadanía aproba o traballo realizado. Tamén entendemos que os resultados reflexan o apoio á nosa proposta para os vindeiros catro anos, tanto no que respecta ó programa de goberno como ó equipo humano. Non por último menos importante, consideramos asemade que os resultados supoñen un recoñecemento ó traballo colectivo realizado polo socialismo cariñés ó longo dos anos, poñendo sempre os intereses da cidadanía por diante dos partidistas.

De feito, os resultados do pasado domingo confirman ó noso partido como gañador en seis dos últimos nove comicios municipais en Cariño (1987, 1991, 2003, 2007, 2015 e 2019). Constitúen, ademais, o mellor resultado histórico obtido polo noso partido nunhas locais e a segunda maioría absoluta trala acadada hai 28 anos (en 1991) polo compañeiro José Luis Armada Castro. Tampouco hai que esquecer os excelentes resultados acadados noutros concellos do Ortegal, concretamente en Cedeira, Cerdido e Ortigueira, polos que tamén cómpre felicitar ós equipos liderados por Pablo Moreda, Benigno Galego e Juan P. Muras. O PSdeG-PSOE obtivo nove maiorías absolutas nos 20 concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que confirman o bo facer do partido, dos executivos socialistas e os froitos da súa colaboración e bo entendemento a nivel comarcal.

A constitución da nova corporación terá lugar o sábado 15 de xuño e o novo Grupo Municipal Socialista estará conformado por José Miguel Alonso Pumar, Jonathan Miranda, María José Fraguela, Alberto Iglesias, Carmen del Río, Ana Fachal e Belén Gómez. Trátase dun excelente equipo, que combina experiencia con novas caras e no que hai máis mulleres que homes. Repiten os catro edís da pasada lexislatura, volta á corporación Ana Fachal (que xa fora concelleira entre 2003 e 2011) e incorpóranse Carmen e Belén con moitas ideas novas e gañas de traballar.

Como xa fixemos nas redes sociais, queremos expresar o noso agradecemento ás persoas que apoiaron este proxecto e tamén ás que, sen facelo, decidiron participar nesta cita electoral. O apoio recibido constitúe unha enorme responsabilidade e reforza o noso compromiso ante unha cidadanía que, sabémolo ben, acostuma a ser crítica e esixente. Tamén é xusto recoñecer o esforzo realizado polas outras dúas candidaturas que participaron nestes comicios, levando a cabo unha campaña electoral que, en liñas xerais, resultou correcta e respectuosa. É a nosa intención, como sempre fixemos, contar coas súas aportacións e os seus puntos de vista. O noso Concello ten importantes retos por diante e a diversidade de puntos de vista é un dos piares fundamentais nunha sociedade democrática, polo que aquí non vai a sobrar ninguén que queira traballar por unha sociedade de progreso, solidaridade e benestar.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Eleccións municipais en Cariño: algunhas reflexións

Acto de peche de campaña

Share Button

Este venres 24 a partir das 20:30 horas celebraremos o acto de peche de campaña no Bar Bahía. Aquí deixamos o cartel do evento. Estás convidad@.

Publicado en Actualidade | Comentarios desactivados en Acto de peche de campaña